Correos custodia máis porcentaxe de votos estas eleccións de 2023 que no resto de comicios xerais
Tan só un 85% dos electores galegos que solicitaron o voto por Correo en 2019 completaron o proceso de votación, fronte a case un 95% que o fixo este ano
Segundo indican datos proporcionados por Correos, encargada de entregar a documentación de voto por correo aos que así o solicitaron e de custodiar os votos depositados até o día dos comicios, un 94,97% dos electores de Galicia que solicitaran este voto acudiron a realizar o seu sufraxio antes do prazo límite que marcaban Correos e a Xunta Electoral Central.
Así, fixérono en Galicia un total de 139.068 persoas, fronte a un total de 146.144 que o solicitaron. Trátase, por tanto, de tan só un total de 7076 persoas que non o fixeron, ben por motivos persoais ou ben por non ter tempo de facelo. Correos, con todo, afirmaba nun comunicado o pasado 19 de xullo, dous días antes de que se pechase finalmente o prazo para depositar o voto, que entregara xa a documentación para votar ao 100% dos electores que a solicitaron.
O voto por correo destas eleccións foi de case o triplo que nos comicios de abril de 2019. Ese ano, 58.746 electores solicitárano en Galicia e tan só un 85% (50942 electores) votaron finalmente utilizando este sistema. Trátanse estas de as eleccións nas que máis votos custodiou Correos en relación aos emitidos. Nas segundas eleccións do ano 2019, no mes de novembro, esta porcentaxe foi do 92,92%.
VOTOS POR CORREO POR PROVINCIAS
Na provincia da Coruña foi onde máis votos se emitiron e solicitado: un total de 56516 son os que está a custodiar Correos nas súas oficinas, fronte aos 20.148 desta provincia en abril de 2019. Quedaron sen depositar o seu voto por Correo un total de 2710 persoas, menos mesmo que as 3115 de abril de 2019, a pesar de haber realizado o triplo de solicitudes.
Pola súa banda, Pontevedra emitiu un total 43.907 documentacións para exercer o sufraxio, das que recolleu un total de 20119, un 93,22%. Lugo emitiu 21583 e recolleu 20538, case o 96%. Pola súa banda, en Ourense os votos que non se emitiron non chegaron nin a 1000, quedar en 890, dun total de 43907 solicitados.
Isto supón un aumento da participación unha vez solicitado o voto por correo de máis de 93% en todas a provincia, cunha media do 95,41% no conxunto da comunidade autónoma. En abril de 2019 esta porcentaxe do 85,07% e en novembro do 92,91%.
DESPREGAMENTO LOXÍSTICO DE CORREOS
Correos defende pór "todos os recursos organizativos, tecnolóxicos e humanos necesarios" para garantir o cumprimento das obrigacións de servizo público que lle son encomendadas nos procesos electorais.
Realizáronse en total 21.000 contratos de reforzo máis, tanto en oficinas como para a repartición de envíos, así como para as tarefas necesarias para a loxística. Abríronse ademais as oficinas de maneira extraordinaria os sábados e domingos, cunha ampliación de horarios de atención ao público en máis de 600 oficinas de toda España.
Este despregamento por parte de Correos, ademais das cifras de votos custodiados, demostran que o sistema funciona e que non existe, a priori, fraude electoral no voto por correo, como así o afirmaban algúns partidos políticos e medios de comunicación, quen indicaban que Correos manipulaba o voto.
Escribe o teu comentario