Ethel Vázquez pide información ao Goberno Central das causas do derrube do viaduto da A-6
Sobre a seca, asegurou que "catro días de choiva" son "un espellismo" e insistiu en medidas de concienciación para aforrar auga
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, asegurou hoxe, domingo, que sospeita que o Goberno central coñece as causas do colapso do viaduto de Ou Castro na A-6. Demandou, por tanto, unha "mesa de intercambio de información" entre a Xunta e o Executivo Estatal ante unha situación que ela cualificou de "preocupante".
Nunha entrevista para a Radio Galega, Vázquez xustificou esta sospeita polas declaracións en prensa da secretaria de Estado de Infraestructutras, Isabel Pardo de Beira. Nelas, a secreataria anunciaba, antes de dar a coñecer as causas do derrube, que o viaduto ao que colapsou levaría a cabo durante o primeiro semestre de 2023.
"Lamentamos que os representantes do Goberno de España veñan a Galicia a falar de infraestruturas fundamentais e témonos que decatar polos medios de comunicación cando desde o primeiro momento do colapso do viaduto estivemos pendentes, solicitando explicacións, medidas e fixemos propostas alternativas para que se realizasen canto antes desvíos directos", reprochou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.
O desvío da A-6, que está operativo desde a xornada de onte e que evita que os vehículos que circulan en dirección Madrid teñan que atravesar Pedrafita do Cebreiro, tamén foi criticado por Vázquez, que o tachou de "solución parcial", xa que "só evita o tráfico por Pedrafita en dirección Madrid, pero en dirección A Coruña séguese pasando por esa travesía incómoda para todos os usuarios que circulan cara a Galicia".
Denunciou tamén que existe unha "falta de respecto institucional" por parte do Goberno de Pedro Sánchez, xa que considera que "desde o punto de vista de obra pública", o Executivo central", no canto de tender pontes coas administracións, rómpeos".
BONOS DE TREN: "INCAPACIDADE DE XESTIÓN"
Por outra banda, Ethel Vázquez aproveitou tamén para criticar a "manifesta incapacidade de xestión" do Goberno Central á hora de implantar os abonos gratuítos de tren no Eixo Atlántico, poñendo como exemplo os problemas por falta de prazas que se están rexistrando durante estas primeiras semanas da súa activación.
Viu tamén "fóra de lugar" e "pouco respectuoso" que José Miñones, delegado do Goberno, "bote a culpa aos cidadáns" dun sistema de xestión que depende "exclusivamente do Goberno". Así, solicitou máis praza e máis frecuencias: "As que sexan necesarias para cubrir a demanda".
"Creo que é unha mostra da incapacidade de xestión por parte do Goberno de España porque estamos a falar dunha situación completamente esperable se dás un servizo gratuíto. Todos o vimos vir", insistiu durante as súas declaracións na entrevista á Radio Galega.
Cuestionada sobre se se debería alongar a medida máis aló de decembro, Ethel Vázquez argumentou que se debe "planificar e xestionar mellor calquera medida" para fomentar o transporte público. Para iso, reiterou, "hai que dotalo de prazas suficientes e investir en infraestruturas necesarias para asegurar a súa calidade".
A PREOCUPACIÓN DA SECA
A conselleira explicou, en relación á situación da seca na comunidade galega, que desde febreiro a Xunta advertiu aos concellos de que a situación era "preocupante e grave", xa que se trata dun contexto de seca "a nivel europeo". Insistiu, por tanto, na súa mensaxe de aforrar auga ante a prealerta de seca de Galicia.
"Estamos nunha situación grave e non podemos levarnos a engano que con catro días de choiva arranxamos un ano extremadamente seco. A situación segue sendo preocupante e temos que adoptar todas as medidas de contención do consumo de auga", reiterou Vázquez.
Neste sentido, sinalou os baixos niveis de auga en ríos como o Lérez, o Anllóns, o Grande ou o Tambre, así como na demarcación da conca hidrográfica Miño-Sil. Alí, demandou medidas de contención do consumo porque a situación é "preocupante".
Sobre posibles cortes no consumo, Vázquez volveu a pedir responsabilidade para evitalos e manifestou que, segundo os datos de Meteogalicia, a segunda quincena de setembro e o mes de outubro serán secos, polo que instou á poboación para tomar conciencia porque "si que pode estar comprometida nalgunha zona máis vulnerable o abastecemento da poboación".
Escribe o teu comentario