Un camión dá varias voltas de campá e se despeña por un terraplén nunha saída de vía en Toén
A pesar da espectacularidade do accidente, o condutor, único ocupante do vehículo, resultou ileso.
Un camión acabou no fondo dun terraplén tras saír da vía e envorcar nunha curva situada no quilómetro 3 da estrada que conduce de Feá a Toén , neste último municipio ourensán. A pesar da aparatosidade do accidente, o condutor resultou ileso.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o accidente tivo lugar sobre as 11,15 horas, cando informaron dos feitos os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. O vehículo, que transportaba terra, deu varias voltas de campá antes de acabar no fondo dun terraplén.
Cando chegaron os equipos de emerxencias, confirmaron que o condutor se atopaba liberado e accesible.
No operativo participaron, ademais dos servizos sanitarios, os Bombeiros do Carballiño, a Garda Civil de Tráfico, o GES de Ribadavia e os voluntarios de Protección Civil de Toén.
Escribe o teu comentario