Por unha negociación colectiva común en Galicia: superar a atomización

Iván Cordeiro

Iván Cordeiro, Secretario Xeral da Federación de Servizos das CCOO de Galicia.

Convenio textil ARTE
Convenio textil ARTE

En Galicia, o debate sobre a negociación colectiva continúa marcado por unha contradición de fondo que cómpre abordar con claridade. Mentres desde distintos ámbitos políticos e sindicais se reivindica a necesidade de reforzar o marco autonómico de negociación, a realidade é que Galicia segue atrapada nunha estrutura profundamente fragmentada, baseada en convenios provinciais desiguais, moitos deles caducados ou directamente inexistentes que, lonxe de fortalecer a clase traballadora, consolidan a desigualdade territorial.

 

Os convenios de oficinas e despachos son un exemplo paradigmático: só o da Coruña continúa vixente —caduca en decembro do 2025—, mentres que en Lugo e Pontevedra levan máis dunha década caducados e en Ourense nin sequera existe. Esta situación deixa milleiros de persoas traballadoras sen un marco actualizado de dereitos, sometidas a condicións obsoletas e carentes dunha referencia colectiva común que garanta estabilidade, seguridade xurídica e avances laborais.

 

O sector téxtil e o debate sobre o modelo de negociación

Esta mesma lóxica de fragmentación reprodúcese hoxe con claridade no sector do comercio téxtil, a raíz da negociación do convenio do sector téxtil ARTE. Ante este proceso, a CIG e UGT Galicia tomaron postura pola defensa da prevalencia dos convenios provinciais, chegando mesmo a reclamar un acordo interprofesional galego que blinde esa prioridade de aplicación fronte a outros ámbitos.

 

Porén, este enfoque suscita un problema de fondo que non se pode obviar: defender a centralidade dos convenios provinciais sen construír ao tempo un verdadeiro marco galego de negociación colectiva perpetúa a atomización. Na práctica, supón consolidar un modelo que só funciona alí onde existe forza negociadora suficiente, deixando fóra amplas capas de persoas traballadoras.

 

Quen gaña coa negociación fragmentada?

As patronais son as principais beneficiarias deste esquema. A existencia de múltiples convenios provinciais —ou directamente a súa ausencia— permítelles xogar coas diferenzas territoriais, exercer presión á baixa sobre os salarios e as condicións laborais e bloquear calquera avance homoxéneo. A fragmentación non é neutra: é unha ferramenta que favorece a competencia entre territorios e debilita a capacidade colectiva de negociación.

 

Mais tamén existen responsabilidades sindicais. Reivindicar marcos autonómicos en abstracto mentres se defende na práctica a prevalencia provincial, incluso cando eses convenios non existen ou levan máis de dez anos caducados, é unha posición incoherente. No sector téxtil, esta contradición é evidente: mentres se protexe o convenio da Coruña, en Lugo non existe un convenio provincial operativo desde hai máis dunha década e nas outras provincias as condicións son claramente inferiores.

 

A pregunta é inevitábel: estase a defender un modelo que garanta dereitos para todas as persoas traballadoras galegas ou un que preserve o beneficio duns poucos cadros de persoal concretos?

 

A nosa posición: desatomizar e construír un acordo galego do téxtil

Desde a Federación de Servizos de CCOO Galicia defendemos con claridade que a saída non pasa por atrincheirarse en convenios provinciais desiguais, senón por avanzar cara a acordos galegos sectoriais fortes, capaces de unificar condicións, elevar dereitos e evitar desigualdades territoriais.

 

No caso do téxtil, a alternativa é clara: un acordo galego do sector, que tome como referencia as mellores condicións existentes, as estenda ao conxunto do territorio e poña fin a unha situación en que milleiros de persoas traballadoras quedan excluídas da negociación colectiva real. Non se trata de rebaixar dereitos, senón de xeneralizalos.

 

Defender unicamente a prevalencia provincial, cando hai provincias que levan máis dun decenio sen convenio, non é unha estratexia de protección colectiva, senón unha forma de aceptar que a desigualdade territorial forme parte estrutural do sistema de relacións laborais en Galicia.

 

Un debate de modelo sindical e social

A negociación colectiva non é unha cuestión técnica nin de identidade: é un debate de modelo de sociedade. Ou se aposta por un marco común que garanta igualdade de dereitos con independencia do lugar de traballo, ou se acepta unha Galicia laboral a varias velocidades, onde os dereitos dependen do territorio e da capacidade de presión puntual.

 

A atomización é un freo para a clase traballadora.

 

A unidade, a través de acordos galegos sólidos e ambiciosos, é a única vía para avanzar cara a unha negociación colectiva xusta, cohesionada e verdadeiramente ao servizo do conxunto das persoas traballadoras en Galicia.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE