Secretario Autonómico de Acción Sindical del Sindicato de Enfermería SATSE
Nestes presentes tempos, onde a polarización, a desinformación programada, o ruído mediático, as invasións, os aranceis e toda a verba cultivada no peorciño da raza humana se intensifican, non podemos máis que constatar a permeabilidade desta tendencia no ámbito que nos ocupa.
Como representante de SATSE, primeira forza sindical na Mesa Negociadora da Sanidade Pública en España, non podo máis que trasladar a profunda decepción e crónica amargura das enfermeiras ante certas manifestacións do colectivo médico durante as súas lexítimas xornadas de folga.
Nelas chegan a trasladarlle á poboación que protestan, entre outras cousas, porque se pretende clasificar as enfermeiras e fisioterapeutas no grupo A, e iso semella ser —segundo afirman— un insulto ao seu orgullo.
Por certo que este debate sobre A1 ou A2 pode quedar obsoleto en moi pouco tempo, se sae adiante o novo Estatuto Marco de todo o persoal da sanidade pública, xa que a nova clasificación diferenciará a cada profesión ou colectivo sanitario en función do nivel da titulación que se lle esixa para o acceso á súa categoría.
As organizacións médicas sábeno, pero prefiren alentar interesadamente un presunto conflito coas enfermeiras para poder dar osíxeno á súa decaída folga.
Pero non nos distraiamos: dende hai máis de 40 anos, as enfermeiras vimos acadando grandes logros no avance da nosa profesión, sempre en aras dun maior benestar e dunha mellor saúde para a poboación, sen menoscabar outras profesións dos equipos sanitarios.
O desenvolvemento académico, coa lóxica e traballosa adaptación ao marco europeo da nosa titulación universitaria de Grao, xunto co impulso das especialidades e das titulacións de Posgrao como Máster e Doutoramento, é fiel reflexo do duro traballo das compañeiras e das administracións implicadas.
Todo isto, malia os continuos obstáculos de certos colectivos e corporativismos médicos, que desde o 2007 levan bloqueando o noso xusto recoñecemento laboral como persoal A, en igualdade con psicólogos, biólogos, médicos ou físicos.
É certo que o noso avance, lóxico e constante, baseado na evidencia científica e apoiado pola satisfacción da cidadanía —a enfermaría continúa a ser a profesión sanitaria mellor valorada no Barómetro Sanitario Estatal— ten un elevado custe.
Moitos titulados de bata branca e mente en branco e negro pretenden perpetuar unha enfermaría subxugada e domesticada. Pois ben: a enfermaría leva anos dicindo ¡basta!, sempre co paciente e coa poboación como base do noso rebulir existencial.
Fan falla boas tragadeiras para soportar certas manifestacións nestes días de folga médica, onde —para SATSE— o seu lexítimo dereito non pode nin debe valer para pisar o noso.
As enfermeiras e fisioterapeutas debemos ser catalogadas no nivel que nos corresponde na función pública. Desde o 2007 lévannos roubando ese dereito.
Defendemos o traballo en equipo e leis de amplo consenso, onde todas as profesións teñen cabida neste ecosistema sanitario: un Estatuto para todas, unha Lei de Ordenación para todas, unha Lei de Sanidade para todas.
Seguir a dinamitar o sistema é perigoso e indecente, especialmente cando observamos o avance do sistema privado sanitario, condicionado pola rendabilidade económica.
Desde hai anos, aínda que ás veces pareza que calamos, enfermeiras e fisioterapeutas non dicimos que chove. Ante a adversidade, medramos e aprendemos.
Facémolo con respecto e sen menoscabar ningunha outra profesión compañeira, porque así somos nós.
Escribe o teu comentario