A raza dos yonkis nun Ourense con vixiantes rojipardos

Manuel Vilas López

Vigilante colocando cartel a un negocio del barrio de A Ponte en una foto del X de Roberto Vaquero
Vixiante colocando cartel a un negocio do barrio da Ponche nunha foto do X de Roberto Vaquero

Autodenominadas “patrullas cidadás” andan controlando as rúas de Ourense polas noites ante o aumento da criminalidade. As vixilancias foron promocionadas polo líder da Fronte Obrera, organización ultranacionalista española que se define como “patriótica” e que é crítica coa inmigración.

 

As patrullas organízanse por redes sociais en grupos onde se demanda “saír de caza, pero cortando algunha cabeza moruna” e pídese “queimar yonkis” .

 

O yonki máis temido de Ourense a principios dos 90 era o Dani, un ser humano fermoso. Morreu como o coñecín de neno, louro, de ollos azuis, guapo e esvelto, sen un chisco de graxa, como bo heroinómano.

 

Morreu ou din que morreu, porque a verdade que cada vez que regresaba a Auria no noventa alguén me comentaba: “- Sabes o Dani, palmouna de sobredose” ou, a outra variante, “- Din que o Dani morreu de sida”.

 

A cuestión é que O Dani empeñábase en resucitar. Á noite seguinte, a mesma persoa comentábame “- O Pequeno e o Dani  déronlle o outro día o pau a Fulano”. Creouse así unha sorte de mito, o Dani, morría e atracaba; morría e atracaba.
 

Ao final comprendín que en realidade aquelas mortes eran en realidade períodos no cárcere. A última vez que alguén me falou do Dani foi un ex-policía a principios dos anos dez.

 

Díxome que o escoltou dos xulgados ao cárcere de Pereiro e deulle tanta mágoa que lle deu 200 pesetas para que tivese algo de diñeiro en prisión. El, como eu, lembrábao de neno, de cando nos colábamos nas obras daquela periferia sen asfaltar neses anos de tardío desenvolvismo cutre, cando se completou o barrio das Lagoas.

 

Á miña clase en Lagoas III enviou a Inspección Educativa ao Dani cando o expulsaron de Lagoas I, ou II, non lembro. En Lagoas III conviviamos críos das clases traballadoras da periferia -moitos recentemente chegados á cidade desde as aldeas- con rapaces de clases máis acomodadas das familias do centro. Os colexios de Lagoas I e II, nas Lagoas de abaixo, xa eran outro cantar.

 

O Dani durou en Lagoas III unha mañá. Nin recordo que bobada fixo. Sei que non lle deron nin unha oportunidade, á mínima, fóra. Iso sucedeu nunha clase onde outros rapaces de once anos se mansturbaban na aula, metíanlle man ás nenas ou apalizaban aos compañeiros ante a pasividade dos profesores moi dilixentes, iso si, en librarse daquel refugallo que lles tentaban chantar desde As Lagoas de abaixo.
 

Tería máis fortuna na vida O Dani se caese en Lagoas III? Non estarei a pecar de buenismo woke porque o meu veciño despachábame cun saúdo no canto de abordarme navalla ou xiringa en man? 
 

Pode ser. Do que non dubido é que o Dani era racialmente moi galego, o que para algúns equivale a ser moi español. Se Pondal fose ilustrador gráfico, tal vez o escollera para un poster.

 

Descoñezo tamén se os adictos que están a cometer pequenos delitos na Ponte ou O Vinteún son galego-españois, portugueses ou inmigrantes. Sospeito que na súa maioría son oriundos -quen demos elixe ir picarse a esa cidade se pode evitalo-, pero no fondo paréceme un factor irrelevante. 

 

Son persoas, enfermos que se refuxian na Ponte ou no Vinteún porque son barrios próximos a Covadonga , tradicional meca da heroína en Ourense, onde non hai nin parques para refuxiarse nin comercios onde roubar.

 

Coincido con Roberto González (secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía en Galicia) en que, máis aló de que falten policías, trátase dun problema que precisa dunha resposta máis asistencial que policial. 

 

A maioría dos adictos gañan a súa dose mendigando. Algúns furtan o que poden. Outros, máis apurados, gáñanse a dose ás bravas, como facía O Dani. O común nos yonkis é a pobreza e a enfermidade, non a raza. 

 

O aumento da delincuencia combátese con máis medios, policiais para protexer aos cidadáns, educacionais para coidar aos rapaces de familias de clase baixa e sociais para curar aos adictos. 

 

Que os veciños se teñan que organizar en patrullas -ás que se sumaron activistas vindos de fóra- demostra que os recursos neste país habelos hainos, pero non están onde deben.  

 

Por certo, ao día seguinte de que saltou a noticia dos vixiantes a Policía Nacional subiu a Covadonga e detivo a unha ducia de presuntos traficantes. Todos os detidos son, como era O Dani, moi do país.

 

Iso si, intúo que a pesar de seren 'ourensáns-galegos-españois', estas persoas, de etnia xitana e vietnamita, terían dificultades para que lles deixasen militar nese grupo "revolucionario" que desembarcou na cidade .  Rojipardos, chámanlles.

Redada esta semana en Covadonga en una foto de EP
Redada esta semana en Covadonga nunha foto de EP

 

 


 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE