“Quen se manifestan nas rúas galegas
son os de sempre”
Alfonso Rueda, en política desde fai 32 anos,
elixido líder de Novas Xeracións do PP, en 1993
O Partido Popular leva gobernando Galicia desde fai 16 anos. E, salvo catro, todos os anos anteriores á instauración da democracia. As competencias en materia sanitaria tenas o país desde o minuto un. A posibilidade de resolver os problemas sanitarios son competencia directa de persoas que teñen a capacidade competencial e os recursos (este ano 2025: 14.000 millóns de euros). Roda, que leva en política desde fai 32 anos (foi presidente de NNGG no ano 1993), substituíu a Feijoo, que leva en política desde que ten uso de razón... As responsabilidades son evidentes de quen teñen a Sanidade Pública moi mellorable, que non dá resposta aos múltiples problemas sanitarios que temos e que ten a cara dura de chamarnos “os de sempre”... É impresentable! Mentres tanto, pasan os anos e segue a falta de recursos materiais e humanos...e a poboación, sen atender.
Os de sempre son aqueles que permiten que os teitos de consultas do Hospital de Ourense caian a pedazos pola rotura dunha tubaxe, alagando toda a zona. Os de sempre son aqueles que eliminan, tamén en Ourense, a Unidade de COVID Persistente, necesaria para atender a pacientes desprotexidos das secuelas da pandemia.
Os de sempre son aqueles que non atopan profesionais para suplir aos que se van de vacacións ou están de baixa por non prever (e tempo e recursos tiveron) que iso prodúcese todos os anos. Que non teñen en conta as xubilacións previamente anunciadas e permiten que as consultas estean masificadas e as listas de espera crezan a cifras insoportables para os enfermos. Son os que non atenden a posibilidade de cubrir as prazas vacantes, provocando a deterioración do Sistema Sanitario Público, cando están a cobrar para resolver estes problemas.
Os de sempre son aqueles que modifican dúas veces a Lei Galega de Súde, para eliminar Áreas Sanitarias, retirar as Xerencias de Atención Primaria e evitar que funcione a Participación Cidadá na toma de decisións que lles compete por non pór en marcha o Consello de Sáúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.
Os de sempre son aqueles que pensan que están na barra dun bar e din "Os maiores manexan a 'app' do Sergas que che cagas" (conselleiro de Sanidade) e que: “cara as voces que din que a xente maior non entende de tecnoloxía: e unha merda". Que nivel!
Os de sempre son aqueles que permiten que profesionais das Residencias de Maiores consideren “un fracaso” o modelo actual da Xunta do PP na atención á dependencia. Eles e elas son responsables de que unha de cada dez prazas das Residencias estea baixo a mercantilización de entidades privadas e que desde o ano 2009 non se construíu unha soa Residencia de Maiores e as que lle doan as revirte a entidades privadas.
Os de sempre son tamén responsables de que oito queixas diarias por motivos sanitarios preséntanse ante a Valedora do Pobo...diarias! E de que o ínclito Ramón Ares, xerente da área Sanitaria de Lugo, diga que “o que pasa é que os médicos non queren traballar no Hospital Comarcal de Burela”: O que non di é, por que? Inestabilidade laboral, falta de medios, soldo precario, etc.
Os de sempre son aqueles que, de forma continuada, benefician con contratos públicos aos seus familiares e á súa contorna: Feijoo beneficiou á súa irmá con contratos en Eulen, a súa parella con Sargadelos, o seu cuñado con Universal Support... O Sr. Rueda, ocultando os 1.100 Contratos Menores e de Emerxencia, por valor de 7 millóns de euros (como denunciou Público)...e que dicir de Ayuso: ao seu pai, ao socio da súa nai, ao seu noivo, á súa irmá... É deplorable que xente que vive da Pública desde fai tantísimos anos beneficie de forma continuada a súa contorna e que estas prácticas non teñan un reflexo inmediato nas fiscalías e, por suposto, nas eleccións.
O uso privilexiado do poder político, feito por “profesionais” que teñen como obxectivo darlle prebendas á privada e que o “Sistema” o permita, ten que terminar... E a cidadanía ten que ser responsable e apartar da política “Os de sempre”!
Escribe o teu comentario