“Se choras por perder o sol, as bágoas non deixaranche ver as estrelas”.
Rabindranath Tagore (1861-1941). Filósofo e escritor indio.
Realizo con este artigo a quinta entrega de comparacións do que existe en Galicia para valorar as posibilidades que temos de mellora, nun país gobernado nos últimos 15 anos polo PP, que entre a ineficiencia e a irresponsabilidade perde a oportunidade de achegarnos a unha comunidade de primeiro nivel, en lugar de manternos, en moitas cousas importantes, por baixo das nosas posibilidades.
Por que Galicia está á cola do Estado e da Unión Europea en persoal de enfermaría? O dato é do Ministerio de Sanidade. Estamos só por encima de Murcia. Temos o cociente de enfermeiras por cada 1.000 habitantes en 5,13, mentres a media do Estado é de 6.28 e a media de Europa é de 8,5. Galicia precisaría 10.364 enfermeiras máis para cumprir o cociente que marca a OMS. E algo máis dramático: no ano 2023, 510 enfermeiras fóronse a traballar fóra de Galicia.
Segundo datos do IMSERSO: no 2024 o gasto público no país foi de 848 € por poboación potencialmente dependente, o que nos coloca como a terceira peor comunidade no Estado en gasto por dependente. Estamos 529 € por baixo do gastado no Estado, que é de 1.377 €. En canto aos datos de prazos de espera dentro do Sistema de Atención: unha persoa galega que solicita a Dependencia espera 387 días ata que se lle concede o servizo ou prestación despois de ser valorada. Somos os cuartos peores do Estado, que está en 330 días. A normativa fala de “non esperar máis de 180 días”. Un despropósito! Desde 2017 a novembro de 2024 faleceron en Galicia 838 persoas que estaban pendentes de valoración e outras 5.719 morreron esperando a prestación…que tiñan concedida previamente!
Segundo o informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, as Pensións soben un 2,8% en Galicia. 375.658 galegos e galegas están a cobrar por baixo do limiar da pobreza. Esta cifra di que somos os máis empobrecidos do Estado! Cobran 180 € menos ao mes. En Galicia a media é de 1.080 €. Somos os segundos peores do Estado. Vaia record!
Segundo o INE, o salario medio mensual en Galicia, en 2023, en bruto, foi de 2.136 €: estamos con 137 € menos que a media estatal que é de 2.273 €. O traballo dun galego é menos rendible que o doutro traballador do Estado. Por que?
Nos orzamentos da Xunta para 2025 vemos que desde a Consellaría de Sanidade auméntase o gasto en capeláns, até os 791.000 €: 321.000 € máis que no 2024. En 2020 era de 701.000. Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela, consideramos “un anacronismo e algo incomprensible”.
Para saber se un gobernante é bo ou malo, valórase como e en que gasta os orzamentos? Como nunha familia, se gastamos máis do que ingresamos: malo! Pois ben, a Débeda Pública de Galicia está en máximos históricos: alcanza os 13.083 millóns de € (case o mesmo que TODO o orzamento para 2025). Pero a situación é máis dramática, pois estamos a pagar 180 millóns de € nos intereses desa débeda. E que fai o sr. Rueda? Rexeita a quita de 2.433 millóns de € que o Estado vai condonar ás CCAA. É isto lóxico? Que intereses ten o PP para este despropósito? A quen beneficia esa situación? E isto faio un presidente que endebeda a cada galego en 3.372 €. Terá responsabilidades esta decisión?
Por que o desemprego en Galicia aumenta un 2% mentres no Estado español permanece estable? O desemprego en Galicia, é a terceira comunidade (pola cola) do Estado, cun +1,95% cando a media está en +0,6%. O descenso de persoas afiliadas á Seguridade Social é a 5ª do Estado (pola cola) cun -0,64%.
De xaneiro a xuño do 2024: 62 empresas marcharon de Galicia e situaron o seu domicilio social fóra do país; son unha media de 10 empresas ao mes...mesmo compañías que reciben subvencións do goberno do PP. Como é posible este mal facer?
Galicia conta con 313 concellos: como se explica que 137 deles carezan de Servizo de Ambulancia Medicalizada? Que teñamos para todo o país 2 helicópteros de Soporte Vital Avanzado...e moito do tempo inoperativos por diferentes motivos. O BNG presentou esta iniciativa no Parlamento para dar resposta ás necesidades de Transporte Sanitario e o PP OPÚXOSE . Como se explica?
P.S. Con esta quinta entrega, finalizo este ciclo de 5 artigos, onde expuxen a realidade do que sucede en Galicia, comparándonos con outros lugares e situacións... pero, sen esforzarme moito, podería atopar motivos para outro cinco. Que pena!
Escribe o teu comentario