Resumo de todo o que non ocorreu en 2024

Rodrigo Brión Insua

Chega o último día do ano e os medios de comunicación afacemos bombardear á audiencia con resumos que condensan todo ocorrer en 365 días. Difícil tarefa esta, máis aínda cando este 2024 constou coa frienta de 366 días cargados de noticias, algo que non ocorre a miúdo, aínda que si cada catro anos. Con todo, e por ir á contra do raciocinio unha vez máis, non sería interesante falar de todo o que non pasou en 2024? 

 

Por exemplo, neste 2024 non deixaron de nacer bebés. Fixérono a un ritmo máis baixo do habitual, polo menos en Galicia, e cada vez en menos sitios. Tampouco non deixou de morrer xente. O 2024 pasará a ser lembrado como o ano no que non se terminou a Guerra de Ucraína. Tampouco foi o ano da paz en Gaza. Desde logo non será o ano no que deixen de ser asasinados nenos palestinos, nin será a volta ao sol na que a comunidade internacional considerou que matar de frío e fame a civís estaba mal. 2024 non foi o ano de 0 migrantes mortos no Mediterráneo nin na súa penosa viaxe ás Illas Canarias. Aventúrome a dicir que 2025 tampouco será o que estree esa cifra. 

 

Que máis non pasou en 2024? Non deixaron de morrer mulleres, por suposto. Máis ben, non deixaron de atopar a morte a mans das súas exparejas. O fácil sería dicir que foron asasinadas, segundo as contas oficiais, preto de medio centenar de nais, irmás, amigas, compañeiras... pero iso se cadra resulta difícil de entender nalgunhas rexións de España, onde o PP non rompeu coa ultradereita que nega a violencia machista. 2024 tampouco será o ano no que se puxo freo á extremaderecha, máis ben todo o contrario, como tampouco se cercaron os bulos nin se acabou coa desinformación. A 31 de decembro, Carlos Mazón non precisou cal era o menú do Ventorro cando a media Valencia chegáballe a auga ao pescozo. Non, este non foi o ano das explicacións nin das dimisións.  

 

Alén a cousa non foi mellor. O ano que se marcha non deixa un bo recordo para os errejonistas, hoxe os menos, nin para os fans de José Luís Ábalos, si é que había algún. Foi o ano dos comisionistas, das parellas, das esposas, das amantes, pero nunca polo mellor dos motivos. De ningunha maneira foi o ano da independencia xudicial, segundo parece, aínda que esta afirmación poida levarme ante os tribunais, talvez xa para 2050, cando termine a folga dos avogados da quenda de oficio e teñan unhas condicións dignas que permitan, quizá, que a Xustiza teña uns tempos lóxicos. Como exemplo o Alvia de Angrois, cunha sentenza pobre que chegou unha década despois, ou a Operación Carioca, que tivo o seu ano en 2011 e o seu peche en 2024 cun único acusado para o maior caso de prostitución en España. 

 

España non foi o único país onde non pasaron cousas e ao que os pélets non deixaron de chegar, xa que o mar segue llenito deles. En Estados Unidos non recuperaron a cordura, por iso Donald Trump será de novo presidente, mentres en Venezuela non ensinaron as actas, aínda que Maduro seguirá como presidente. Non será o ano de recuperar a normalidade en Siria, aínda que derroquen ao enésimo tirano nunha primavera árabe que non termina de dar flores. O que non vimos é despedir a un Papa, e iso que algúns lle están metendo présa ao último. 

 

Este tampouco foi o ano de asumir o meu adultez, aínda que nin Rafa Nadal, nin Iniesta, nin Javier Gómez Noya, figuras que pensei que estarían aí sempre, como sempre, acompáñenme neste eterno proceso de maduración. España non gañou Eurovisión, o Madrid non perdeu e ninguén fóra do planeta Terra fíxose co cetro de Miss Universo. O prezo da vivenda non baixou, nin o dos carburantes, nin o dos alimentos básicos, nin o de tantas e tantas cousas, proba de que aquilo que non ocorre tamén é noticia. Son tantas as cousas que non pasaron que, se me apuran, superan ás que si tiveron lugar. Por destacar algo que si sucedeu: o número de atropelos a canguros en Galicia incrementouse un 100% con respecto a 2023. Non me cren? Busquen "canguro Dodro" e véxano cos seus propios ollos. Ás veces mesmo as cousas que si pasan resultan tan inverosímiis que nos resistimos a crer que algo así poida ter lugar, pero para iso estamos aquí, para seguir contándolles a diario o que ocorre... e o que non. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE