A pesares do barullo interesado montado polas dereitas extremas (PP, VOX) e os seus socios (policiais, xudiciais e mediáticos) todo conduce a que finalmente PSOE e Sumar poidan formar goberno co apoio das forzas periféricas (PNV, BILDU, ERC, JxCat, BNG...). Un parto difícil, como era previsible que así fora, dado o resultado habido nas últimas eleccións xerais.
O longo período transcorrido entre a celebración de estas últimas (xullo) e a formación de goberno (novembro) serviu, entre outros mesteres, para comprobar unha vez mais varias realidades da democracia española. A primeira, que as dereitas extremas e os seus socios non son quen de aceptar as leis do xogo democrático que facilitan a alternancia no goberno pois parecen pensar que o poder lles pertence por dereito natural e así, por caso, cando as esquerdas logran gobernar estamos diante dun goberno ilexítimo a pesares de ser elixido polo Parlamento español como resulta constitucional.
Se a democracia implica negociacións, pactos, acordos, cesións (algo que por caso podemos comprobar nas democracias máis consolidades de occidente: Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia, Países escandinavos...) estas dereitas extremas consideran que cando se trata das esquerdas estase pervertendo a democracia española, deteriorando a convivencia, fomentando a corrupción, conducindo a España ao desastre e a ruptura... Pero cando son elas quen negocian, pactan, acordan ou ceden faise en pro do ben de España e os españois. Un comportamento que agora estamos vendo co gallo das difíciles negociacións de PSOE e Sumar cos partidos cataláns soberanistas (JxCat e ERC).
Unhas negociacións marcadas previamente por varios factores. O primeiro é a desconfianza mutua que resulta lóxica logo tanto do despropósito político do procés e a DIU como da disparatada resposta por parte do goberno español de quenda (a brutal represión do 1O) e a posterior desmesura xudicial (condenar os dirixentes políticos cataláns por sedición). A segunda, a loita fratricida emerxente entre ERC e JxCat que conduce a que se un avanza nas negociacións, o outro inmediatamente pon o listón mais alto ("a ver quen a ten máis grande") como estivemos vendo, por caso, coa amnistía: un comportamento que ten non pouco de irresponsable. Finalmente, non menos relevante e irresponsable resulta ese enorme barullo que están montando, co apoio das cavernas, unhas dereitas extremas que, en liña co anteriormente subliñado, non rematan de aceptar que, como se puido comprobar na investidura fallida do señor Feijóo, non contan coa maioría parlamentar suficiente para gobernar ("se a casa non pode ser miña mellor quéimoa").
Como sinalaba antes, o resultado das eleccións xerais últimas debuxou un escenario no que se adiviñaban moitas e difíciles negociacións. Pero isto tamén é democracia. Certo que se trata dunha democracia na que os partidos políticos ocupan un espazo que esta sobredimensionado ("partitocracia"). Que ademais son partidos moi centralizados e presidencialistas (velaí o caso de JxCat e Puigdemont) o que fai que as negociacións resulten mais difíciles e imprevisibles porque o interese persoal ocupa un lugar relevante nas mesmas. Pero tamén sucede que se a democracia resiste esta sae, sen xénero de dúbidas, máis fortalecida. Mais, si como sucede no caso español, trátase dun estado plurinacional con forzas soberanistas que teñen un peso relevante nos seus territorios, polo que son necesarias para avanzar en democracia, benestar social e igualdade.
A democracia si se cambalea cando, como están facendo as dereitas extremas e os seus socios, se utilizan practicas tripeiras, se minte descaradamente e se desvirtúan os feitos, se intenta deslexitimar ao adversario político, se cuestiona o papel e as decisións dos parlamentos, se retorcen as leis e se utiliza o poder xudicial en proveito propio, se cultiva a corrupción...
Coa máis que previsible formación dun novo goberno en base á alianza PSOE+Sumar, a democracia española sairá fortalecida e poderase seguir avanzando en progreso, benestar, igualdade, pluralismo e democracia. Aínda que as dificultades e os atrancos seguirán sendo moitos e moi ruidosos, porque a esta dereita extrema se lle pode aplicar aquilo que na fábula o escorpión lle di á ra: "Non podo evitalo. Non podo deixar de ser quen son, nin actuar contra da miña natureza, da miña costume e doutro xeito distinto a como aprendín a comportarme".
Escribe o teu comentario