Nacido en Vigo en 1966. Licenciado en dereito pola UVigo e diplomado en maxisterio pola USC. Traballador do SERGAS dende hai más de 30 anos. Militou en diversas organizacións da esquerda galega, como o PSdeG, Compromiso por Galicia, Anova ou Cerna. Colaborou con moitos medios de comunicación como Diario 16, Atlántico Diario, El Correo Gallego ou Tempos Novos.
Na creación do Auditorio Mar de Vigo hai dúas fases. Primeiro foi a construción do Auditorio. A edificación efectuouse nos terreos que antigamente ocupaba a empresa pesqueira Motopesqueiros de Altura Reunidos (M.A.R.). O orzamento inicial das obras era de bastantes millóns de euros. Foi inaugurado o ano 2011 polo alcalde Abel Caballero.
A segunda fase foi a licitación e posterior concesión primeiro a Cogrevigo S.L. e despois a Pazo de Congresos S.A. e á súa vez a subcontratación de OIDE S.L. para a xestión dos eventos culturais. Logo virían a sucesión de subvencións e axudas económicas para soster a esa empresa que seguiu controlando ata hoxe a organización e execución dos eventos desenvolvidos no Auditorio Mar de Vigo.
De todas as maneiras o máis preocupante é a xestión actual. Non é o Concello de Vigo quen xestiona o Auditorio e tampouco son técnicos municipais quen planifican todas as actividades e eventos culturais.
Temos un auditorio público, pero quen xestiona os eventos é unha empresa privada, unha sociedade limitada denominada OIDE S.L (Organización de Ideas de Éxito). Esa empresa é quen xestiona todos os eventos que se desenvolven no Auditorio Mar de Vigo. Queda claro que a estratexia de Abel Caballero baséase nunha progresiva privatización da cultura.
Desde o meu punto de vista o feito de que os eventos culturais sexan xestionados e organizados por unha empresa privada, que se encarga da organización e coordinación das diferentes actividades culturais, supón un malgasto e un insulto á profesionalidade dos empregados municipais. Ademais penso que esa cesión da xestión cultural á sociedade OIDE pon de manifesto a falta de confianza do equipo de goberno de Abel Caballero na súa propia capacidade de xestión e no traballo desempeñado polos empregados municipais adscritos á concellería de cultura.
Doutra banda, a privatización das actividades culturais do Auditorio supón unha duplicación dos gastos, pois á suma do gasto de material e persoal da concellería de cultura hai que sumarlle o gasto a fondo perdido en apoios, subvencións e sostemento de OIDE S.L. pola xestión deficiente, organización dubidosa e planificación defectuosa dos eventos e outros servizos prestados por OIDE S.L. que, sen dúbida, poderían ser realizados polo propio concello de Vigo cos seus propios medios.
Ao meu xuízo as circunstancias descritas poñen en cuestión a xestión cultural do goberno municipal, e mesmo a propia legalidade da subcontratación dos eventos culturais a OIDE S.L. debido a que se impide a xestión cultural directa pola propia administración pública municipal cos seus propios medios. Ou dito doutro xeito, o requisito para a licitación dun servizo é a xustificación da inexistencia de medios materiais e de persoal para executalos, algo que neste caso resulta dificilmente crible.
Deixar a actividade cultural e organización de eventos en mans de OIDE S.L. supón un despropósito porque o Concello de Vigo entrega cantidades inxentes de diñeiro a esa sociedade limitada, importes que a cidadanía viguesa descoñece. Non sei exactamente a cantidade total, pero imaxino que debe ser unha cantidade de varios millóns de euros anuais
A privatización das actividades culturais do Auditorio supón unha duplicación dos gastos, pois á suma do gasto de material e persoal da concellería de cultura hai que sumarlle o gasto a fondo perdido en apoios, subvencións e sostemento de OIDE S.L.
Eu pediríalle ao Alcalde de Vigo que aclare todas as dúbidas que ten a cidadanía viguesa sobre a situación actual do Auditorio. Houbo novos concursos para a adxudicación da concesión actual do Auditorio? Adxudicouse pola vía de urxencia? Eu sospeito que non. Seguramente prorrogouse a concesión sucesivamente e estariamos ante unha situación irregular ou mesmo alegal. Cantos cartos está a inxectar anualmente o Concello de Vigo na concesionaria? Canto lle custa á cidadanía viguesa a actividade cultural do Auditorio? Que control ten o Concello de Vigo sobre a actual concesionaria? O normal na empresa da auga, na do transporte ou na de limpeza viaria é que o goberno municipal realice auditorías para coñecer como esas empresas usan o diñeiro público. Quen controla realmente a organización e xestión de todos e cada un dos eventos culturais que se desenvolven no Auditorio? Canto diñeiro público destina anualmente o Concello a custear as subvencións nominativas directas a OIDE S.L.?
Por último pido a todos os grupos da oposición que soliciten a creación dunha comisión de investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo e que esixan a revisión da actual concesión. Penso que é necesario reformular a xestión do Auditorio e recuperar o control sobre o deseño e planificación dos evento culturais. Non podemos permitir a privatización da cultura.
Escribe o teu comentario