Bandeiras negras na costa galega e non de piratas
Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe de “Bandeiras Negras” con casos flagrantes de incumprimento medioambiental e con riscos para a poboación. Galicia, con dous casos por cada unha das súas provincias litorais, igual que no resto de España. Algunhas conclusións alertan sobre a ausencia de controis efectivos na calidade das augas no que afecta a pesca, ecosistema mariño e calidade de vida das persoas que viven no litoral
O litoral parece levar case a maior parte de todas as accións máis daniñas para o medio ambiente. Así o reflicte as informe Bandeiras Negras 2025 realizado por Ecoloxistas en Acción. Desta forma, elixíronse dous casos por cada provincia costeira quedando no seguinte resultado: A Coruña cos casos de Altri polo seu afecctación á ría de Arousa e praia de Suevos, Lugo: illa Pancha (Ribadeo) e balsa de lodos vermellos de Alcoa (Xove) e Pontevedra con Illa Toralla e o acceso privado ao mar desde o chalé de Feijóo en Moaña. “Todo isto implica un traballo previo para tomar datos, reunilos e analizalos” di Cristóbal López de Ecoloxistas en Acción Galiza. Este traballo supuxo a sinalización de lugares que ven afectados por verteduras, ilegalidades contra Rede Natura e contaminación de augas ademais de invasión de espazos públicos.
CASOS
Lugo
No caso da comarca da Mariña, as dúas bandeiras negras apuntan primeiramente á Illa Pancha. Trátase dun illote onde se sitúa un faro e que está no termo municipal de Ribadeo. O illote únese a terra por unha ponte que daría acceso directo a el pero foron varios os anos en que se tomou este pedazo de terra rodeado de auga como un lugar privado. Segundo as informe 'Bandeiras Negras 2025' este feito atenta contra o uso público do litoral, pois até hai só uns anos colocáronse enreixados para que ninguén puidese entrar libremente ao illote. “Ese lugar está dentro de Rede Natura para a protección de aves”. Con todo, unha iniciativa privada hostaleira converteu parte do faro nunha cafetaría, algo que foi a parar aos tribunais por uso indebido de espazo marítimo-terrestre.
Balsa de lodos vermellos en Xove. Este depósito contén miles de metros cúbicos procedentes da limpeza de bauxita, materia prima para fabricar aluminio na factoría de Alcoa. Nese sentido, a empresa solicitou subir a cota do muro de contención para poder verter máis residuos. Ademais da ocupación de terreo con materiais contaminados, existe o problema dos emisarios mariños que estiveron vertiendo desde a balsa metais pesados ao mar. As medicións da calidade da auga fanse pensando na presenza de fecais, non pensando en metais pesados. “As augas están limpas de fecais pero non de residuos inorgánicos pesados”. Estes restos non son reabsorbidos polo medio natural din desde EEAA.
A Coruña
O caso de Altri está na fala da xente. A instalación da pasteira en terras de Palas de Rei río arriba do Ulla acabaría afectando á ría de Arousa, ao marisqueo (a ría é unha das zonas de maior produción do mundo), á calidade da auga tamén pode afectar o turismo, co que a perda de postos de traballo en diversos sectores traería un declive económico moi importante.
O outro caso é a praia de Suevos onde van parar os residuos dunha depuradora que, en época de choivas ou de incremento da poboación pola chegada de turistas, desborda o seu contido que vai parar ao mar. “É como abrir unha billa e ver que todo se espalla cara ao mar”. A cuestión é que neste lugar son moi abundantes as caletas e praias pequenas co que un aumento desmesurado nas verteduras pode afectar a todo o litoral da zona. “Aínda así algunha praia do lugar levouse unha bandeira azul” aínda que se poida ver afectada por unha vertedura da depuradora.
Pontevedra
Illa de Toralla, Vigo, do mesmo xeito que no caso de Illa Pancha, un territorio insular foi privatizado mesmo indo contra a lei de costas vixente. Existe unha urbanización privada dentro deste espazo e un edificio de setenta metros de altura con máis de cen apartamentos. Todo isto pechado baixo sete chaves ao resto da cidadanía. Con todo, unha sentenza do Tribunal Supremo permite a entrada aos e as visitantes e mesmo existe o proxecto de crear unha senda para o público. Aínda así, as anomalías que presenta a edificación en Toralla non se corrixiron e vai ser difícil de resolver.
O outro caso foi un dos máis mediáticos de Galicia. O chalé da parella de Núñez Feijóo en Moaña cun acceso privado (unha porta) á praia atravesando terreo público.
O ESTADO DAS COUSAS
As esperanzas de corrección sobre estes puntos negros no litoral son moi poucas. Aínda así, EEAA non xeneraliza en relación aos traballos que realizan as diferentes administracións. Así, algúns concellos mobilizáronse para levar a cabo algunhas accións que poidan, dentro das súas competencias, corrixir efectos negativos na paisaxe ou nos límites legais do espazo marítimo-terrestre público.
“Ás veces parece que as accións van por cores políticas” lamentan desde EEAA. E é que en ocasións a cor do partido no goberno local choca cos intereses do partido no goberno autonómico ou central ou hai choques entre todos eles. Estes choques poden frear solucións eficaces e inmediatas a problemas que deberían haber resolto aplicando a lexislación actual.
O traspaso de competencias do litoral ao goberno autonómico galego acendeu algunhas alarmas ante a posibilidade de “desmáns” por parte do executivo presidido por Rueda. “O Goberno central é o que dá permiso ás actuacións que desexe realizar a Xunta”. Aínda así, existen lugares como a Comunidade Valenciana onde hai unha lei do litoral autonómica que permite crear excepcións para, por exemplo, permitir a permanencia de edificios que claramente vulneran a lexislación sobre o litoral.
As bandeiras negras de EEAA seleccionaron unha serie de puntos cunha especial relevancia medioambiental e que poden acabar sendo un problema a medio prazo. Vulneración de espazos protexidos, verteduras incontroladas, presenza de metais pesados no mar con prexuízos económicos para pescadores e mariscadores. E, o que resulta verdadeiramente contraditorio, a falta de control no litoral botará para atrás o atractivo turístico que a Xunta tanto se empeña actualmente en propagar.
Escribe o teu comentario