A Fegamp organiza o segundo encontro de alcaldesas e concelleiras o 27 de febreiro
O obxectivo principal deste encontro é dialogar sobre boas prácticas e propostas para promover políticas locais de igualdade coa mocidade. As alcaldesas e concelleiras compartirán as súas experiencias e ideas para fomentar a igualdade entre a xuventude galega
A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) organizará o seu segundo encontro de alcaldesas e concelleiras co lema "A mocidade, forza motriz para a igualdade" o vindeiro xoves 27 de febreiro de 2025. Este evento forma parte das iniciativas da FEGAMP para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
O encontro abrirá coa intervención de María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, e Inés Rey, alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da FEMP.
Posteriormente haberá dúas mesas de debate sobre mulleres novas e igualdade. A primeira mesa levará o título "As alcaldesas falando dos riscos e amenazas paras as mozas. Os concellos como garantes de dereitos para todas". Neste debate participarán Cristina Cid concelleira de Allariz, Marián Ferreiro, de Narón, Uxía Oviedo, de Maceda, Marisol Morandeira desde Guitiriz e Paula Fernández desde o Concello de Silleda. A moderadora será Patricia Vilán, secretaria xeral da FEGAMP
A segunda mesa levará como nome "Concelleiras galegas abordan boas prácticas en igualdade co foco na mocidade". Nesta mesa participarán Carmen Porto desde o Concello de Ames, María Pilar Cabrera Gómez, de Sandiás, Selene González, de Salceda de Caselas, María do Carmo Muiño de San Sadurniño e María Ortega de Moaña. A moderadora será Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade.
O peche do encontro correrá a cargo de María Debén, coordinadora da Área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia. Por último, Carmen López, técnica de JustGame, presentará a iniciativa "CAMBIADEBANDO.GAL" da FEGAMP dirixida á mocidade nos concellos.
Escribe o teu comentario