A Plataforma Ulloa Viva premiada en Madrid pola loita veciñal contra a macrocelulosa de Altri

-Ecooo Energía Ciudadana entregou a Ulloa Viva o premio 2024 na categoría “Clandestino Solar”


|

Foto recollida premio en Madrid
Foto recollida premio en Madrid

 

 

A Plataforma Ulloa Viva recibiu o pasado mes de decembro en Madrid un dos galardóns anuais “Invierte el Mundo” que concede Ecooo Energía Ciudadana. A plataforma foi galardoada na categoría “Clandestino Solar” pola loita veciñal e participativa liderada pola Plataforma Ulloa Viva contra a construción da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. A distinción "Clandestino solar" recaeu en Ulloa Viva, segundo Ecooo, coma recoñecemento ao traballo no 2024 do colectivo que baixo o lema Altri Non “formado por organizacións e colectivos locais, liderados pola plataforma Ulloa Viva e co apoio de destacadas entidades sociais e ambientais”

 

O científico do CSIC Fernando Valladares, a antropóloga ecofeminista Yayo Herrero, o xornalista ambiental Arturo Larena e a iniciativa de autoconsumo “La Pablo Renovable” de Rivas Vaciamadrid foron os outros galardoados na segunda edición destes premios “Invierte el Mundo”. As distincións están impulsadas desde a cooperativa ecosocial Ecooo e recoñecen o traballo de quen, "co seu esforzo e acción, nos amosan que outro futuro é posible".

 

A entrega dos premios celebrouse o pasado 13 de decembro en Madrid e no nome da Plataforma Ulloa Viva recolleu o galardón Alicia Vilar, membro do colectivo Agolada Viva da Plataforma. Alí lembrou o traballo de todas e cada unha das persoas membros da Plataforma este intenso ano e o “drama” das cifras coas que Altri pretende atacar ao corazón de Galicia. Unha macrocelulosa que quere producir en Palas de Rei 400.000 toneladas de celulosa soluble ao ano e 250.000 de liocell, usando 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros e devolvendo ao día ao río Ulla 30 millóns de litros de auga tratadas con químicos na planta e a 27 graos de temperatura. 

 

Tamén se referiu aos 1,2 millóns de metros cúbicos anuais de eucaliptos que a planta de Altri-Greenalia precisaría en Palas, o que contribuiría á desaparición do bosque autóctono galego pola evidente eucaliptización que esta industria provocaría no país, segundo as recentes análises de expertos para o Consello da Cultura Galega. Todos eles, son segundo explicou Alicia en Madrid na gala de entrega dos premios, “motivos máis que suficientes para que la poboación do territorio afectado teña que mobilizarse para facerse ouvir, xa que o poder político xa decidiu fai tempo escoitar só á empresa Altri, unha multinacional á que “non queren en Portugal”. Rematou advertindo que “están atacando o corazón de Galicia, e si o corazón deixa de latexar, Galicia morre”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE