A Mesa pola Normalización demanda á UNED por “impedir o uso do galego” nos seus exames
A Mesa considera que a UNED vulnerou os dereitos lingüísticos dun estudante a quen non lle corrixiron un exame por escribilo en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística (A Mesa) anunciou a presentación dunha demanda contra a Universidade a Distancia (UNED), despois de considerar vulnerados os dereitos lingüísticos dun alumno que escribiu un exame en galego, motivo polo que a UNED non llo corrixiu. Segundo a entidade educativa o seu equipo docente “non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán”, así pois, “non ten obriga de corrixilo".
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, apuntou que "a UNED é unha universidade pública e como tal, debe dar exemplo respectando a oficiliade do galego". A isto, Maceira engadiu que ningunha persoa que se examine en Galicia “ten que ser obrigada ou coaccionada” a realizar un exame en castelán.
RECURSO DE ALZADA
Logo do sucedido, o alumno afectado, Bieito Lobeira, presentou un recurso de alzada co apoio da Mesa, porén, o reitorado da UNED rexeitou dito recurso. Diante disto, realizarase unha demanda xudicial para recoñecerlle ao alumno o dereito a que "un docente da UNED corrixa e puntúe o seu exame”.
A Mesa manifestou que o artigo 5 do Real Decreto 1239/2011, de 8 de setembro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade Nacional de Educación a Distancia establece que “a UNED, como Universidade Nacional, asume como misións fundamentais a inserción e coordinación entre os diferentes centros asociados de cada unha das Comunidades Autónomas así como o apoio ás linguas e culturas de España”.
A partir de aquí, A Mesa enumera unha serie de puntos que figuran nos mesmos Estatutos da Universidade a distancia como que “colaborará coas Administracións Autonómicas e demais Administracións Territoriais para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos seus cidadáns en educación superior”. Así mesmo, esta universidade potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais españolas, “tanto en España como no exterior”. Finalmente, o organismo educativo “propiciará de forma progresiva que os estudantes poidan ser titorizados na lingua oficial que desexen”.
PROBAS PRESENCIAIS
Alén do xa mencionado, A Mesa sinala que o Regulamento de probas presenciais da UNED aprobado polo Consello de Goberno en o 28 de xuño do 2011, non prohibe a realización das probas nas linguas cooficiais. É por iso que a organización a prol do galego reclama ás autoridades responsables da UNED tomar as medidas precisas para resolver esta situación “á maior brevidade” e evitar que acontecementos así se repita no futuro.
Durante a presentación da súa demanda, A Mesa recordou que durante as últimas décadas a UNED permitiu a elaboración e presentación de tesinas e teses en galego. Un destes documentos académicos foi a do filólogo e profesor de lingua galega Héitor Mera Herbello, quen defendeu a súa tese Vida e Obra de Bernardino Graña en galego, en 2009, baixo a dirección de Manuel Rodríguez Alonso, a pesar do impedimento inicial da universidade.
Finalmente, A Mesa subliña que hai vinte anos o deputado galego Francisco Rodríguez (do BNG) preguntou no Congreso por que a UNED impedía realizar as probas presenciais en galego, o goberno español contestoulle que "desde o punto de vista legal, tanto estatutaria como regulamentariamente, nada impide a realización de traballos de investigación, publicación e exames nas catro linguas do Estado" dentro da UNED.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística lembran que contan cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en iTunes e Google Play.
Escribe o teu comentario