Unha agrupación veciñal de Vigo inicia unha recadación de fondos para denunciar o ruído das festas do Nadal
O grupo xa iniciara unha recollida de firmas na plataforma Change.org, coa que pedía ao Concello "que poña fin á montaxe e patrocinio desta actividade no medio das rúas do centro"
A Agrupación de Vecinos da Zona do Centro de Vigo reuniu xa case 2.000 euros cunha campaña de recadación na plataforma GoFundMe para denunciar así o ruído xerado polo "parque de atraccións" e mercadillo instalado na cidade durante o período do Nadal.
Os afectados, que xa iniciaran unha recollida de firmas na plataforma Change.org, coa que pedían ao Concello "que poña fin á montaxe e patrocinio desta actividade no medio das rúas do centro", decidiron pasar á vía administrativa.
Por ese motivo animan á participación cidadá, xa que necesitan reunir un orzamento de 10.000 euros para poder contratar a un avogado experto na materia, realizar polo menos dez medicións de ruído por parte dunha empresa especializada e crear un informe gráfico e visual que reflicta a "atroz" situación que aseguran vivir.
"Esta actividade comercial, promovida polo Concello, atenta directamente contra a inviolabilidad do noso domicilio, descanso, seguridade, saúde, protección do medio ambiente, etc. Todos eles son dereitos fundamentais dos que alí vivimos ou traballamos", sinala o grupo.
Segundo as declaracións a comunidade, o nivel de ruído destas instalacións "incumpre" a normativa legal europea, estatal, autonómica e do propio concello da cidade.
Deste xeito , pretenden iniciar "de forma inmediata" pola vía administrativa contra o consistorio municipal porque, engaden, "é necesario esgotar esta vía antes de iniciar a vía xudicial se o Concello non rectifica na súa postura".
Escribe o teu comentario