Rey Varela, alcalde de Ferrol: "Non podemos apostar por un único sector; temos que aprender das crises pasadas"

José Manuel Rey Varela (Ferrol, 1975) regresou o pasado 28 de maio á alcaldía de Ferrol, a que lle arrebataron as mareas en 2015 e os socialistas en 2019, despois de dúas derrotas pola mínima. A súa maioría absoluta permite ao seu goberno alcanzar a "estabilidade" que perseguía. Prometeu que daría un xiro en 100 días para sentar as bases dun mandato que terá que compaxinar co seu papel no Senado, despois de ser elixido senador por designacón autonómica. Transcorridos eses 100 días, o rexedor entrever con Galiciapress para facer balance deste tempo á fronte da cidade. 


|

Archivo - José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol
José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol

 

Durante a campaña fixo moita énfase nos que ían ser os primeiros 100 días de mandato, con moitos proxectos de calado que ían desde a apertura do Concello á cidadanía até a aprobación dos orzamentos. Transcorrido ese tempo, cumpriu todo o que tiña previsto facer ou quedou algo sen abordar? 

Ao que me comprometín na campaña foi traballar desde o primeiro día para que cunha serie de compromisos, aos 100 días, iniciásemos o cambio que Ferrol merece. Pedín unha confianza excepcional para que Ferrol contase cun goberno excepcional. Así o fixemos. Todos os temas que dixemos que abordariamos nos 100 primeiros días cumprímolos.

 

Apunta dúas cousas moi importantes. Un era devolverlle o protagonismo aos veciños, reabrir o Concello para eles e fixémolo a primeira semana. E non houbo que esperar 100 días, senón que en dous meses rompemos o “maleficio” desta cidade cos orzamentos, xa que non telos era causa de non ter gobernos estables nos últimos anos. Para nós era moi importante non perder o ano 2023, xa non tivemos orzamentos en 2022 e non podiamos perder estes seis meses para plasmar en números outros moitos compromisos que xa non son de 100 días, senón de catro anos que terán a súa base de investimentos nos orzamentos deste 2023.

 

Como atopou o Concello ao seu regreso?

Se os cidadáns cambian de Goberno e déronnos confianza aos que liderabamos a oposición é porque xa se sabía que había moitas cousas que mellorar. É certo que notamos, e notei, tendo experiencia de xestión no Concello e outras administracións, que existe unha deterioración maior do que criamos no relativo á organización interna. Unha vez diagnosticada a situación actuamos tamén sobre iso. Por iso nos 100 primeiros días aprobamos un novo regulamento de organización municipal. O último era de 1987. 


ECONOMÍA, INDUSTRIA E EMPREGO

Un dos grandes cabalos de batalla que tiña e aínda ten por diante é a recuperación económica da cidade, algo no que foi moi insistente durante o inicio da campaña electoral. Hai xa sobre a mesa proxectos de grandes industrias para instalar en Ferrol? Pode falarnos dalgún?

Podo dicirlle que onte, na Xunta de Goberno do Concello aprobamos unha ordenanza pioneira en toda Galicia para a axilización das licenzas, porque todo o que queira investir nunha cidade necesita licenzas administrativas. Somos moi ambiciosos con este novo regulamento para as licenzas, para garantir que nós, xa non imos dicir que temos que liderar, por suposto, senón que o propio Concello non sexa un problema para os investimentos. Puxemos a base nestes 100 días e aínda hai moito que facer. 

 

Tamén lle podo dicir que onte aprobamos definitivamente para elevalo a pleno o Estudo de Detalle que permitirá iniciar a transformación do Estaleiro 4.0 en Navantia, un proxecto do que levaba anos falando, cun investimento de 100 millóns de euros e que ten que continuar, e iso reclamarémolo ao futuro Goberno de España, pero agora hai orzamento e o que fixemos co estudo é que pase dunha promesa a unha realidade, algo que sen dúbida é importante para seguir sendo competitivos no ámbito do naval. Proximamente desbloquearemos tamén a licenza para unha empresa moi importante no ámbito da enerxía eólica, como é Nervión, no porto exterior, e varios proxectos máis de desenvolvemento económico que temos en carteira. 

 

A actualidade na cidade en materia económica pasa xusto polas tensións en Navantia coas empresas auxiliares. A transformación dos estaleiros e a construción do dique pode ser a resposta que busca toda a industria. Está máis cerca?

Por suposto. Ferrol naceu para construír e albergar barcos, por iso temos un estaleiro e un Arsenal Militar. Estamos nun bo momento para o crecemento de ambos, pero iso significa tomar decisións. Por iso, o que nos compete a nós é o Estudo de Detalle e así o fixemos, xa pode empezar esa transformación tan demandada e da que tanto se falou nos últimos anos e veremos si con isto iniciamos unha senda nova para seguir sendo competitivos na construción e reparación de barcos. 

 

 

O porto é outra gran oportunidade, por iso estamos a desbloquear esa licenza a Nervión, punteira no sector eólico, e logo está a propia cidade, cos seus sectores estratéxicos, pero a propia Ferrol debe ser un sector estratéxico. Temos que aprender das crises que vivimos outras veces, polo que non podemos apostar por un único sector, imos apostar tamén polo comercio, a hostalaría, o turismo, sectores que se están desvelando como fontes de xeración de emprego e riqueza moi importantes.

 

E que hai da planta de metanol de Maersk? Algunha novidade?

Está a traballarse con intensidade desde a Autoridade Portuaria e calquera cousa que necesiten desde o Concello estamos á súa disposición. Xa lle digo que outro dos eixos de crecemento económico clave da cidade. 


"A propia Ferrol debe ser un sector estratéxico. Temos que aprender das crises que vivimos outras veces, polo que non podemos apostar por un único sector"

 

En materia de infraestruturas prometeu que pelexaría pola mellora das conexións con independencia de quen goberne en Santiago ou en Madrid. Conseguiu xa algún compromiso neste terreo? 

O que depende de nós é demandar non ser máis que ninguén, pero tampouco menos.Nos orzamentos aprobados aparece por primeira vez a estación intermodal, que ten que ser a primeira pedra para que non se esquezan de que o noroeste de Galicia e de España non pode quedar á marxe do Eixo Atlántico do Ferrocarril nin do Corredor Atlántico de Mercadorías e de Pasaxeiros. Imos ver si conseguimos desbloquear a firma do convenio, xa digo que non para ser máis que ninguén, pero si para non ser menos que os demais. Das sete cidades somos a única que aínda non asinou a transformación da intermodal, clave para esas dúas cousas, para a chegada da Alta Velocidade e dispor das condicións técnicas que esixe o Corredor Atlántico. 

 

“O RACING ESTÁ a SER TODO UN EXEMPLO”

Puido ver o Racing-Real Zaragoza?

O Racing está a ser todo un exemplo de que cando nos xuntamos os ferroláns conseguimos grandes cousas. Hai un sentimento racinguista e ferrolanista como non viamos desde facía moito. O que temos que facer desde o Concello é apoialo. Nada máis chegar atopeime con que non cumpriamos cos requisitos para xogar en Segunda na Malata. O que fixemos foi xuntar esforzos desde o club, o Concello e a Xunta de Galicia e un mes despois conseguimos que o primeiro partido de Segunda en casa puidésese xogar na nosa cidade. Eu celebreino, non como alcalde, senón como un ferrolán, a vitoria de onte contra o líder. 

 

Algúns pensaban que a estrea na Malata ía chegar moito máis tarde do que foi finalmente, sobre todo despois de que se paralizasen as obras e houbese que chegar a un acordo de emerxencia coa Xunta para financiar as melloras. Xa está todo resolto? Que outras melloras lle gustaría ver na Malata?

Hai novos retos. Dicíao antes: a recuperación económica depende do naval, do porto, da eólica, pero tamén da cidade, e o deporte é un dos seus elementos crave. Estamos a traballar pola mellora das instalacións deportivas. Queremos ser unha cidade do deporte e o Racing e o seu estadio teñen un protagonismo importante e estamos a traballar en melloras de face ao futuro. 

 

 

REY VARELA ALCALDE; REY VARELA SENADOR

Nunha entrevista anterior díxome que “podendo estar noutro sitio escollín estar en Ferrol”. Onte Anxo Mato puxo en dúbida o seu compromiso coa cidade ao ter que compaxinar a alcaldía co cargo de senador. Son xa varias as voces que dispararon nese sentido, aínda que xa o fixo no pasado co Parlamento de Galicia e a oposición en Ferrol. Que lle responde aos críticos neste sentido?

A min criticáronme nos anos que levo de responsabilidades públicas criticáronme por moitas cousas. É a primeira vez que me critican porque non vou ser capaz de atender dúas responsabilidades tal e como fixen en moitas outras ocasións ou como fan decenas de alcaldes na Cámara Alta. Non aceptaría esa responsabilidade, igual que non aceptei moitas outras que me propuxeron, se non pensase que era posible compatibilizalo e, sobre todo, se non pensase que é bo para Ferrol. Creo que é unha oportunidade que o alcalde da cidade poida defender en primeira persoa os intereses da cidade en Madrid. Levamos moitos anos dicindo que hai moitos asuntos de cidade que dependen de Madrid, e que o alcalde dos ferroláns poida estar uns días en Madrid ten que redundar positivamente. 

 

 

Pode garantir entón que vai esgotar a lexislatura?

Pasáronse a campaña hai catro anos dicindo que se non gobernaba -non se non gañaba, porque xa sabían que ía gañar- non me quedaría en Ferrol. Dei exemplo do meu compromiso coa cidade. Un cando ten a confianza de tantos veciños o que ten que pensar é que non pode fallar a esa confianza. Fallarlle a Ferrol e á confianza dos ferroláns sería tanto como fallarme a min mesmo. 

 

O Partido Popular afronta unha semana importante en Madrid aínda que ten moi difícil alcanzar a investidura. Vostede sempre foi unha figura importante no PP galego. Recibiu algún ofrecemento para algún cargo en Madrid nunha hipotética Executiva liderada por Alberto Núñez Feijóo? Antes xa mencionou que lle ofreceron outras responsabilidades no pasado…

Non, non recibín ningún ofrecemento en Madrid. Ademais non é o momento para os ofrecementos. É o momento do presidente Feijóo, que é o que gañou as eleccións e o que está a defender a moitos españois que queren un goberno estable e que aposte pola igualdade en toda España. 

"Un cando ten a confianza de tantos veciños o que ten que pensar é que non pode fallar a esa confianza"

 

Xa en clave galega, todo pasa en política pola proximidade das eleccións autonómicas, que seguen sen data. Que consello daríalle a Rueda de face ao calendario electoral? 

Que siga facendo o que vén facendo durante o último ano e medio, que é pensar e xestionar os intereses de Galicia. Estou seguro que o seguirá facendo e que ese é o mellor consello para obter unha gran maioría absoluta, que merece el e que sobre todo merece Galicia.  


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE