ERE no CTAG, a crónica dunha morte anunciada fai 43 días pola "descapitalización da Xunta"
O ERE exposto para 150 traballadores é visto como "desmesurado" polos sindicatos, que tamén critican o ERTE de 110 días para o resto do persoal.
43 días sepárannos desde o pasado 4 de setembro, cando o sindicato CC.OO. alertou da compelja situación na que se atopaba o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (#CTAG), que nun mes asumira máis dunha vintena de despedimentos ante a "descapitalización" por parte da Xunta que sobrevoaba o centro, e este 17 de outubro, día no que se anuncia un ERE para 150 empregados e un ERTE de 110 días para o resto do persoal.
CRISE DA AUTOMOCIÓN
O anuncio chegou despois de que se dese traslado aos sindicatos as intencións na planta do Porriño. Agora ábrese o proceso de negociación para tentar aplacar as condicións do despedimento de 150 empregados, que sumados aos 23 alertados en setembro por Comisións -sen datos do último mes-, achega o número de rescisións ás 200.
Esta proposta coincide coa alerta que fixo CC.OO. no seu momento, denunciando a "perda de persoal cualificado, proxectos e recursos", cristalizando todo iso nunha profunda crise que afecta aos case 900 operarios do persoal. "Son os números máis altos que se deron no sector", apuntan desde a CIG, que empata a crise do CTAG co último ERE aplicado por Stellantis na súa planta de Balaídos.
Desde o CTAG argumentan que esta situación está marcada polo mal momento que atravesa no seu conxunto o sector da automoción. Razóns "produtivas e económicas" de índole internacional -políticas arancelarias, menor demanda...- precipitaron a caída en picado dos fondos procedentes de axudas públicas. Isto afectou directamente nos ingresos do cento
"NON HAI DESPEDIMENTOS INMEDIATOS"
Os sindicatos están nestes momentos estudando a documentación achegada, pero consideran, nunha primeira ollada, desmesurado o número de empregados afectados. Desde CC.OO. David Casal manifesta que a intención agora é "reducir o impacto, garantir saídas voluntarias e protexer o emprego cualificado".
Así, subliñan desde o sindicato que "non hai despedimentos inmediatos" e que a prioridade é "que se xestione con diálogo, transparencia e garantías para todo o persoal" co fin último de que o CTAG "siga sendo un referente de innovación e emprego estable".
Escribe o teu comentario