Substitución na cúpula de Endesa en Galicia tras doce anos
Desde o 1 de xullo, Endesa nomea nova directora territorial no Noroeste, nun momento clave para a súa estratexia de transición enerxética en Galicia, onde posúe varias centrais importantes, ademais da térmica pecha nas Pontes, en pleno proceso de desmantelamento.
María Giuseppina Biondi, de 44 anos e natural de L’Aquila (Italia), asumirá a dirección territorial de Endesa no Noroeste, en substitución de Miguel Temboury, que se retira tras doce anos á fronte.
Incorporada a Endesa en 2014, procedente de Enel, ocupou postos de responsabilidade en Finanzas, Recursos Humanos, Estratexia, Distribución e Relacións Institucionais. Até agora, Biondi ocupaba o posto de resposable de asuntos institucionais, gobernanza e planificación de Endesa a nivel estatal, con base en Madrid.
Na comunidade galega, Endesa xestionaba a central térmica das Pontes, con 1.400 MW de carbón e 800 MW de ciclo combinado. Despois de apagar as súas caldeiras en novembro de 2023, a planta mantivo só o seu grupo de gas. A térmica está en proceso de desmantelamento.
A central de carbón chegou a empregar a uns 1.200 traballadores directos. Para paliar o peche, Endesa activou un plan de investimentos co obxectivo de mitigar o impacto os empregos perdidos. No entanto, sindicatos como CIG levan anos alertando sobre a retardación destas iniciativas, denunciando que moitas seguen en tramitación. Este será sen dúbida un dos desafíos de Biondi en Galicia.
Endesa tamén opera varias centrais hidroeléctricas que suman uns 438 MW, capaces de abastecer a case un millón de persoas.
Escribe o teu comentario