Prosegur nega os chalecos protectores aos seus vixiantes de seguridade: "Non estamos a pedir tanques"

Galiciapress conversa coa CIG para coñecer de primeira man as demandas dos traballadores da seguridade privada de Marineda City, o Centro Comercial Catro Camiños ou o IKEA da Coruña, onde non contan cos medios suficientes para poder afrontar as incidencias que se presentan no día a día destas superficies comerciais.


|

22 03 07 SeguridadeMarinedaCity 05
Foto de arquivo dunha protesta da CIG ante Marineda City

 

A diario, miles de persoas acoden a Marineda City, Catro Camiños ou IKEA a facer as súas compras. Para garantir a seguridade, o persoal de Prosegur, encargados da vixilancia nestas superficies, ten que multiplicar os esforzos para manter a orde ante potenciais roubos ou agresións. Para iso, necesitan de todos os recursos ao seu alcance, pero dun tempo para acó están a ver como solicitudes a priori sinxelas, como contar con chalecos protectores, caen en saco roto, pese ao risco que supón para eles. 

 

 

SOLICITUDES SEN RESPOSTA

Os vixiantes de seguridade destes espazos de venda demandan chalecos protectores durante os seus servizos. A negativa inicial da empresa tornouse nun “talvez” se os traballadores, de maneira individual, solicitan estes chalecos por escrito. Desde a CIG confirman este extremo, que a empresa concesionaria fai “de maneira verbal e informal”. 

 

No entanto, o sindicato, que xa denunciou no pasado outras irregularidades ao redor desta firma, apunta que “nunca se respondeu por escrito ás peticións formais” que desde a CIG fixeron chegar á firma, como tampouco se deu resposta ás solicitudes que de forma individual comunicaron os traballadores. “É unha manobra para dilatar unha demanda colectiva e xusta, desviando a responsabilidade da empresa cara o traballador”, critican.

 

 

De aprobar a medida, ademais, a compañía fixo saber aos traballadores que “o terán que usar sempre”, algo que, sosteñen desde a central sindical, “carece de sentido”. “Os propios traballadores saberán cando é necesario usar esa protección e cando non”, asumen, reiterando que esa afirmación da empresa non deixa de ser “unha escusa máis para evitar darnos os medios acordas”. 

 

 

“Non estamos a pedir tanques nin escudos”, ironizan, subliñando que se trata de “un elemento básico que xa se utiliza noutros sectores e noutros países”. A importancia deste elemento protector está estreitamente relacionado co que a empresa cualificou de “casos illados”, que desde o colectivo explican como “incidentes que, para nós, son parte dunha realidade cotiá”. 

 

EMPUXÓNS, INSULTOS, AMEAZAS…

“Os vixiantes sufrimos ameazas, empuxóns, insultos e agresións verbais de maneira habitual, especialmente nos centros comerciais grandes e con moita afluencia de xente”, lamentan. Estas circunstancias, aínda que practicamente diarias, quedan case sempre apuntadas na auga, pois “moitos traballadores non denuncian por medio a represalias ou a que os cambien de posto”. “As empresas e os clientes non queren que se faga ruído nin mala publicidade”, censuran.

 

Con todo, resulta inasumible poder realizar a correcta vixilancia de superficies comerciais tan grandes como Marineda City sen o equipo axeitado, sendo estes “pequenos” para as “dimensións” destes centros comerciais que contan con “zonas de pouca visibilidade”, “entras múltiples” e un continuo ir e vir de persoas, o que engade un grao máis de presión para que os encargados de garantir a seguridade non “molesten” aos usuarios durante o desempeño do seu labor. 

 

“A carga mental e física é alta e a responsabilidade enorme”, esgrimen os traballadores, que tamén demandan “formación específica e revisión de protocolos”, ademais dun incremento dos persoais, xa que a falta de profesionais é un mal que parece afectar a todas as empresas do sector. “Hai servizos nos que se traballa practicamente sen apoio e sen descanso, cun nivel de esixencia que non se corresponde cos medios dispoñibles”, censuran, á vez que apuntan que, en moitas ocasións, ven obrigados a asumir tarefas que non se corresponden coa súa categoría profesional.

 

 

“NON HAI VONTADE DE MELLORAR NADA”

Todo iso nun momento no que o sector denuncia que os salarios son moi baixos e que non se corresponden coa escalada de prezos que provocou a inflación, provocando que os profesionais da seguridade privada, segundo as contas da propia CIG, perdan “ao redor dun 12% do seu poder adquisitivo real” nas últimas dúas décadas. “En oito anos o noso salario practicamente non subiu ao ritmo que subiron os prezos”, inciden, precisando que mentres os alugueres, os combustibles ou a cesta da compra disparábanse os seus salarios seguían conxelados por un “convenio estatal que é unha trampa que perpetúa esta precariedade”. 

 

“Non hai vontade da patronal para mellorar nada e os sindicatos asinantes están ausentes nas loitas reais. A realidade é que o vixiante está cada vez máis esgotado e máis pobre”, apostilan desde a CIG, que avanzan que, se non se atenden ás súas reivindicacións, incluso as máis sinxelas como dotar aos traballadores dos chalecos protectores, non descartan a convocatoria de mobilizacións ou outras medidas máis severas. 

 

 

“Estamos en contacto con compañeiros de todo o Estado e cada vez hai máis conciencia de que non podemos seguir calados. Se as nosas demandas básicas seguen sendo ignoradas, as mobilizacións serán inevitables”, resolven.

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE