Rearranque en Stellantis Vigo e Alcoa San Cibrao tras o apagamento, pero "con algunhas dificultades"
A actividade nas dúas industrias viuse interrompida polo fallo na subministración eléctrica. Hoxe é un día de reinicio das máquinas.
Grandes empresas galegas como Stellantis, en Vigo , e Alcoa, en San Cibrao, Cervo (Lugo); recuperaron a normalidade "con algunhas dificultades" no proceso de rerranque tras o apagamento que as mantivo sen enerxía durante horas.
Así o confirman fontes de ambas as compañías. Por unha banda, Stellantis recuperou a actividade na quenda de mañá --que entra ás 6,00 horas-- deste martes, con algunhas dificultades "que se van liquidando".
En Alcoa, o apagamento mantivo o complexo industrial sen enerxía até as 20,30 horas "aproximadamente", aínda que "non entrou tensión nas cubas até as 21,30 horas".
Na planta de alúmina continúan co rearranque "con dificultades pero sen ningún fallo crítico". Unha das prioridades son os precipitadores, onde o persoal está a traballar en eliminar os sólidos polo parón.
Na planta de aluminio perdéronse todas as cubas salvo 11 que os profesionais conseguiron salvar, delas sete na sala 1 e catro na 2.
O comité de empresa destaca que "grazas á profesionalidade e capacitación dos traballadores non se produciu ningún incidente nin accidente" e "o traballo de todo o equipo permitiu recuperar ambas as plantas superando de forma positiva o limiar de supervivencia das instalacións".
PORTO DE VIGO
Tamén noutros puntos de gran actividade da xeografía galega como o Porto de Vigo afirman estar "a traballar con normalidade". Ás 4,15 horas procedeuse á apertura da lonxa e o mercado.
Deste xeito posibilitouse a operativa da flota de cerco e baixura, que si saíran a faenar, podendo así operar "coas máximas condicións de seguridade e salubridade".
Escribe o teu comentario