Cambios en Stellantis España: o italiano Marco Cane asume a dirección en España e Portugal
Marco Cane foi designado como Managing Director Iberia de Stellantis, un dos principais grupos automobilísticos a nivel mundial e principal empleador privado en Galicia. O seu nomeamento chega nun momento complicado, tras a recente saída do CEO e a falta de concreción sobre os novos modelos a producir nas factorías de Vigo, Madrid e Zaragoza, aínda que en Aragón Stellantis si confirmou un importante investimento nunha planta de baterías.
Este nomeamento inclúe a dirección de operacións para España e Portugal, e prodúcese tras a saída de Pablo Puey, cuxa futura responsabilidade na empresa Stellantis non quixo concretar. Cane reportará directamente a Luca Napolitano, CEO global de Lancia e xefe de Operacións de Vendas do grupo.
Entre as súas responsabilidades, Cane xestionará as estratexias de negocio de marcas tan emblemáticas como Abarth, Alfa Romeo, Citroën, DS Automobiles, Fiat, Jeep, Lancia, Leapmotor, Opel e Peugeot. Varias desas marcas producen coches na factoría de Vigo. Ademais, supervisará as actividades relacionadas con vehículos usados, posventa, recambios e servizos, un sector crave no panorama automobilístico ibérico.
Impacto en Galicia
O nomeamento de Marco Cane prodúcese nun momento clave para Stellantis en España, especialmente tras a prolongada ausencia de noticias de novos investimentos na planta de Vigo, unha das máis importantes para o grupo en Europa.
Stellantis Vigo anunciou hai anos a adxudicación de novos modelos eléctricos para Balaídos, reforzando o seu papel estratéxico na transformación cara á mobilidade sostible, pero esas promesas quedáronse por agora no aire mentres outras plantas, como Zaragoza, si acaban de recibir anuncios de novos investimentos.
Traxectoria profesional con forte vinculación financeira
Marco Cane, natural de Italia, é licenciado en Economía pola Universidade de Turín e conta cunha sólida traxectoria no ámbito financeiro dentro do sector da automoción. Iniciou a súa carreira en 2003 como Controller en Magneti Marelli Sistemi Elettronici e máis tarde ocupou diversos cargos en empresas do grupo Fiat, como Iveco e Fiat Powertrain Technologies.
O seu ascenso continuou coa responsabilidade financeira da marca Jeep na rexión EMEA (Europa, Oriente Medio e África), ademais de liderar a xestión económica dos negocios de flotas e vendas nesa mesma rexión. En 2020, uniuse a Maserati como Commercial Controller, e desde 2022 desempeñou o cargo de Chief Financial Officer desta marca premium.
Escribe o teu comentario