Novo vídeo mostra disparos, atropelos e golpes a feridos na pelexa mortal en Ribeira
Un novo vídeo conseguido por Galiciapress mostra a extrema violencia da liorta de onte en Ribeira, que se saldou cun falecido e polo menos media ducia de feridos. As imaxes non son para persoas sensibles. Puñadas, atropelos, golpes a persoas feridas no solo e disparos efectuados cando foxen varios vehículos son algúns dos aspectos que se observan.
A escena empeza con dous homes a peito aberto pelexar a puñadas. Un cae ao solo. Mentres, outros participantes atacan con barras de metal e paus un turismo vermello coas portas abertas.
Unha furgoneta branca tenta fuxir da escena. A pelexa aumenta de intensidade. Un verdadeiro caos, con homes golpeando a outros con paus mentres algúns, os menos, sobre todo mulleres, tentan separar aos contendentes.
Tras un mínimo receso, a furgoneta dá marcha atrás. Case atropela a algunhas persoas. Logra saír do aparcadoiro da área recreativa, ante a mirada de varios axentes da Policía Nacional e da Policía Local, que, na porta do recinto público, apartan á xente do camiño do vehículo na súa fuxida.
Nese momento arrinca un turismo gris. Un home tenta detelo, atropélano, pero logra golpear cunha barra o parabrisas. A berlina estámpase contra as mesas dunha terraza. Dá marcha atrás mentres lle tiran de todo, incluída unha cadeira. Logra escapar cunha porta aberta pero a liorta non termina.
Parece que a área recreativa quedan membros dos dous clans enfrontados. Suponse que o grupo que foxe nos coches é o de Santiago, pois camiño a esta cidade foron detidas varias persoas.
Un dos homes arremete contra un contendente, dálle a un gran golpe a dúas mans cunha barra. Nese momento aparece en escena outra furgoneta branca, atropela por detrás ao agresor, que salgue lanzado polo aire e acaba rodando polo solo. Hai que ter en conta que as primeiras investigacións apuntan a que o falecido morreu produto dun atropelo.
A segunda furgoneta enfila a porta, cunha porta lateral aberta á que tentou subir unha persoa, sen éxito. Fóra de cámara, soan polo menos cinco disparos, probablemente efectuados por axentes policiais tentando deshabilitar o vehículo, pois non hai noticia que os clans usasen armas de fogo.
Os tiros efectuados á porta da área recreativa non lograron facer parar á furgoneta. Iso si, parece que serviron para acougar algo o ambiente. Un home, coa cara ensanguentada pide un trapo para cortar a hemorraxia.
O enfrontamento, que involucrou a dous clans familiares –un local de Ribeira, coñecido pola súa base no lugar da Conlleira, e outro procedente de Santiago de Compostela–, estalou durante a celebración dunha pedida de man e degeneró rapidamente nunha batalla campal con armas brancas, bates e cadeiras lanzadas, tanto no interior como no exterior do local.
A vítima mortal, un home de Santiago, foi arroiada por unha furgoneta branca que, segundo os vídeos gravados por testemuñas, pasou por encima del antes de fuxir do recinto. Ese momento parece que si
Polo menos tres vehículos escaparon a toda velocidade tras o suceso, mentres que a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron un amplo operativo na zona e nas peaxes da autovía dos accesos camiño a Santiago, onde se interceptaron a varios implicados.
O balance provisional é de nove feridos, a maioría leves e xa dados de alta no Hospital do Barbanza, aínda que un permanece ingresado en estado grave no CHUS de Santiago, tras ser trasladado en helicóptero .
Chegan antidisturbios desde A Coruña para reforzar a vixilancia
Durante a liorta, os axentes fixeron uso das súas armas regulamentarias, disparando as súas pistolas ao aire para tentar dispersar aos participantes e repeler agresións, segundo explicou o Sindicato Unificado de Policía (#SUP).
O SUP, o sindicato máis representativo do corpo en Galicia, lembrou que levan anos reclamando máis efectivos para a comisaría de Ribeira e valorou a rápida intervención policial, que evitou un balance aínda máis tráxico. O sindicato tamén destacou que, a pesar da gravidade do suceso, non houbo axentes feridos.
O delegado do Goberno en Galicia ordenou reforzar a presenza policial tanto en Ribeira como en Santiago para evitar novos enfrontamentos entre os clans implicados, mentres a investigación segue o seu curso para esclarecer a orixe da liorta e determinar si hai máis persoas involucradas.
A chegada de reforzos da Unidade de Intervención Policial desde A Coruña responde á necesidade de garantir a seguridade na comarca, tras este episodio de extrema violencia. A ninguén se lle escapa que existe o risco de que se produzan vinganzas.
Escribe o teu comentario