Gandeiros galegos, en pé de guerra contra petroleiras e industrias pola subida do gasóleo ante a guerra de Irán
As industrias que recollen o leite están a negociar á baixa os contratos de recollida. As distribuidoras dispararon o prezo do gasóleo agrícola ao fío do conflito no Pérsico a pesar de que o combustible que venden comprouse antes do inicio da crise.
O gasóleo agrícola (gasoil B) en Galicia subiu un 24% nos últimos 10 días, alcanzando ao redor de 1,50 €/litro.
Os produtores alertan de que se trata dunha manobra de especulación porque as distribuidoras de combustible adquiriron o fuel antes da crise desatada tras o ataque de Israel e Estados Undios a Irán.
A asociación Agromuralla advirte de que unha redución nos prezos do leite sería “ilegal e suicida” para as granxas galegas, nun contexto marcado polo encarecemento do gasóleo, os fertilizantes e a incerteza derivada da guerra en Irán. Unións Agrarias reclama á Xunta e ao Goberno central medidas urxentes para frear a especulación e garantir a viabilidade dun sector crave para o medio rural.
A poucos días de que venzan a maioría dos contratos de compravenda de leite —o 31 de marzo—, Agromuralla, que agrupa a uns 400 gandeiros e gandeiras de toda Galicia, fixo un chamamento á “responsabilidade” das industrias lácteas. A entidade considera “temerario” que as empresas pretendan aplicar baixadas de prezos cando as explotacións sofren un encarecemento xeral dos custos de produción a causa do novo conflito en Irán.
O ataque de EE.UU. e Israel interrompeu subministracións enerxéticas clave, elevando o cru e afectando carburantes como o gasóleo agrícola. Isto provocou aumentos en fertilizantes (+20% en urea) e outros insumos agravan a situación, con sobrecustos estimados en 2,4 millóns €/día para o campo español.
Segundo explica a presidenta do colectivo, Noelia Rodríguez, o ataque de Estados Unidos e Israel provocou un disparo no prezo do gasóleo agrícola, que supera xa os 1,5 euros por litro en boa parte das estacións galegas. En só unha semana, o gasoil A subiu un 10,8% e o gasoil B (agrícola) un 12,3%, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Este incremento chega nun momento crítico, coincidindo co inicio das tarefas de abonado e ensilado.
A esta situación súmase o encarecemento da luz, os plásticos e os pensos, o que podería elevar os gastos das explotacións nun 20%, unha cifra similar á rexistrada en 2022 tras a invasión rusa de Ucraína.
As ofertas presentadas polas industrias lácteas nas últimas semanas contemplan baixadas de até 9 céntimos por litro, algo que a presidenta de Agromuralla considera “inaceptable e alleo á realidade do mercado”. A organización recalca que traballar a perdas está prohibido por lei, polo que pide ás empresas que reconsideren a súa postura e repercutan o incremento dos custos no prezo que pagan aos produtores.
Rodríguez advirte de que unha baixada de prezos a partir de abril podería desencadear unha crise de subministración de leite e un novo peche masivo de granxas. Moitas explotacións, di, valorarían enviar vacas ao matadoiro, xa que o sector cárnico mantén prezos máis rendibles neste momento. “As industrias están a xogar co equilibrio da subministración alimentaria”, alerta.
Denuncia por concertación no prezo do gasóleo
A organización agraria Unións Agrarias (#UUAA) foi máis aló e prepara unha denuncia ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) contra as principais distribuidoras de carburantes. Acúsaas de elevar os prezos de forma concertada, xa que o diésel agrícola encareceuse un 24% nos últimos dez días, situar ao redor de 1,50 €/l, un nivel non visto desde o verán de 2022.
Segundo UUAA, este repunte non responde a causas obxectivas, xa que o combustible actualmente en circulación foi adquirido antes do estalido bélico no Golfo Pérsico. A organización denuncia unha “especulación intolerable” que golpea de novo a base produtiva do rural galego.
Unións Agrarias solicita un plan de continxencia conxunto entre o Goberno central e a Xunta de Galicia para garantir o funcionamento das granxas e evitar que a incerteza nos mercados provoque un colapso do sector primario.
Tamén urxe aplicar con rigor a Lei da Cadea Alimentaria, especialmente no relativo á repercusión das subidas de custos nos prezos en orixe do leite, a carne e as patacas. A falta de mecanismos transparentes para calcular os custos reais de produción, apuntan, impide detectar as vendas a perdas e dificulta sancionar os incumprimentos.
Finalmente, UUAA propón impulsar un plan de enerxías renovables para as explotacións galegas, que lles permita compensar o alto custo eléctrico aproveitando excedentes solares, en igualdade de condicións coas industrias do sector. Sen unha resposta inmediata das administracións, advirten, o futuro do sector lácteo galego, fundamental para a economía rural e o equilibrio territorial, podería entrar nunha fase de risco grave.
Escribe o teu comentario