Venancio Salcines (CESUGA): “Son español e a lei española permite crear universidades, non hai máis”
O principal promotor da Universidade Emilia Pardo Bazán da Coruña rebate, en declaracións a Galiciapress as críticas lanzadas polo reitor da UDC e os sindicatos CIG e Comisións Obreiras.
O plan de CESUGA para converter nunha universidade privada na Coruña está a recibir críticas por parte de diferentes institucións. A máis rechamante foi a do reitor da Universidade da Coruña. Cuestionado sobre o proxecto, Roberto Cao reclamou esta semana que as novas universidades privadas sexan “iniciativas de calidade” e os seus promotores teñan “carácter exemplar”.
Unha alusión que algúns interpretaron como un cuestionamiento da traxectoria Venancio Salcines, alma máter de CESUGA -un centro universitario herculino a unha universidade privada zaragozana- e líder do proxecto de transformala nunha institución superior independente, a Universidade Emilia Pardo Bazán da Coruña.
Cuestionado sobre estas críticas por Galiciapress , o economista desexa aclarar o que ve como insinuacións interesadas.
Dimitiu de edil tras unha polémica sobre uns cobros de dietas en Cambre
Salcines explica que “fun militante socialista durante 20 anos” e que chegou a ser concelleiro de Facenda en Cambre. O profesor de Economía na UDC relata que dimitiu polo cansazo que lle supuxo as acusacións de cobros irregulares de dietas municipais.
“Custoume moito desgaste persoal, os desgustos que me xeraba eses ataques non me compensaban as satisfaccións que me achegaba a concellaría”
O reitor de CESUGA lembra que o asunto nunca chegou aos xulgados e que a cantidade en cuestión. que devolveu, non chegaba aos 2.000 euros. Indica que a media de dietas durante o tempo que ocupou o cargo -na súa maioría en hostalaría - roldaba os 80 euros ao mes e contextualiza a polémica como algo propio das cuitas internas dos partidos nun momento no que se abría a porta a un cambio de liderado do PSOE local, ante a próxima xubilación do alcalde.
“Custoume moito desgaste persoal, os desgustos que me xeraba eses ataques non me compensaban as satisfaccións que me achegaba a concellaría”, sinala, tras lembrar que “a miña vida profesional xa estaba resolta”. Salcines engade que “18 asociacións veciñais” reclamaron no seu día que non dimitise. Como mostra do seu desexo de traballar pola súa veciñanza, tamén á marxe da política, indica que leva anos “pagando do meu peto” un banco de alimentos para varias parroquias de Cambre.
Lembra que CESUGA ten décadas de experiencia e leva miles de egresados
Máis aló de alusións persoais, que lle parecen as palabras do reitor da UDC cuestionando o plan de salto de categoría de CESUGA? O tamén presidente da Fundación Venancio Salcines insiste en que non quere alimentar a polémica pero anima ao reitor da UDC a centrar noutras cuestións, como a situación financeira da UDC. “O reitor pode facer dúas cousas, ou falar da miña ou falar das contas da UDC; a sociedade o que lle pide a un reitor é que explique as contas da súa universidade”, razoa.
Con todo, Cao non foi o único crítico. Os sindicatos #CIG e Comisións Obreiras cuestionaron á alcaldesa da Coruña (Inés Rey, do PSOE) por recibir aos promotores da nova universidade. Critican a oportunidade da reunión en María Pita cando o Estado, ao contrario da Xunta, aínda non lle concedeu luz verde definitiva á Universidade Emilia Pardo Bazán. Ademais, lembran, o propio presidente Pedro Sánchez acaba de abrir unha reforma legal para pór coto ao que interpreta como “chiringuitos” que, di, están a devaluar a calidade do ensino universitario.
Respecto diso, o conselleiro de Educación declarou onte que a Xunta apoia á Universidade Emilia Pardo Bazán, á que o Goberno Autonómico ha dado o seu plácet. Román Rodríguez, iso si, sinala que o Goberno estatal, quen ten a última palabra, non fixo "un informe expreso que dea luz verde á iniciativa".
Cuestionado sobre este punto, Salcines móstrase “moi convencido de que temos a fase técnica superada” e que o proxecto “non teñen ningún problema” cos requisitos que debe valorar a Administración do Estado, quen ten na súa man a decisión final sobre a creación de universidades.
O empresario defende a traxectoria de CESUGA lembrando que “levamos 6.000 licenciados” froito de “30 anos traballando”. “Non somos en absoluto unha institución descoñecida”, insiste tras argumentar que a polémica era esperable porque “sempre que se crea unha universidade privada, hai marusía”.
No referido ao debate impulsado por Moncloa sobre as universidades privadas, Salcines argumenta que el -como calquera cidadán- está no seu dereito de impulsar unha e lograr o seu recoñecemento se cumpre os requisitos que marca a lei. Salcines móstrase molesto cos que “recorren á difamación e ao insulto” e anima aos que non queiran universidades privadas a “que o digan e que vaian a unhas eleccións para cambiar o marco legal; eu son cidadán español e a lexislación española permite crear universidades, non hai máis”.
O economista colaborador da CRTVG quéixase de que “cando hai unha vontade política de fondo, que é clave, aínda que a túa teñas todos os parámetros técnicos correctos, se os políticos non queren que o teu teñas unha universidade, non podes tela”.
Escribe o teu comentario