O PSdeG acusa á Xunta de "incompetencia" ante o atraso nas axudas da PAC
O secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, advirte que a Xunta "só vai poder adiantar en torno ao 26 por cento" destas axudas, a metade da media do Estado "por non facer os deberes"
O secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, denunciou que a "incompetencia na xestión" das axudas da PAC por parte da Xunta vai provocar que 45 millóns de euros en apoios non cheguen a tempo aos gandeiros galegos.
Así o expuxo nunha rolda de prensa conxunta con Patricia Otero, parlamentaria no Congreso por Lugo, e a portavoz de Gandería do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez.
O responsable socialista esixiulle ao Goberno galego que faga chegar a uns 24.500 gandeiros galegos estes fondos que foron transferidos polo Goberno central e lembra que a Xunta pode facer efectivo o adianto de até o 70 por cento dos pagos.
Con todo, advirte que a Xunta "só vai poder adiantar en torno ao 26 por cento" destas axudas, a metade da media do Estado "por non facer os deberes", porque "é imprescindible ter feitos os controis administrativos e de campo antes de pagar".
Mentres, Patricia Otero censura que o Goberno galego constitúe o principal problema dos gandeiros galegos e esixe unha xestión "máis eficiente e equitativa".
Pola súa banda, Lara Méndez anunciou unha ofensiva institucional para que a conselleira do Medio Rural dea conta do "fracaso" da súa xestión en primeira persoa no Parlamento de Galicia.
Escribe o teu comentario