Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove: "O problema coa enerxía non permite a Alcoa competir con outras empresas do sector en Europa"
Demetrio Salgueiro Rapa (Lago-Xove) é o actual alcalde de Xove, municipio no que Alcoa ten unha boa parte da súa superficie industrial. Sobre este tema falamos con el ante as repercusións que poida ter a venda da factoría de alúmina e aluminio ou a súa continuidade baixo Alcoa
-Como alcalde de Xove, cal é a impresión que agora mesmo percibe entre veciños e veciñas sobre os vaivéns de Alcoa en canto á súa posible venda?
O que vexo é moita preocupación. Todo o que se sabe é a través dos medios porque desde a compañía non hai ningunha comunicación oficial, non hai unha postura clara e concisa por parte de Alcoa. Si sabemos que as decisións importantes tómanse na sede de Estados Unidos pero non transcende nada. Hai demasiado escurantismo sobre o proceso de venda e isto tamén fai dubidar sobre unha verdadeira vontade de vender. Todo isto trasládase como preocupante ao Concello como administración e a todos os veciños e veciñas porque, directa ou indirectamente, a maioría das xentes de Xove viven de Alcoa, ben traballando para a empresa directamente ou ben nas empresas auxiliares. Por outra banda, temos o tecido produtivo da hostalaría, o comercio e outras actividades que funcionan grazas á achega dos e as traballadoras da planta fabril. Ademais, nestes momentos estamos expectantes ante posibles anuncios porque o prezo do aluminio está máis alto que uns meses atrás. Por outra banda, o prezo da enerxía segue sendo elevado aínda que descendeu con respecto ao momento en que se anunciase o peche da factoría. De todo isto, as poucas informacións relevantes desde a multinacional foron que os fondos se acababan a mediados deste 2024 e agora acabaranse a finais de ano, segundo unha nota de prensa de Alcoa.
-Desde a súa posición, como lle gustaría actuar a vostede, sendo representante político municipal, fronte a Xunta e Goberno central para que insistan a Alcoa a dar unha resposta?
O elemento crave aquí é o prezo da enerxía, algo que bota para atrás a Alcoa. Nese sentido, varias das PPAs que ten asinadas poderían solucionar parcialmente o problema, con todo, agora temos as denuncias sobre os diferentes parques eólicos que alimentarían á fábrica pois o TSXG os paralizou. Por iso, o que pedimos ás administracións autonómica e estatal, sobre todo a esta última, é que interveña en Europa para axilizar a resposta ás sentenzas do TSXG e así dar paso á creación deses parques eólicos que fornezan enerxía a Alcoa a un prezo estable a longo prazo. O problema coa enerxía é o que non permite a esta fábrica competir en igualdade de condicións con outras empresas europeas produtoras de aluminio.
-Unha das consecuencias da situación actual parece ser o descenso do número de buques bauxiteros entrando no porto industrial de Alcoa. Ten coñecemento de que isto é así?
Pode ser certo porque temos outro problema sobre a mesa, a ampliación da balsa de lodos vermellos. Solicitouse ampliar até a cota 104 e a solicitude actual é até 100. A isto, sumemos que a factoría está ao 50% da súa capacidade de produción precisamente por non haber espazo para verter os lodos vermellos procedentes da actividade industrial da planta. É necesario, por tanto, axilizar a tramitación da autorización medio ambiental que é competencia autonómica cumprindo todos os requirimentos legais e de seguridade, porque preto da balsa hai veciños e veciñas vivindo. Por tanto, deben conxugar os dous puntos, medio ambiente e actividade industrial, para que no menor tempo posible a factoría de alúmina poida volver producir a pleno rendemento e isto á súa vez levaría ao aumento de produción na factoría de aluminio. Digo isto porque sabemos que son dúas fábricas diferentes nunha soa aínda que agora mesmo todo o complexo industrial é de Alcoa ao comprar a parte pertencente a Australian Alumina.
-A compra da parte pertencente a Australian Alumina foi unha sorpresa ou era algo xa esperado por parte das administracións, neste caso o local de Xove?
Alcoa xa posuía o 60% da planta, por tanto as decisións sobre alúmina tomábaas tamén a multinacional norteamericana. Agora co 100%, a toma de decisións é exclusiva de Alcoa e isto inflúe no posible proceso de venda, pois se negociaría directamente cos norteamericanos e en caso de venda, realizaríase a de todo o complexo fabril e industrial. Nese sentido, si creo que é positivo e esperemos que así sexa.
-Se os diferentes municipios da Mariña quixesen unir forzas para buscar alternativas, vostede animaría a que isto fose así?
Iso é necesario tanto si continúa Alcoa coma se non. Aínda así, debemos ter en conta unha serie de factores. Hoxe en día existen poucas empresas que poidan substituír a unha empresa destas características. Se seica sucedese, unha multinacional primeiro faría un estudo sobre a súa proximidade aos mercados que lle interesa e sobre todo, se o lugar está ben comunicado. Hoxe en día isto último é unha das carencias que temos, porque a pesar de contar coa presenza da multinacional, practicamente estamos incomunicados por estrada. Non estamos comunicados pola A-8, a A-74 é imprescindible para toda a comarca e estase bloqueando. Con boas comunicacións e co porto de Alcoa, este lugar sería moi atractivo para todo tipo de empresas. Por iso levamos anos reclamando a A-74, unha autovía competencia do Goberno central, e non se consegue materializar. Esperemos que as promesas da pasada campaña electoral cúmpranse e desbloqueen as diferentes fases desta autovía e esta comarca sexa atractiva para os investimentos.
-Pediu reunir coa administración autonómica ou coa central para facer entender a necesidade da A-74?
Sei que se presentaron varias iniciativas no Congreso dos Deputados, en concreto a relativa á A-74 fíxose de forma reiterada e sabemos que este proxecto goza de todas as simpatías políticas, pero non avanza. Neste caso eu soamente podo pedir a materialización dunha vez desta autovía así como outras infraestruturas en diferentes lugares da comarca.
-Socialmente e no aspecto poboacional, como está a afectar toda esta incerteza ao redor da factoría de aluminio e alúmina?
Xove mantivo unha poboación bastante estable desde hai anos, os traballadores seguen contratados pola empresa, pero todo isto atrasa plans de futuro a moitas persoas. Hai xente que pensaran en construír unha vivenda e ao final non poden, por tanto, están a paralizar outros sectores económicos e freando o crecemento non só de Xove, tamén de toda a comarca. Por iso é necesario que as cousas se aclaren e materializar as infraestruturas que necesitamos.
Escribe o teu comentario