Vehículos de gama alta, un mercado discreto pero vistoso

O negocio dos coches de gama alta ou premium adoita experimentar picos altos de compra durante períodos de crises. Hai quen ve neles un investimento a futuro e sobre todo, estes vehículos son para moita xente unha mostra de status. O caso é que en Galicia se vende vehículo de gama alta aínda que moito se vai fóra da nosa comunidade


|

 

Porsche Cayenne Coupé S Solitude Revival 2019 IMG 1600
Porsche Cayenne Coupé S Solitude Revival 2019 IMG 1600


Ao iniciar estas liñas o primeiro punto que vén á cabeza é a discreción coa que se move o sector do coche premium. Non é algo único de Galicia, polo visto manter certas distancias cara aos medios e as súas preguntas sobre esta variante de vehículos é “política de empresa”. Tanto é así que unha fonte que non quixo revelar o seu nome deixounos claro que “non nos interesa falar de vendas, clientes e demais cuestións, é unha norma da empresa”. Isto poderíase explicar quizá porque quen compra este tipo de vehículos adoitan ser persoas con poder adquisitivo pero que buscan o anonimato. Non adoita suceder así con aqueles que por un golpe de sorte pódense permitir o luxo de comprar un destes vehículos recentemente saídos de fábrica e alardean do mesmo. En tal caso, o mercado do motor premium ou gama alta ten presenza en Galicia, sobre todo no mercado de vehículo de ocasión.


 

QUEN COMPRA ESTES COCHES?

Nas grandes cidades galegas é habitual ver marcas como Porsche, Mercedes, BMW, Lexus aínda que marcas como Bentley, Ferrari ou Lamborghini non adoitan aparecer moito nas vías galegas. De todos os xeitos, o mercado destas marcas na nosa comunidade vese limitado en certo sentido ante a falta de concesionarios oficiais, salvo a marca Porsche que ten un na Coruña. As demais marcas adoitan traballar con representantes que operan nas grandes cidades e, normalmente, dedícanse á venda de vehículo de ocasión.

 

Non hai datos fiables a día de hoxe que nos permitan coñecer o número exacto de vehículos matriculados. O hermetismo do sector é moi forte e só a CEOE ofreceu porcentaxes aproximadas que quizá non sexan moi fiables ante a falta de concesionarios oficiais.


 

BMW Serie 8 Gran Coupé
BMW Serie 8 Gran Coupé

Pero quen compra estes vehículos e por que? As persoas que contestaron as preguntas formuladas, todas elas traballadoras no sector, pediron cambiar os seus nomes. O primeiro caso é David, nome ficticio, que explica: “a persoa que compra estes coches é alguén que busca fiabilidade, son coches con prestacións moi elavoradas”. Outra persoa que nos atende é Tomás, tamén nome cambiado, no seu caso ademais da fiabilidade “está a visión de futuro sobre estes coches que teñen un mellor envellecemento e poden ser vendidos como un activo fronte á obsolescencia programada doutros vehículos”.


 

QUE MARCAS SON As MÁIS VENDIDAS EN GALICIA?

A pesar da falta de datos fiables ao 100%, existen achegas realizadas por algunhas webs do sector que van dando unha pista de cales son as preferencias dentro do mercado galego en canto coches de gama alta. Moitos deles son vehículos de ocasión (segunda man) mentres que os recentemente estreados adoitan ser comprados en Madrid ou Barcelona, mesmo os hai que compran en Portugal.


O feito de que se compre máis de segunda man é un indicativo de que se aposta por un coche fiable, ademais, un vehículo de gama media a estrear adoita estar ao mesmo nivel que un de gama alta de ocasión co que polo mesmo prezo temos prestacións melloradas. 

 

En relación ás marcas máis compradas figura Mercedes-Benz, sobre todo Clase A e Clase B. O primeiro, segundo as fontes consultadas, ten unha liña máis deportiva e maior variedade en canto a motor. A Clase B é un modelo máis “clásico” que ofrece o acabado distintivo de Mercedes.

 

O coche que ultimamente se está levando a palma nas rúas e estradas galegas é o Mini. Trátase dun vehículo que na súa versión Cooper ofrece a vantaxe de facilidade de manexo e moi versátil para aparcar en áreas urbanas. O Countryman é máis espazoso e pensado para familias. Este coche conquistou de forma moi forte o mercado, sobre todo en xente nova que pode permitir un.
 

Outros dous clásicos que non poden faltar son BMW e Audi. O primeiro foi sempre o coche “deportivo” máis usado por quen desexa manexar unha marca de prestixio. Hai anos era habitual ver vehículos desta marca xa de segunda man importados desde Alemaña debido á súa robustez e fiabilidade. Co tempo foron chegando as novas versións que, dentro do mercado de ocasión, está entre as primeiras marcas. O mesmo sucede co Audi, o seu deseño e a liña “impoñente” do mesmo crearon en máis dunha persoa o desexo de posuír un e isto tamén lle outorgou un posto entre os máis vendidos.

 

Por último, Porsche está a gañar presenza e actualmente pódense ver algúns modelos circulando en Galicia. Quizá non sexa tan familiar, pero nos últimos anos esta marca, discretamente, está a introducirse no mercado, posiblemente máis como investimento que como vehículo de diario.


 

O mercado de vehículos de alta gama en Galicia é, en definitiva, moi opaco. Si se poden ver modelos circulando pero buscar quen describa os motivos da compra, o tipo de cliente que compra, datos e números, son puntos que non se mostran facilmente. En todo caso, agora tamén están os eléctricos que empezan a despuntar aínda que timidamente.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE