PSdeG reclama á Xunta pór en marcha o plan de recuperación marisqueira da ría de Arousa
O futuro do sector marisqueiro e dos pobos mariñeiros está en risco pola inacción do goberno de Alfonso Rueda", lamentou Juio Abalde, que anunciou que os socialistas levarán esta semana ao pleno varias iniciativas
O portavoz de pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xullo Abalde, esixiu á Xunta que poña en marcha "de maneira urxente" o plan de recuperación e sustentabilidade do sector marisqueiro na ría de Arousa e que informen o sector e ao Parlamento das medidas previstas.
"Esiximos ao goberno galego que exerza as súas competencias exclusivas en temas de marisqueo e tome en serio este problema que xa vén de lonxe. O futuro do sector marisqueiro e dos pobos mariñeiros está en risco pola inacción do goberno de Alfonso Rueda", lamentou Juio Abalde, que anunciou que os socialistas levarán esta semana ao pleno varias iniciativas.
Abalde, que se reuniu en Rianxo con representantes do sector marisqueiro, pediu un estudo en profundidade sobre as causas da perda de produción na ría de Arousa para iniciar un plan de choque para recuperar a poboación de bivalvos nos bancos marisqueiros.
Neste sentido, alertou da "grave situación" do marisqueo na ría, até o punto de "pór en risco" a viabilidade da actividade, cunha "baixada continuada" nos últimos anos, que perdeu "até un 80% nas poboacións de ameixa ou berberecho".
Reclamoulle á Xunta que "atenda as demandas" dos colectivos dependentes do mar, medidas urxentes para rexenerar a ría e o "compromiso serio e decidido" da Consellería do Mar para ser capaces de "saber o que realmente ocorre".
Desta forma, criticou a "falta de explicacións nítidas" por parte da Consellería para dispor dunha posición de referencia e coñecer as medidas necesarias e "afrontar solucións con garantías", máis aló de repetir "a súa satisfacción co rendemento das rías, un discurso inexplicable á vista dos datos reais".
Escribe o teu comentario