David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo: "Consolidamos a automoción en Galicia durante 20 anos máis"

David Regades (Vigo, 1973) tomou posesión en abril como delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, un cargo que xa ocupou até xuño do ano pasado, momento no que deu o salto ás listas do PSOE ao Congreso. Unha breve estancia en Madrid á que renunciou tras a chamada de Abel Caballero para regresar á Zona Franca, onde di ter un proxecto "ilusionante". Regades, xa de novo en dinámica, atende a Galiciapress para charlar sobre as iniciativas do Consorcio, os grandes retos da Zona Franca ou temas de calado como o Corredor Atlántico ou o futuro de Stellantis en Vigo.


|

David Regades
David Regades

 

Alá vai xa un mes e medio desde o seu retorno á dirección da Zona Franca de Vigo. Como está a ser a volta? Xa totalmente asentado de novo?

Si, completamente asentados. Xa coñecía o equipo humano da Zona Franca, que é un equipo formidable. Agora xa estamos con velocidade de cruceiro traballando por algo que é vital, como é o desenvolvemento económico e con esta vantaxe competitiva que temos en Galicia como é a Zona Franca.

 

Foise hai un ano co reto de chegar ao Congreso, pero o seu paso foi máis ben efémero. Que lle motivou para retornar á Zona Franca?

O papel que desempeñaba en Madrid era importante como coordinador dos deputados galegos, coordinador dunha das comisións máis importantes do Congreso como é a de Agricultura, Pesca e Alimentación, onde estabamos a xogar un papel decisivo para o país. Aos que nos gusta a política o Congreso é un lugar formidable para poder traballar.

 

 

É certo que me chama o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e dime da importancia da Zona Franca nestes momentos, con tantas incertezas económicas e que fai falta dar un impulso definitivo a moitos dos proxectos que xa arrincaramos no mandato anterior. Convenceume e a volta a casa gústanos a todos, porque ao final che permite estar coa túa familia e nun proxecto tan ilusionante como o da Zona Franca de Vigo. 

 

Supoño que unha chamada como esa o que fai é que un senta aínda máis valorado despois desa primeira etapa.

Sen dúbida. É un proxecto máis en clave Galicia e en clave Vigo. O que sentín coa chamada foi un recoñecemento que veu acompañado da chamada do secretario xeral de Galicia na mesma dirección e do secretario de organización de Madrid. En política, como dicía Rubalcaba, nunca se pode pedir nin nunca se pode dicir que non. Nesa liña estamos nun proxecto tremendamente ilusionante e con fitos como o ser copartícipe de que a automoción se finque en Galicia durante 20 anos máis grazas ao Perte e outras iniciativas directas e indirectas que fixemos desde a Zona Franca supón un balance, xa por si só, moi positivo. Si a isto unimos outros proxectos como o dos semiconductores, nunha fase moi avanzada, ou de apoio ao sector naval, que son claves para a nosa economía. 

 

 

Tamén en clave política, os resultados do PSdeG non foron todo o bos que cabía esperar. Agora os socialistas galegos viven un novo proceso de reconstrución con Besteiro á fronte. Como está a vivir este novo comezo?

Creo que o PSdeG non conseguiu uns bos resultados entón. Agradézolle a Besteiro o seu compromiso co partido nun momento complicado, pero estamos a facer un proxecto moi ilusionante. O que quedou tamén definido nas últimas eleccións é que ou temos un partido forte en Galicia, cos socialistas como alternativa ao Goberno da Xunta, ou non hai alternativa posible. Traballaremos nos próximos anos e estou convencido que máis pronto que tarde haberá un cambio de goberno en Galicia, que é tan necesario. Creo na alternancia política e a alternancia en Galicia é máis que necesaria. 
 

 

Se facemos balance dos 20 anos de gobernos do PPdeG e preguntamos a alguén pola rúa ninguén nos sabería dicir nin un só fito histórico. Non hai nin un só: nin medioambiental, nin industrial, nin no sector sanitario…non ocorreu nada nestes anos de goberno popular. Non é así noutros sitios, onde si cambiaron moitas outras cousas nas cidades gobernadas por socialistas. En Vigo, por exemplo, vimos unha transformación brutal, pasando dunha cidade escura a unha cun gran empuxe económico, tamén turístico, ou na Coruña, cunha moi boa xestión de Inés Rey.

 

Xa dixo na toma de posesión que parte de culpa nesa decisión tena Abel Caballero. Como é a súa relación co alcalde? Camiñan na mesma dirección ou hai momentos de debate entre os dous? 

Temos unha sintonía total. Eu se me identifico cun proxecto é co do PSOE de Vigo que lidera Abel Caballero, sen dúbida. 

 

 

PROXECTOS DA ZONA FRANCA

No anterior mandato unha das apostas foi a expansión da Zona Franca. Canto máis pode crecer? Hai proxectos nesa orde?

É importante seguir crecendo porque nestes momentos en todos os espazos que son 100% da Zona Franca non hai nin un só metro cadrado dispoñible de solo industrial. Temos demanda e dalgunha maneira as administracións temos que garantir que calquera empresa que se queira instalar no noso territorio teña unha resposta a esa solicitude. De aí a necesidade, pero para crecer en Vigo temos unha capacidade reducida para crecer máis por motivos lóxicos. Aquí podemos crecer coa ampliación do PTL, onde estamos a traballar, na ampliación do Polígono de Balaídos, ou na zona da Pasaxe para Vigo e Gondomar, onde tamén estamos a traballar. 


Pero non é suficiente, no seu conxunto non suma máis dun millón de metros cadrados e ese millón de metros cadrados xa é só o Polígono no que se atopa Stellantis. Hai que seguir buscando alternativas, por iso o mandato pasado desatascar o PLISAN, o polígono de Salvaterra-As Neves e queremos seguir dándolle un impulso, pero estamos a ver certas claves como o crecemento noutros territorios. O solo industrial sempre hai que planificalo a curto, a medio e a longo prazo, porque as tramitacións administracións medioambientais son moi amplas no tempo, polo que hai que ir traballando de face ao futuro e estamos a traballar na construción do Polígono de Cuntis, noutro na Cañiza e abertos a calquera proposta de calquera concello galego para poder actuar da man, de forma conxunta coa comunidade autónoma, co goberno municipal independentemente da súa cor política e con esta institución que é a Zona Franca de Vigo. 
 

O sector das novas tecnoloxías e as enerxías parecen estar a ser unha das grandes apostas da Zona Franca e mesmo da cidade de Vigo. Debe ser esta unha das principais liñas de traballo nos próximos anos, que se acheguen máis empresas destes sectores?

Si, sen ningunha dúbida. No ámbito urbano estamos a desenvolver un centro de negocio vinculado ás empresas tecnolóxicas, ao TIC. Pretendemos ser un gran polo de atracción e imos xerar 12.000 metros cadrados, nestes momentos temos contratado un estudo de arquitectura para facer o proxecto e o plan de negocio, que tería que estar terminado leste mesmo mes. A partir de aí nuns catro meses estará finalizado o proxecto construtivo, pediremos permisos ao Concello de Vigo e no primeiro semestre de 2025. Será un fito moi importante de atracción para a economía de Galicia e de grandes proxectos.
 

 

Pola contra, o momento de polarización política que se vive en España pode ir á contra de todos estes proxectos. Estas eleccións europeas poden ser un exemplo desta división. Como pode afectar isto ao traballo dun organismo como o da Zona Franca? Pode ser unha ameaza para que as empresas decidan investir o asentar en Galicia?

Eu non vexo ameazas. O que temos que facer desde a política é traballar pensando no ben global. As persoas que temos representación nas administracións e con cargos de responsabilidade o que temos é que construír un proxecto global. Pero hai cousas que non entendo, como o feito de que partidos de Estado, como son o Partido Popular ou o Partido Socialista, en ámbitos como o económico non vaiamos da man. E digo máis: pola nosa banda sempre está tendida e que debe recoller o Partido Popular. Isto é cíclico. Maioritariamente en España nestes anos de democracia gobernou o Partido Socialista, pero en 15 anos gobernou o PP e esa alternancia é real. O que temos que pensar non é aquilo de “canto peor, mellor”, senón que canto mellor, mellor para todos. Eu é a liña na que traballo e na que temos que ir. 

 

A xente na súa maioría é inimiga do conflito. Creo que facer conflitos irreais na sociedade ao final ten moi pouco percorrido. España é un país de centro, diría que de centro esquerda, o que significa que as estridencias e os debates artificiais non conducen a nada. Temos que unirnos todos en algo que é clave e deberiamos celebrar feitos como bater marcas de altas na Seguridade Social, as cifras de desempregados máis baixas da última década e algo que para min é fundamental, e cada vez menciónoo máis na Zona Franca: o noso maior activos son os e os traballadores. Para iso temos que dotalos das condicións económicas e sociais amigables. Estamos a concluír como desenvolver vivenda alcanzable para todos estes traballadores que queremos atraer a este territorio e que, para que poidan asentar, teñen que facelo con prezos alcanzables. Todas as enquisas que se realizan neste país unha das maiores preocupacións é a vivenda. E si queremos ter e reter aos traballadores contentos neste territorio temos que propor non só boas condicións laborais, senón tamén condicións sociais e a vivenda é a primeira preocupación social de calquera cidadán. 

 

David regades
David Regades

 

CORREDOR ATLÁNTICO E STELLANTIS

Outro aspecto a mellorar, e do que seguro que están moi atentas as empresas, talvez sexa a das infraestruturas e transporte de mercadorías. O Corredor Atlántico debería ser unha prioridade para o Goberno de España. Que lle transmiten neste sentido?

Fomos nós os que metemos o Corredor como unha das prioridades europeas. Aí teño que agradecer o traballo do eurodiputado Nicolás González que exerceu de voz e nestes momentos o que temos que seguir impulsando este corredor que é vital para o transporte de mercadorías. Ao tempo hai que fomentar máis o transporte de mercadorías por tren. Temos moito traballo que facer as administracións e a parte privada. 

 

Antes mencionou o peso da automoción en toda a economía galega, xa non só en Vigo. En Vigo é o gran motor industrial cunha fábrica como a de Stellantis pero tamén con toda a industria auxiliar existente. A empresa vén de celebrar uns beneficios de marca e a de Balaídos é unha das plantas de mellor rendemento do grupo, pero a firma insiste en que sen máis investimentos públicos non está garantida a viabilidade da factoría. Como acolle estas declaracións e os últimos cambios na dirección de Stellantis Vigo?

Recíboas como optimismo. Agradezo ao anterior director que xuntos fósemos capaces de consolidar o sector da automoción en Galicia durante polo menos 20 anos máis. Coa entrada do Perte e todas as melloras e modificacións que se fixeron na relación de Stellantis coa Zona Franca, claves para que a plataforma ‘STLA Small’ poida estar a deseñar en Galicia, igual que a liña de moi alta tensión que estamos a deseñar xuntos e que se vai a financiar desde a Zona Franca. 

 

 

Ao novo director fágolle o mesmo ofrecemento, a colaboración máxima e total. É unha persoa coñecida, un veciño de Vigo que sempre tivo a súa residencia aquí, co cal será máis sinxelo aínda asumir os retos de futuro que ten esta planta. Sempre priorizamos os nosos proxectos para que sexan innovadores, tecnolóxicos, pero para nós é clave a parte social, como é a consolidación e aumento dos postos de traballo. En calquera acción que realicemos en colaboración con Stellantis terá unha parte económica, de sustentabilidade e unha parte social, como son os traballadores que para nós resultan claves e vitais, como non podía ser doutra forma. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE