Un galego, Miguel Santos, gana un dos premios máis importantes das telecomunicacións en Europa
Santos, licenciado na a Universidade de Vigo e máster pola da Coruña, leva máis de cinco anos á fronte da rede de MásMovil, matriz de R Cable, que disparou o seu tráfico nos últimos anos.
Lograr que a matriz de R xestionase 30 veces máis de tráfico que en 2017 é un dos logros do director de Tecnoloxía (CTO) do grupo MásMóvil, Miguel Santos, quen foi galardoado co premio 'CTO of the Year' (CTO do ano) na categoría de 'Gamechanger' (o que cambia as regras) nos prestixiosos 'CTO Awards of the Year' da publicación internacional 'Mobile Europe' .

O CTO of the Year Awards destaca na súa categoría Gamechanger aos directores de tecnoloxía que se destacan polo seu enfoque innovador no desenvolvemento de infraestruturas e operacións eficientes. Ademais, valoran a implementación de modelos de negocio que fan uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial, a análise de datos, a automatización e as plataformas abertas, entre outros elementos.
Santos uniuse a MásMóvil en 2016 como director de Rede e en 2018 ascendeu a xefe de Tecnoloxía, cargo que ocupa na actualidade. A súa incorporación coincidiu co período de crecemento significativo da compañía, converténdoa nun dos operadores de maior crecemento no mercado. Hai que lembrar que MásMóvil adquiriu Euskaltel, propietaria á súa vez da marca galega R e da asturiana Telecable.
O grupo creceu e agora conta con máis de 3,3 millóns de liñas de banda ancha e máis de 12,4 millóns de liñas móbiles. Loxicamente, o crecemento supón un desafío tecnolóxico para adaptar sistemas de xestión de redes. A compañía indica que o seu tráfico de datos actual multiplica por 30 o que tiña hai seis anos.
RIVAIS DESTACADOS
MásMóvil explica nun comunicado que Santos recibiu este recoñecemento grazas á súa capacidade para transformar a organización. Na categoría de 'Gamechanger Award', Santos superou a outros nomeados de compañías como Virgin Media Ireland, SIRO e TIM, segundo informou MásMóvil nun comunicado.
Escribe o teu comentario