O Deportivo da Coruña apura o mercado de fichaxes coas patacas quentes de Karrikaburu e Riki
O dianteiro da Real Sociedade e o centrocampista do Albacete copan os titulares nestas últimas horas de mercado.
O teléfono de Fernando Soriano bota fume e nas oficinas da Praza de Pontevedra afánanse en comprobar cada 5 minutos que o fax ten boa conexión e tinta suficiente para imprimir os contratos que esperan asinar este último día de mercado. Esta xanela de fichaxes non está pecha para o Deportivo da Coruña, que apura as súas opcións para traer, polo menos, dous reforzos que levan tempo na axenda do club branquiazul e que viven situacións ben distintas.
UN VÉN SEGURO, PERO, CANDO?
Trátase de Jon Kaikaburru e de Riki, dianteiro da Real Sociedade e centrocampista do Albacete, respectivamente, dous nomes propios do xaneiro deportivista, pois foron relacionados co club herculino en varias ocasións pero, até agora, non se puido concretar o seu desembarco na Coruña neste mercado, aínda que algún ten xa pé e medio na cidade.
É o caso de Riki, xa que o mediocentro ten xa un acordo co club coruñés para chegar a Riazor, como tarde, en xullo. O Dépor ten apalabrado as súas fichaxes cando termine a súa vinculación co Albacete, pero na dirección deportiva dos galegos traballan arreo para tentar lanzar unha oferta o suficientemente sedutora como para que a Alba se desprenda do seu cerebro.
Un xesto de Riki sería determinante para concretar a súa saída este mes, pero a realidade é que nin o xogador está polo labor de terminar a malas co club que lle deu a oportunidade de crecer en Segunda División, nin 'O Queixo Mecánico' ten présa por soltar a unha xogador clave nos esquemas do cadro manchego, que ten por diante un febreiro ilusionante tras a machada que supuxo eliminar ao Real Madrid en Copa do Rei e co partido ante o Barça mañá no Carlos Belmonte, coa ilusión de completar outra xesta e plantar en semifinais.
O de Jon Karrikaburu é un caso radicalmente oposto. Non ten sitio en San Sebastián e a Real Sociedade busca acomodo para o dianteiro, que ten un gran cartel en Segunda. Non xoga desde o pasado 16 de xaneiro, cando disputou 25 minutos en Copa contra o Eldense. Iso foi baixo o mando interino de Ansótegi, pero desde a chegada de Matarazzo non contou para o novo preparador dos donostiarras.
Karrikaburu chegaría cedido -a Real plántase nun traspaso, pero o paso das horas e a falta de ofertas xoga a favor do Dépor- sendo unha garantía en Segunda, despois de demostrar o ano pasado en Santander que pode ser un futbolista diferencial na categoría. A competencia é alta, pero na Coruña non renuncian a traelo ao seu barco para este tramo final de tempada. Con todo, se o plan A falla, Soriano manexa alternativas que van da B até a Z, para tratar de completar o ataque de Antonio Hidalgo.
Escribe o teu comentario