Sorteo Copa do Rei: o Athletic visitará Ourense, pantasmas no Dépor - Mallorca e "cómodo" Albacete - Celta
Os choques, do 16 ao 18 de decembro, celebraranse no Couto, Riazor e o Carlos Belmonte.
Este luns tivo lugar o sorteo da seguinte rolda da Copa do Rei, fase na que, xa si que si, entran os equipos que disputarán a Supercopa de España. Barça, Real Madrid, Atlético de Madrid e Athletic de Bilbao esperaban rivais entre os máis "débiles", que xa a estas alturas da Copa demostraron que non serán tan fáciles de eliminar. O premio gordo tocoulle ao Ourense CF, equipo que vén de deixar na cuneta a dúas Primeira como Real Oviedo e Xirona, e que agora recibirán no Couto aos leóns.
BILBAO, MALLORCA E ALBACETE
Os aurienses son a sensación do torneo do K.O., dando unha lección de fútbol tanto aos carbayones como ao conxunto gironí, que saíu corneado da súa visita á cidade termal cun inesperado 2-1 que elevou á cincenta á categoría de matagigantes.
Agora espera o Athletic, equipo copeiro por antonomasia. Os branquivermellos son o segundo club con máis títulos con 24. O último, conquistado hai só dúas tempadas, puxo fin a catro décadas de espera na ría de Bilbao, onde volveron sacar a gabarra. O Ourense espera deixar amarrado o barco unha tempada máis e seguir dando a sorpresa en Copa.
Xa sen Pontevedra ou Racing de Ferrol, eliminados a semana pasada, os outros representantes galegos son o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo. O Dépor revivirá pantasmas cun vello coñecido, o Real Club Deportivo Mallorca. Os baleares foron o comezo do fin dun Deportivo que, tras varios anos no buraco, empeza a asomar a cabeza.
Na mente de todos está aquela noite de San Juan de 2019 onde os branquiazuis, cun resultado favorable de 2-0, perderon o seu tren a ascender a Primeira División caendo derrotados en Son Moix por 3-0. Foi o primeiro tropezo nunha caída que levou aos herculinos a peregrinar pola división de bronce, a coquetear coa desaparición e a fracasar en varios asaltos a Segunda. Tras lograr o ascenso na 23/24 e asentar o ano pasado en Segunda, este ano marchan con bo ritmo na división de prata, pelexando por volver á elite. Entre medias, en Copa do Rei espera o Mallorca de Jagoba Arrasate, club en horas baixas pero que adoita ser un óso en Copa.
O Celta, pola súa banda, viviu o sorteo con tranquilidade. O Albacete Balompé será o rival dos celestes, que terán de visitar o Carlos Belmonte. 'O queixo mecánico' tratará de sorprender a un Celta que viviu unha auténtica montaña rusa de emocións en cuestión de días: de quedar practicamente eliminado ante o modesto Sant Andreu, superando aos cataláns desde os once metros, a dar un recital no Santiago Bernabéu e levar os tres puntos ante o Real Madrid.
Os de Giráldez chegan lanzados a este cruzamento de dezaseisavos, que se disputarán os días 16, 17 e 18 de decembro, a partido único. O Albacete tomou osíxeno este luns cunha vitoria crave en Burgos para pór terra polo medio co descenso, aínda que a ameaza segue moi presente para os manchegos, só catro puntos por encima da zona vermella.
Entre outras noticias, o sorteo de Copa deixou enfrontamentos entre o Guadalaxara e o FC Barcelona, vixente campión, o CF Talavera medirase ao Real Madrid e o Atlético Baleares recibirá ao Atlético de Madrid. Murcia - Betis, Alavés - Sevilla ou Sporting de Xixón - Valencia, algúns dos choques destacados desta rolda.
Escribe o teu comentario