Os 3.059 días do Celta lonxe de Europa: do fallo de Guidetti en Old Trafford á viaxe a Stuttgart
O Celta de Vigo regresa este xoves a Europa contra o conxunto alemán, coa oportunidade perdida en Mánchester aínda moi viva no recordo.
Haberá aínda afeccionados celtiñas que se esperten empapados en suor e todos coa mesma imaxe prístina nas retinas: un balón colgado, un barullo de en área, un pase atrás de Beauvue e John Guidetti incapaz de enviar o balón ao fondo da rede coa portaría buxán. 3.058 días, e nin un menos, sepárannos desa noite en Old Trafford onde o Celta de Vigo foi mellor a todo un Manchester United e perdeu a oportunidade de xogar unha gran final europea. Aos celestes non llos viu máis por Europa, até mañá, cando se cumprirán os 3.059 días de penitencia e o balón bote a rodar en Stuttgart, onde regresa o EuroCelta e o contador ponse de novo a cero.
UN ANO PARA O RECORDO
Xa nos queda moi lonxe aquela Europa League da tempada 2016/17, un ano no que o Celta do 'Toto' Berizzo clasificouse ao torneo continental tras acabar en sexta posición o ano anterior, o mellor rexistro desde que a principios dos 2000 o Celta fose un habitual de Europa, probando incluso os meles da Champions.
Naquela tempada, os olívicos callaron unha sensacional tempada chegando até semifinais, deixando na cuneta a Standard Lieja e Panathinaikos nunha fase de grupos onde quedaron só por detrás do Ajax (ao cabo finalista contra o United) e superar a Shaktar Donetsk, Krasnodar e Genk.
Só Iago Aspas e Iván Villar quedan como sobreviventes daquel persoal que viviu esa noite aciaga en Mánchester. Algúns como Sergio Álvarez, Fontás, Orellana ou o 'Tucu' Hernández xa están retirados, mentres outros como Wass ou 'Chelo' Díaz apuran os seus últimos días de fútbol.
FÚTBOL ATÉ XANEIRO
Agora, o Celta de Vigo asegúrase xogar en Europa, polo menos até xaneiro, nun formato novo para os vigueses, obrigados a quedar entre os 24 mellores se queren sobrevivir e entre o oito punteiros para evitar os dezaseisavos e pasar directamente a oitavos de final.
A primeira pedra no camiño é o Stuttgart, campión da Copa de Alemaña e un dos rivais máis temibles para un Celta que xa llas viu cos franjirrojos en pretemporada. A pólvora do bosníaco Demirovic, a maxia de Bilal O Khannouss, a clarividencia de Stiller ou a fortaleza da dupla que forman Jeltsch e Chabot son as grandes ameazas dos xermanos.
O seguinte reto, e o debut do EuroCelta en Balaídos, será a semana que vén, o 2 de outubro, ante o PAOK. Visita do Niza o 23 de outubro, viaxe a Zagreb o 6 de novembro e visita á cidade húngara de Razgrad o 27 de novembro para medir ao Ludogorets son os compromisos que quedan aos celestes en Europa antes de pechar o ano contra o Bolonia, en casa, o 11 de decembro.
Xa para xaneiro queda recibir ao Lille en Vigo o 22 de xaneiro e visitar o pequeno Maracaná de Belgrado para coñecer o inferno na terra ante a Estrela Vermella o día 29 do primeiro mes do ano. Esas son as datas en vermello no calendario do Celta, ao que só queda unha folla que quitar para o seu retorno a Europa. Máis de 3.000 días esperando. Fíxose longo pero xa está aquí.
Escribe o teu comentario