O Deportivo da Coruña segue confiando en Quirónsalud para a súa atención médica
O Hospital Quirónsalud A Coruña e o Real Club Deportivo renovaron o convenio polo que o centro hospitalario continuará prestando os servizos médicos aos xogadores do club esta tempada.
Así, este centro realizará os recoñecementos médicos de pretemporada aos xogadores e ofrecerá asistencia sanitaria médica por enfermidade común e lesións deportivas, tanto aos xogadores do primeiro e segundo equipo, de categoría masculina e feminina, como do equipo xuvenil.
O xerente territorial de Quirónsalud en Galicia, Carlos Paz, manifestou “estar moi contento de volver ser hospital de referencia do club coruñés e pór á súa disposición uns servizos asistenciais da máis alta calidade, cos mellores equipos humanos e a última tecnoloxía médica dun centro de referencia en toda Galicia. Así, este ano Quirónsalud acompañará ao Real Club Deportivo nos seus logros deportivos que esperamos @que sexan moitos e permítanlle volver situarse na elite do futbol nacional.”
Álvaro García, presidente do club, afirmou que para o Real Club Deportivo é unha gran satisfacción poder contar un ano máis coa profesionalidade de Quirónsalud para pór a saúde dos xogadores e xogadoras do Club nas mellores mans, ademais de prolongar unha relación histórica tan importante tanto coa cidade, a través do seu hospital de referencia na Coruña, como co Club, cun centro de saúde situado, desde hai anos, no propio Estadio ABANCA-RIAZOR.
O Hospital Quirónsalud A Coruña convértese así no centro médico de referencia para os xogadores do club, ofrecendo unha completa infraestrutura técnica e humana. Ten no seu persoal un equipo médico de primeiro nivel que lle permite atender máis de 30 especialidades médicas e cirúrxicas, no que destaca o Servizo de Traumatología e Cirurxía Ortopédica, formada por sete especialistas.
Así mesmo, este centro hospitalario conta con 100 camas de hospitalización distribuídas en tres plantas e pon a disposición de todos os xogadores unha completa dotación hospitalaria formada por un servizo de Urxencias 24 horas, seis quirófanos, un departamento de Diagnóstico pola Imaxe e unha das salas de Hemodinámica e Cardiología intervencionista, así como a última tecnoloxía en cirurxía robótica.
Escribe o teu comentario