Que galegos caben na lista de Luis de la Fuente? Brais, Veiga, Bajcetic e Borja Iglesias teñen moitas opcións
O seleccionador nacional traballa na confección da súa primeira lista, que se dará a coñecer nas próximas semanas antes dos partidos de finais de marzo contra Noruega e Escocia.
O seleccionador nacional traballa na confección da súa primeira lista, que se dará a coñecer nas próximas semanas antes dos partidos de finais de marzo contra Noruega e Escocia.
Gabri Veiga, Brais Méndez, Borja Iglesias ou Stefan Bajčetić son os que teñen máis papeletas, pero outros nomes, como Hugo Bueno, Álvaro Fernández ou Nico González, serán seguidos con atención de face ao futuro.
A primeira lista de Luís de la Fuente como seleccionador nacional está ao caer, pero sen que transcendan os nomes o novo técnico de 'A Vermella' xa está na fala da xente. A polémica publicación de Sergio Ramos anunciando a súa retirada da selección provocou que os nomes que bailan hoxe no caderno do seleccionador nacional sexan tema de conversación e sexan xa moitas as distintas opcións que se barallan para integrar esa primeira chamada do rioxano. Nestes momentos, a comunidade galega ofrece non poucas alternativas ao preparador, que busca equilibrar o equipo con sangue novo e experiencia.
O regreso de Ramos podería ser un problema, non só porque significaría reabrir un capítulo ao que Luís Enrique xa dera carpetazo, senón porque chamar a un futbolista que en marzo cumprirá 37 anos cortaría a progresión de centrais novos como Eric García, que sen dispor de moitos minutos no Barça foi até agora un fixo nas convocatorias de España. Ademais, movementos como a nacionalización de Le Normand, como xa se fixo con Laporte no seu día, pechan a porta á vella garda.
Hai que pensar que de la Fuente está a preparar un bloque para a Eurocopa de 2024, polo que ten que xogar coa variable dos futbolistas que para entón estarán aínda na elite. Por iso, xogadores experimentados como Iago Aspas ou Joselu, que para o Euro terán 36 e 34 anos respectivamente, poderían caer das opcións do seleccionador por unha cuestión de idade. Lucas Vázquez, gran esquecido nos últimos anos e cun papel secundario no Madrid, tampouco se antolla como un nome con moitas opcións.
PRESENTE
É aquí onde emerxen outros nomes, como Borja Iglesias ou Brais Méndez, futbolistas que tiveron moitas opcións de formar parte da expedición ao Mundial de Qatar pero que caeron da convocatoria nos minutos finais porque o preparador asturiano non terminou de confiar nas súas prestacións. Pola tempada que están a facer -aínda que parecen ir de máis a menos-, os dous terían sitio no once de España, e cos seus 30 e 26 anos estarían na plenitude das súas carreiras no momento da Eurocopa.
Pero é no capítulo das promesas onde máis hai que prestar atención. A moitos lle virá o nome de Gabri Veiga á cabeza, xa que o do Porriño está a callar unha sensacional tempada no Celta de Vigo, despándose como un todocampista con gol e capacidade para liderar.
O mesmo ocorre con Stefan Bajčetić, que polo seu nome poderiamos non consideralo galego pero no seu DNI e no seu acento descóbrense as raíces olívicas. O vigués convenceu a Klopp como temoneiro do Liverpool e é a gran promesa dos reds. Este 2023 gañouse a titularidade e España podería convocalo canto antes para evitar que esta promesa do futbol nacional acabe tomando o camiño do seu pai de representar a Serbia se se lle presenta a oportunidade.
OPCIÓNS DE FUTURO
Hugo Bueno, xa un fixo nos plans do Wolverhampton de Lopetegui, ou Álvaro Fernández, diamante do Manchester United que a está rompendo na Championship co Presto North End, son dúas boas opcións para a zaga de aquí a uns anos. Se suman máis experiencia en Inglaterra, ás súas 19 anos teñen todas as opcións para dar a sorpresa a curto-medio prazo. Angeliño, outro lateral emigrado pero en Alemaña, podería estar tamén baixo este radar, aínda que no seu caso, ao caer dos plans de futuro do Leipzig, ten moi difícil dar ese salto antes do Euro.
Por outra banda, hai xogadores sobre os que pesa un gran interrogante, xa que por condicións poderían entrar perfectamente nos esquemas da selección, pero cuxo rendemento está en cuestión. Podemos considerar neste apartado a Jonny Otto ou Denis Suárez, futbolistas cuxa calidade está probada e fóra de toda dúbida, pero cuxo rendemento nos últimos anos, xa sexa por lesións ou por aspectos fóra do plano deportivo, non terminou de ser o esperado. Se recuperan confianza e suman minutos de calidade nos seus equipos, poderían ser nomes a ter moi en conta.
Xa máis outsiders atopamos os nomes de Santi Comesaña, Guille Bo, Nico González ou Hugo Novoa Ramos, futbolistas novos, con moita marxe de mellora, pero que teñen aínda que demostrar moito máis antes de ser tidos en conta polo adiestrador nacional, que ten en Galicia todo un sementeiro de face ás próximas grandes citas de España.
Escribe o teu comentario