O PPdeG sitúa o deporte como "eixo fundamental" dos seus programas electorais nos 313 concellos galegos
Segundo destacou o PP nun comunicado, nesta reunión "ratificaron o seu compromiso para facilitar a práctica deportiva nas mellores condicións".
O PPdeG asegurou que o deporte será un "eixo fundamental" nos seus programas electorais dos próximos comicios municipais, que terán lugar en maio de 2023.
A secretaria xeral dos populares de Galicia, Paula Prado, formou parte da constitución da Comisión de Deporte, que estivo presidida polo coordinador desta área, Daniel Benavides. Tamén participou nela José Ramón Lete Lasa, exxogador de baloncesto, ademais dunha vintena de membros en representación das diferentes modalidades deportivas.
Segundo destacou o PP nun comunicado, nesta reunión "ratificaron o seu compromiso para facilitar a práctica deportiva nas mellores condicións". "Esta é unha prioridade que debe estar presente nas políticas da nosa formación en cada un dos concellos galegos, que son os que aspiramos a gobernas", reivindicou a secreataria xeral do PPdeG.
Tamén puxo en valor o labor da Xunta neste ámbito e indicou que os próximos orzamentos autónomicos para o ano 2023 incluirán unha partida de 18 millóns de euros para "impulsar a construción de novas instalacións deportivas e seguir promovendo hábitos de vida saudable entre a cidadanía, sobre todo entre os máis novos".
Ademais, o Partido Popular engadiu que a administración autonómica ha investido 4,3 millóns de euros para protexer cun seguro a actividade escolar e federada dos mozos que participan no programa Xogos Galegos Deportivos (Xogade), que están cubertos cunha póliza ata o ano 2024.
Nesta mesma liña, destacouse tamén a posta en marcha da Oficina de atención ao deportista galego de alto nivel, unha iniciativa da Xunta de Galicia para prestar servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas tanto en activo como depués da súa carreira.
Escribe o teu comentario