Volve The Rapants con ‘Rapants Club’, o seu esperado novo disco con concerto no Multiusos Fontes do Sar
A banda muradá proxecta un gran concerto na capital galega para o próximo 28 de marzo con entradas á venda esta mesma semana.
Aínda non se foron e xa volveron. Aínda ao volante de ‘A máquina do bo rolo’, que despezarán moi pronto, os integrantes de The Rapants anuncian, por fin, o seu novo traballo: ‘Rapants Club’. Os rapantes entran en 2026 cun disco debaixo do brazo e cun gran concerto para a súa estrea no Multiusos Fontes do Sar, un gran recinto para unha gran estrea.
GRAN ESTREA
O concerto na capital galega será o pistoletazo de saída á presentación do novo álbum dos trajeados, que co seu último disco colgaron o cartel de non hai billetes na Sala Capitol en dúas noites consecutivas, un fito na historia da mítica sala de concertos. Como deixaron pequena a Capitol, agora tentarán facer o propio no Fontes do Sar o próximo 28 de marzo.
Para conseguir un pase para a estrea haberá que estar moi rápido, pois as entradas se porán á venda o vindeiro venres 16 de xaneiro, ás 12 horas, a través das canles de venda oficiais.
Este novo traballo supón un punto e seguido na carreira da banda, que se penetra en “unha sonoridad moi especial” con este novo disco onde “se atreven a experimentar” con diferentes estilos musicais e letras máis escuras, algo singular no cuarteto máis bailongo e disco da xeografía galega.
Esta festa para dar a benvida á primavera non será só un evento para presentar os temas novos, senón que tamén supón unha oportunidade para cantar os himnos do grupo de Muros, cos xa denominados ‘Rapants Fan Juligans’ en primeira liña de lume.
FIN A LMDBR
Antes, os rapantes prenderán lume ao seu último disco, gañador do Premio MIN a Mellor Álbum en Galego 2024, nin máis nin menos que en Bruxelas, no marco do Festival Emigrasons, que tan bos recordos trae a The Rapants e onde non faltará o tema ‘Rue Franklin’, que naceu nas rúas belgas.
Zaragoza e Bilbao, os días 6 e 7 de febreiro nos festivais Inverfest e Negufest, serán as actuacións previas ao enterro viquingo que terá lugar na capital de Bélxica, o próximo 28 de febreiro. Para 2026, no entanto, xa anunciaron outras datas para velos en directo, coa súa presenza confirmada no Festival PortAmérica.
Escribe o teu comentario