As pioneiras do xornalismo galego saen do esquecemento cun novo proxecto documental
Un volume de máis de 200 páxinas e unha plataforma web rescatan a memoria e o legado das mulleres que abriron camiño no xornalismo en Galicia. O proxecto, impulsado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e premiado pola Deputación da Coruña, preséntase este venres en Santiago de Compostela.
Este venres 4 de xullo, ás 10:30 horas, a sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolle a presentación do proxecto "As mulleres non xornalismo galego: A crónica revelada", unha iniciativa que visibiliza o papel das mulleres na historia do xornalismo galego. A obra foi recoñecida na sexta edición dos Premios Luísa Villalta, organizados pola Deputación da Coruña, e foi elaborada por un equipo de xornalistas vinculadas ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
A presentación contará coa participación de Eliana Martíns, coordinadora do proxecto e tesoureira do CPXG; Belén Regueira, decana do Colexio; e Soidade Agra, responsable da área de Igualdade da Deputación, entidade impulsora dos galardóns. O acto terá lugar na biblioteca do Consello, situada no segundo piso do Pazo de Raxoi.
O proxecto busca recuperar a memoria de mulleres que, durante décadas, contribuíron ao desenvolvemento da prensa galega, moitas veces desde posicións invisibilizadas. A través de investigación biográfica e entrevistas con referentes actuais do xornalismo, constrúese un relato coral que conecta pasado e presente.
Unha viaxe do pasado ao presente
O volume ofrece unha panorámica histórica desde os inicios do xornalismo en Galicia até a actualidade, pondo o foco nas mulleres que, a pesar das dificultades, marcaron un fito no sector. O obxectivo é reivindicar as súas traxectorias e achegar referentes para as xeracións futuras.
Entre as profesionais entrevistadas atópanse nomes crave como Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rei ou Ana Romaní. Os seus testemuños achegan unha mirada diversa e comprometida coa profesión, reforzando a idea de que o papel das mulleres no xornalismo foi esencial, aínda que a miúdo esquecido.
Ademais da publicación impresa, o proxecto conta cunha plataforma dixital onde se recompilan materiais complementarios. Fotografías de Lucía Junquera e textos elaborados por xornalistas como Carmen Quintela, Natalia Puga, Belén Regueira ou Sonia Vizoso enriquecen este traballo colectivo.
Un traballo coral con vocación pedagóxica
"As mulleres non xornalismo galego: A crónica revelada" nace cunha clara vocación divulgativa e educativa. A iniciativa, impulsada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, quere servir como ferramenta para docentes, estudantes e profesionais do ámbito informativo e cultural que desexen coñecer mellor o papel da muller nos medios.
Este recoñecemento enmárcase nos Premios Luísa Villalta, que cada ano distinguen proxectos que fomentan a igualdade e a sensibilización do papel das mulleres en distintos ámbitos.
Escribe o teu comentario