Fillas de Cassandra, as cantareiras modernas: "Pomos en valor ás informantas e, sobre todo, a súa memoria"

Con agarimo, con coidado, coa dedicación que merece cada un dos seus temas, María SOA e Sara Faro veñen de estrear 'Hibernarse', o último traballo de Fillas de Cassandra. Este EP supón unha nova etapa nesta formación que viviu un ascenso meteórico en dous anos de traxectoria, onde se converteron nun dos nomes propios da escena galega. Estas cantareiras modernas pasarán o Día das Letras Galegas en Madrid, onde levarán o galego e a memoria das cantareiras. Antes, María atende a Galiciapress para debullar este último traballo, o máis multidisciplinar de todos, antes de abrir un tempo de descanso logo de dous anos sen parar de actuar e compor. 


|

Fillas de Cassandra 3 u00a9 Arancha Brandu00f3n
María SOA e Sara Faro | Fillas de Cassandra

 

Debutaron en 2023, pero custa lembrar como era a escena galega antes de que a puxesen patas para arriba as Fillas de Cassandra. A María SOA, unha das dúas patas desta formación xunto a Sara Faro, aínda lle custa procesar todo o vivido neste tempo. Foron máis de dous anos de xira constante, días cheos de concertos e horas de estrada que dan para pensar en todo. Toda esa experiencia que ofrece o reloxo levounas até ‘Hibernarse’, unha nova etapa en Fillas de Cassandra despois de debutar con ‘Acrópole’ e darlle unha volta de porca ao show con ‘Últimas Dionisíacas’

 

Neste novo ciclo, en forma de EP e de moitas outras cousas que integran esta fase na que avanzan no seu son propio, a intención era “buscar as medidas para un novo traxe”, como un proceso co que “experimentar coas nosas voces, coa produción da música e ver como recompoñernos”. 

 

“UN RECLAMO Á PAUSA”

Nun traballo onde o tempo é o elemento central, resulta un misterio descubrir de onde sacan o tempo as Fillas de Cassandra para compor, para ensaiar, para actuar, para seguir formar… “Nestes dous anos construíuse ‘Hibernarse’. Saíron catro como un pequeno EP saído dun pequeno camerino perdido en Marrocos, na furgoneta de xira ou espazos en soidade entre concerto e concerto”, admite María, consciente de que nun mundo que xira a alta velocidade resulta complicado atopar a dedicación necesaria para sacar adiante proxectos tan coidados como este último.

 

 

 

Pretende ser un reclamo á pausa, ao tempo e ao espazo que necesitamos para facer as cousas con tranquilidade, coa calma que fai falla en todos os procesos artesanais, e facer música tamén o é dalgunha forma, aínda que non sexa tanxible”, reflexiona, sen agchar que é tamén a base dun proxecto maior que madurará e tomará forma nos próximos meses.

 

Con este traballo tamén se fai máis grande o universo de Fillas de Cassandra, que transcende máis aló da música e permea a cuestións máis estéticas, como o vestiario ou mesmo xoias feitas a man. Estes elementos estiveron sempre presentes na súa traxectoria, pois a produción e a escenografía é outro dos puntos que coidaron desde a súa irrupción, pero agora tratan de levalo a un novo nivel. 

 

Fillas de Cassandra   Hibernarse © Arancha Brandón
Fillas de Cassandra - Hibernarse

 

Foi esa necesidade de “ter o foco aberto” a que lles permitiu facer deste traballo algo máis alá do puramente musical. “Con ese reclamo aos procesos artesanais pensamos en tentar facer algo tanxible. Xusto apareceu ‘Toda Frágil’ coa que fixemos as pezas de cristal, formas de levar ao téxtil este ‘Hibernarse’ e o fanzine, que era unha forma de achegar a nosa intimidade dos procesos que quedaron no camiño e todo o que queriamos contar e que non caben nas nosas cancións”, indica. 

 

DE VIGO A RABAT

O que resulta evidente para os fans é ese proceso de evolución que transcorreu entre o seu álbum debut, co que o dúo vigués irrompeu con forza na escena galega cun aggiornamento da música tradicional do país, até esta nova etapa, pasando polo anterior espectáculo co que perseguían dar un xiro ao seu estilo incluíndo un son máis electrónico. 

 

É distinto construír desde a experiencia de dicir que é o que queres tocar que non fixeras aínda. Iso levounos a moitos sitios e no EP hai temas que nos levan de volta ás nosas raíces, a construír dun lugar máis orgánico, pero tamén cancións que convidan ao baile, a gritar aos catro ventos, algo que sentimos moi noso”, considera. 

 

Esa capacidade para seguir buscando fórmulas novas sorprende máis se cabe considerando que desde a primavera de 2023 non tiveron un só momento de respiro. Ademais de percorrer Galicia polos catro costados, María e Sara levaron a súa música máis aló de Pedrafita, a salas e festivais de España, pero tamén presentan selos nos seus pasaportes por actuacións en Bélxica ou Marrocos

 

 

Botando a vista atrás, María di non poder quedar cun momento concreto de todo vivir, pero si destaca a experiencia de “vivir co público todo o proceso, como nos acompañaban concerto a concerto”, co exemplo do seu último concerto en Madrid, na Sala But, onde colgaron o cartel de non hai billetes. “Foi impactante chegar alí e, ao preguntar cantos eran de Galicia, descubrir que moitos xa estiveran no noso concerto do ano pasado e trouxéronse a amigos de fóra que se sabían as cancións enteiras e trataban de falar en galego. Aí ves a que lugares pode chegar a música sen sabelo”, rememora.

 

AS CANTAREIRAS MODERNAS DE APPLE MUSIC

Precisamente esa capacidade para chegar aos recunchos máis insospeitados entra agora nunha nova dimensión despois de que Apple Music confirmase a Fillas de Cassandra dentro do seu programa Up Next, unha iniciativa da que formaron parte artistas da talla de Billie EilishJhay Cortez, Guitarricadelafuente, Bad Bunny, Judeline ou Alcalá Norte. Este impulso pode levar ás olívicas a unha nova órbita até agora insospeitada, pois aínda non terminaron de aterrar do todo “a magnitude” deste paso na súa carreira do que din sentir “moi fiucegas de estar nesta lista”.

 

 

“O traballo feito vese reflectido na apertura de espazos como este que che animan a seguir, porque o cansazo existe e os recoñecementos deste tipo son incribles”, valora María SOA, que atopa tamén alento en oportunidades como a de tocar con Caamaño&Ameixeiras, coas que crearon ‘Arderse’, un dos temas máis encomiados do EP.

 

“Cando empezamos a compor o tema foi coma se escoitásemolas. Non podiamos rematalo sen elas e tiñamos a esperanza de que lles apetecese participar. Cando nos dixeron que si puidemos compartir con elas o estudo, o proceso de compor e conversas profundas do que supón o paso do tempo para cada persoa, porque a cada un tócalle en lugares moi íntimos”, destacan as Fillas, que dinse “afortunadas” de poder vivir esa experiencia cun grupo “ao que admiramos”.  

 

A admiración é reciproca por parte de Sabela e Antía, que sen sabelo no seu momento xogaron un papel fundamental na traxectoria de Fillas de Cassandra. Xusto cando as viguesas despegaban e espertaban expectación, abriuse ante elas a posibilidade de participar no proceso de selección para acudir a Eurovisión, unha decisión que as obrigou a meditar cal era o camiño que debían tomar. Foi nun directo de Caamaño&Ameixeiras onde coincidiron en que o camiño escollido, talvez menos meteórico e mediático, pero si máis pausado e fermoso, era o axeitado para as súas carreiras.       

                                                        

Fillas de Cassandra 2 u00a9 Arancha Brandu00f3n (1)
Fillas de Cassandra

 

Lémbroo e ponseme a pel de pita”, confesa María, que lembra que “foi en Manresa, nun teatro. Despois dese concerto quedei fascinada. Era aí onde quería estar: nesa preocupación polas cancións, porque fose orgánico… Pero nunca pensamos en facer unha colaboración con elas, non coincidira. É bonito lembralo deste xeito”. 

 

Sara e María, María e Sara son, con outros grupos, por exemplo Tanxugueiras (coas que tamén colaboraron nestes dous anos), as cantareiras modernas, unha figura que este 17 de maio ten o seu día grande ao ser elas as homenaxeadas polo Día das Letras Galegas. Fillas de Cassandra forma parte desa tradición que recolleron as súas nais e as súas avoas antes que elas, pasando de boca a boca as historias que agora protagonizan as súas cancións. 

 

 

Resulta cómico que, xusto hoxe, teñamos que estar en Madrid”, di María entre risas, pois na axenda teñen marcado unha actuación xunto a Tremenda Jauría e La Raíz. “É incrible poder estar alí e con ese altofalante poder dicir no Día das Letras e levar a nosa lingua até eses espazos”, asegura.

 

É importante neste día pór en valor a todas estas informantas e, sobre todo, a súa memoria, que dalgunha forma está presente en ‘Hibernarse’, como en ‘Quebrantarse’ con Comandante Moreno e Severina Murias que cantaba durante sete minutos sen esquecer de nada. Esa memoria é máis importante neste mundo de consumo rápido e individualista”, medita.

 

DESCANSO MERECIDO

O de Madrid é un dos poucos compromisos que quedan anotados no calendario de Fillas de Cassandra, que aínda deixan algún anuncio na neveira, polo que convidan a estar moi atentos ás súas redes sociais. No entanto, non será o tour sen descanso dos dous anos anteriores, gañar un tempo para descansar.

 

“Algo sairá, algunha colaboración… Pero en canto a concertos temos que parar. Non será un tempo sen facer nada, haberá moito traballo, pero dese que se fai fóra de cámara”, garante. Si foron capaces de levantar ‘Hibernarse’ sen tempo para facelo, de que serán capaces as Fillas de Cassandra sen someter á tiranía do reloxo de area? Só o tempo o pode dicir, e teñen dabondo. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE