Catuxa Salom convida a 'Cāldo', o seu primeiro disco: "Na música galega está a suceder algo moi vangardista"

Catalina Salom Nunia (Vilagarcía de Arousa, 1989) é a cara visible de Catuxa Salom, un proxecto musical que xa conta cunha nutrida lexión de seguidores que esperan con impaciencia a publicación do seu primeiro disco, 'Cāldo', que verá a luz o vindeiro xoves 21 de novembro. Cunha cunca na man, Galiciapress proba un pouco desa mestura que cociñou a artista "a lume lento" con ritmos típicos da música galega e a súa herdanza arxentina xunto a un directo que estreará en 2025 e que, como adianta nesta entrevista, estará cheo de sorpresas e novidades. 


|

Catuxa Salom   Cu0101ldo 2 Horizontal
Catuxa Salom | Fotos: Aigi Boga

 

Falta apenas unha semana para que ‘Cāldo’, un disco polo que algúns levan esperando moito tempo, saia ao mercado. Que se van a atopar os que veñan cunha cunquiña a por un pouco?

Vanse a atopar un caldo con moitas misturas e moitas sorpresas a nivel sonoro e conceptual. Quero contar moitas cousas de todo o que vivo no rural.

 

Teño entendido que a pandemia foi determinante para a tua carreira. Podemos datar o confinamento como o xerme de ‘Cāldo’ ou cando comeza este proceso de creación e composición?

O proxecto de Catuxa Salom si, nace de vivir en Madrid e decidir volver a Galicia, a unha aldea na Pontenova. Alí nace o primeiro EP, ‘Nunha Aldea’, pero despois de transitar, de vivir o rural e darme conta da realidade nace este ‘Cāldo’, o meu primeiro álbum. 

 

O verán pasado puidemos verte en moitos festivais como o Ouren Sound Fest, o Atlantic Pride, o Nachiños Fest, o Revenidas ou os concertos da Festa do Alvariño. Ter ese percorrido, sen ter ainda un disco na rúa, é, se cabe, aínda máis complicado.

Contar con eses cinco temas do EP permitía á xente saber por onde vou, aínda que sempre levaban sorpresa no directo porque moitos temas son inéditos e non están gravados. Pero foi unha sorte saír así e que a xente poida escoitarme.

 

Algún recordo especial do verán ou algún festival favorito?

Non podo elixir un! En xeral en Galicia creo que hai unha rede incrible de festivais e eventos onde os artistas que apostamos pola música en galego e a música de raíz son moi ben coidados. 


UN DIRECTO DE VANGARDA

Neses directos percibimos tamén a influencia de xente como Javier Marimón, Ana Surma, Lucía Cortiñas e Judith Almeid. Canto peso teñen no que é hoxe Catuxa Salom?

Ao final simboliza o concepto do propio disco. Sempre entendín o caldo como un elemento de unión: sempre estarás convidado á miña casa a tomar caldo e a coidarnos a partir de aí. De aí nace o disco. Se cadra eu son a cara, Catuxa, pero ao meu redor teño unha rede de persoas que sempre me apoiou, cando eu xa o tiña na cabeza outros o viron sen cobrarme nada, dándome moito apoio. Esa xente segue comigo e para min é moi simbólico, culminando con ese concepto.


E convidarás a caldo a máis xente no escenario para a xira do disco?  

No directo imos ser Lucía Cortiñas, Judith Almeid e eu. Pero gardamos moitas sorpresas, este será un proxecto moito máis sólido, vai ser unha proposta escénica moi potente, con moita performance, con moita interpretación que pola miña formación no mundo do teatro quería engadir ás actuacións. 

 

 

Precisamente esa parte performática é algo que vemos como unha tendencia en moitos directos de Galicia. Tes esa impresión de que estamos a levar os directos a un nivel que fai desta experiencia algo máis elaborado, algo máis ca suma dunha guitarra e a voz? 

Creo que en Galicia está a suceder algo moi vangardista e contemporáneo. É precisamente iso, algo máis que unha guitarra e unha voz, trátase dunha cuestión de escena. Ti estás nun escenario e tes que defender iso, e que mellor maneira que facelo co corpo como canle para expresarmonos. Mover unha perna dun xeito e gesticular dunha forma concreta pode transmitir moito. A persoa que consome o directo pode alucinar só e considerar que o directo foi incrible, máis que un só de saxo. 


Todos os artistas galegos cos que tiven a oportunidade de falar destacan a boa relación que existe dentro da escena galega e falan dela como unha comunidade moi unida, practicamente unha irmandade. Coincides nesa tese?

Ao 100%. Cando vexo aos meus compañeiros e compañeiras no escenario sinto moitísimo orgullo. Non é unha sensación sobre a que se poida pensar: “Eles levan todo o traballo”. Non, hai xente que abre portas ás que podemos chamar todos. Entre todos estamos a tecer unha cousa moi bonita. 
 

VOLTA ÁS RAÍCES

O que resulta indubidable é o bo momento que vive a música en galego. Sodes moitas as artistas que apostades por esta música e por incorporar ritmos da música tradicional e fusionalos. A que cres que responde esta tendencia? Por que se dan agora todos eses condicionantes para que exista este nicho de público?

Sempre estivo aquí, creo. Volvo ao caldo: é algo que se cociñou a lume lento, moi lento, moi lento, amodo, con ingredientes moi especiais… De súpeto a xente próbao e está boísimo! É algo que sempre tivemos, pero agora escóitase máis e resulta moi fermoso. 
 

No teu caso é case máis relevante por ter unha presenza máis internacional por todas esas influencias herdadas da música arxentina que tanto caracteriza a un son tan propio como o teu. Ocorre o mesmo na Arxentina, con artistas volvendo ás raíces? O que se exporta parece que vai máis na liña do trap e de ritmos urbanos…

Fíxate que hai moito. Hai artistas internacionais moi urbanos, como Duki, que no seu último disco incorpora bombos legüeros, que é un instrumento tradicional do folclore arxentino. Atopamos maneiras de cantar que se cadra se perciben como típicas arxentinas pero que están súper influenciadas polo folclore arxentino. Outros artistas que fan cousas máis de nicho como no meu caso, como Yami Safdie, que é unha moza que recupera moitos ritmos arxentinos e os trae a hoxe en día. Si se fai, pero existe un gran embude polo que nos chega só un 5% do que se está facendo. Ocorre tamén en Exipto, en México cos narcocorridos. Fáltame explorar un pouco Asia. Non sei que está a pasar, pero seguro que algo así.

 

Portada Caldo   Catuxa Salom
Catuxa Salom | Fotos: Aigi Boga

 

Podemos pensar entón en todo isto como unha tendencia global por regresar ás orixes. 

É normal. É un ciclo bastante lóxico vista a globalización, onde todo está máis mesturado grazas a internet. Hai unha sensación de buscar as raíces, preguntar quen es ti. De súpeto atopas na música, nesta forma de expresión, as raíces, nunhas cunchas, nun bombo legüero un son que dite o que es. É lóxico, é algo social e totalmente comprensible.
 

Nas túas letras lanzas mensaxes contra a eucaliptización ou a destrución dos ecosistemas. Imaxino que con esa sensibilidade segues con atención a actualidade dun tema como é o proxecto de Altri en Palas de Rei, algo que sei que tes moi preto. Que che suxiren todas estas polémicas con estas industrias e o seu efecto no rural?

O que rescato de bo é a unión de todo o pobo e como se situaron clarisimamente en contra, sobre todo aqueles que vivimos no rural. Entendo que se non vives aquí pódeche dar un pouco igual, pero cando ves os prados, as vacas, os hortos, a xente, pensas: isto vaise a acabar aquí? Non pode ser. Penso en positivo coa unión do pobo, que entronca moito co disco e esa rede de coidados, e confío en que non vai saír adiante. Estou moi posicionada con isto, totalmente en contra e confío en que non vai saír adiante.

 

 

Entendes a música tamén como parte dese combate?

Supoño que si. Eu estudei socioloxía. Hai unha mirada en min, unha mirada social, que está bastante sesgada e non podo evitar pensar, á hora de compoñer, con ter coidado con todo aquilo que se di, pois ao final ten un impacto social. Hai que pensar moito que impacto social queres ter ti coas túas mensaxes. 
 

Agora, á espera do novo disco, imaxino que pronto coñeceremos tamén as datas para poder verche en directo. Canto máis teremos que esperar?

Para o novo directo haberá que esperar a 2025. Confío que en xaneiro ou febreiro xa poidamos presentar o novo directo. Con moitas ganas, a verdade. Agora temos os últimos ensaios fortes do directo, cos últimos remates para porlle o lazo e a tapa ao caldo para compartilo con todo o mundo.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE