Abanca é o banco que máis queixas recibe dos seus clientes por non prestar atención en galego, detalla A Liña do Galego

O informe da Mesa pola Normalización Lingüística sobre os expedientes abertos en 2023 na canle 'A Liña do Galego' detalla que as administracións públicas volven ser as que centran máis queixas, pero o sector privado tampouco zafa de dar un mal servizo á cidadanía que reclama ser atendida en galego. 


|

WhatsApp Image 2024 04 05 at 1.17.23 PM (1)
Soidade Agra e Marcos Maceira | Foto: Galiciapress

 

Un ano máis, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da canle 'A Liña do Galego' pola que a plataforma recibe e tramita as consultas, queixas, denuncias e agradecementos da poboación en materia lingüística. Un informe que, lonxe de debuxar un panorama máis saudable, volve ofrecer unha radiografía preocupante ao tramitar 1.129 expedientes, marca desde 2015. 

 

Aumentan as consultas, até as 550, mentres que as queixas baixan un pouco, até as 450 -469 o pasado 2022-, do mesmo xeito que as felicitacións, que baixan sensiblemente en comparación con anos como 2019 ou 2020, nos que se superon as cen mensaxes neste sentido. Nas queixas, son as "discriminacións e exclusións lingüísticas" as protagonistas, así como a toponimia deturpada, os dous capítulos que reúnen un maior número de reclamacións dos usuarios. 

 

Volven ser as administracións e institucións públicas as que están no ollo do furacán un informe máis, con máis da metade das queixas dirixidas a estas entidades, seguidas polas empresas de servizos e as entidades bancarias, cunha especial mención neste capítulo a Abanca, o principal banco galego e o que máis queixas recibe pola falta de atención oral e escrita en galego aos seus clientes. O Banco Santander cólgase a prata neste sentido. 

 

A administración autonómica é a que xera máis problemas aos cidadáns, cun 41% das queixas, sendo as consellerías de Sanidade e Educación as máis problemáticas. Marcos Maceira, presidente da Mesa, considera que isto proba os "pasos atrás" do Goberno da Xunta. "Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e ampara o galego é precisamente quen máis a incumpre e vulnera", reprende. 

 

En calquera caso, cabe indicar que os traballos da organización lograron incluír cambios na administración galega, especialmente en apartados como as webs e os seus servizos online, que seguen rexistrando moitos fallos e denuncias, pero tamén en guías como o do manexo de autolsions na adolescencia, que Sanidade editou só en castelán e que unha denuncia da 'Liña' logrou que se publicase tamén en galego. A nivel estatal, son os ministerios de Interior e Transportes os máis criticados

 

UNHA "SOCIEDADE CIVIL ORGANIZADA"

Pola súa banda, Soidade Agra, da Deputación da Coruña, única institución que apoia e promociona 'A Liña do Galego', lamentou que aínda existan "prexuízos" en torno ao uso da lingua e animou aos máis novos a utilizar a lingua propia do país.

 

Unnamed (4)
Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística

 

A deputada trasladou o agradecemento á Mesa pola invitación "nunha iniciativa na que colaboramos desde hai anos" e sobre a que este ano realizaron un maior investimento "para axudar a que siga funcionando 'A Liña do Galego'". Con todo, Agra considerou significativo que "teña que ser a sociedade civil a que se organice para defender os dereitos lingüísticos", unha responsabilidade que debería corresponder ás administracións públicas. Nese sentido, celebrou os movementos sociais e educativos con campañas como 'Aquí tamén se fala!' ou 'Falemos + galego' que tratan de chegar aos máis novos. 

 

"É triste que tras 41 anos de normalización lingüística sigan existindo estes inconvenientes sociais que impiden a moitas persoas que queren facer o día a día en galego que no poidan levalo a cabo", detallou, facendo fincapé en "o cansazo" e "desgaste" que sofren moitos cidadáns ante esta clase de episodios. Con todo, si percibe unha maior concienciación entre os usuarios e espolea para que todos os damnificados "moléstense e denuncien para que sexan atendidos no seu idioma". 

 

VAGA DE DETURPACIÓNS?

No relativo á nova vaga de topónimos deturpados, con casos flagrantes como Ginzo en lugar de Xinzo, Sangenjo en lugar de Sanxenxo ou A Toja no canto da Toxa, Galiciapress cuestionou á plataforma pola análise interna que fixeron para tratar de explicar esta tendencia e si podería estar relacionada con campañas de organizacións contrarias ao uso da lingua, como 'Hablamos Español' encabezada pola viguesa Gloria Lago, que esponsorizan campañas nas que se deturpa a toponimia.

 

 

O presidente da entidade indicou que "especialmente fóra de Galicia" existen movementos que son contrarios ao uso dos nomes oficiais dalgúns municipios ou territorios. "Este pasado verán vimos accións contra a toponimia e a resposta foron miles de firmas en apoio á toponimia galega", lembra Maceira.

 

O que si admiten é "un determinado tipo de extremismo, moi españolista, que insiste en deturpar a toponimia e todo o que ten que ver con aquilo que nos identifique como pobo". "A toponimia é unha pegada que deixa o pobo galego na propia xeografía do país, parte da nosa memoria e da pegada da nosa lingua e a cultura. Pero hai un interese en eliminar isto e no contexto social e político de hoxe ten incidencia fóra do noso territorio", reflexiona Maceira.

 

 

Por outra banda, explica un caso singular como o de Wikipedia, onde "se deturpa sistematicamente todos os topónimos" e mesmo "se bloque a calquera cidadán que queira corrixilo". "Parece que hai un veto por parte de Wikipedia", considera. A tenor disto, entende que esta clase de situacións responden a "poderes económicos e políticos moi fortes detrás" que se enfrontan "á capacidade de resistencia do pobo galego, que consegue que se estas vagas retrocedan é porque a maioría do pobo galego quere que se respecte a toponimia".  

  

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE