O Gozo Festival desdóbrase cunha cita para a música electrónica: Timmy Trumpet, Armin van Buuren, Marshmello...
O festival compostelán, despois de só unha edición, multiplica a súa oferta cunha segunda data, dedicada só á música electrónica.
2023 quedou como o ano debut de O Gozo Fest, un festival de música que buscaba reunir no Monte do Gozo todo o máis selecto do panorama musical tanto nacional como internacional. O resultado foi un cartel con Robbie Williams, Homes G, Iván Ferreiro ou Martin Garrix. A experiencia foi positiva e para este 2024 non só subiron a aposta cos anuncios de Ed Sheeram ou Bomba Estéreo o próximo 6 de xullo, senón que dobraron a súa aposta no apartado da música electrónica cunha segunda data cos mellores artistas da rama.
Así, o Monte do Gozo será capital da electrónica o 13 de xullo, cun cartel infestado de grandes nomes na primeira confirmación do evento. Armin Van Buuren, Claptone, Fedde Le Grand, Hardwell, Korolova, Marshmello, Timmy Trumpet, Groove Amigos, Brian Cros, b2b ou DJ Nano serán algúns dos integrantes deste evento que desde Live Nation presentan como unha motivación para "bailar, gozar, e celebrar a vida xuntos".
As entradas sairán á venda o vindeiro mércores 29 de decembro ás 10 horas nas webs de Live Nation, O Gozo Festival ou O Corte Inglés, co límite de seis entradas por compra. Con todo, a organización concede a oportunidade de formar parte dunha preventa o próximo 27 de decembro, tamén ás 10 horas, cun máximo de compra de dúas entradas. Ao día seguinte, á mesma hora, haberá outra quenda de preventa, cun máximo de seis entradas por compra.
Escribe o teu comentario