Ricardo Cao: "A UDC é unha universidade enraizada na cultura e na lingua galegas, pero aberta a todo o mundo"
Galiciapress entrevista ao candidato á reitoría da Universidade da Coruña, Ricardo Cao
O Catedrático de Matemáticas na área de Estatística Ricardo Cao, preséntase ás eleccións ao reitorado da Universidade da Coruña, que terán lugar o próximo 4 de decembro. Cao é un referente no ámbito da investigación do grupo 'Nova Luce', que ademais conta con experiencia nas áreas da administración universitaria e que acaba de gañar o Premio Nacional de Estatística e pretende facer da UDC "a mellor universidade posible", apelando á participación de toda a comunidade e un maior financiamento.
Ata hai uns días non coñecíamos se habería rival para a candidatura de Ricardo Cao á reitoría da UDC. A candidatura rival vaise presentar o luns. Coñecemos algo sobre o seu programa e que retos lle presenta isto a vostede?
En canto ao programa eu non teño ningunha información. E en canto ao que isto nos supón, digo o mesmo que estiven dicindo dende hai meses cando se anunciaba de xeito indirecto que aparecería unha candidatura, e é que me gusta confrontar ideas. Isto é algo moi natural dentro do ámbito universitario. Entón, que haxa confrontación de ideas e diferentes opinións e que como consecuencia diso a xente vexa tamén as distintas propostas que hai paréceme moi san e moi interesante. Nós estamos encantados de poder confrontar ideas con outras posibles candidaturas que poidan existir.
Comenta vostede que existe unha falta de relevo xeracional na docencia e na investigación universitaria. Como cre que se pode solucionar este problema que non é exclusivo da UDC, senón xeralizado en case todas as universidades?
Efectivamente, este é un aspecto que está afectando a toda a comunidade universitaria de todas as universidades españolas. O Ministro de Universidades, que estivo hai uns meses na UDC, daba un dato bastante preocupante: máis do 50% do profesorado funcionario e das universidades públicas españolas xubilarase nos vindeiros 8 anos. Na UDC esta porcentaxe é lixeiramente máis baixo que noutras universidades, pero aínda así o problema segue aí.
E fundamentalmente o que temos que facer é planealo, non podemos quedar expectantes, porque podería suceder que haxa áreas de coñecemento e departamentos concretos nos que nuns poucos anos perdamos unha grande cantidade de persoal. Isto pode ser preocupante, porque formar e construír docentes e investigadores é un proceso traballoso.
Temos que analizar a distribución de idades nas áreas de coñecemento e departamentos e planificar as xubilacións a curto e medio prazo. Non podemos esperar a que aconteza. Non nos fiemos de que agora ao mellor non hai un problema, porque igual dentro de 3 ou 4 anos nalgunhas áreas concretas hai un grave déficit.
Hai que priorizar o relevo con prazas que permitan facer unha carreira docente estable, pero tamén ten moito que ver co financiamento. O plan de financiamento, especialmente da Xunta de Galicia, debe mellorar para sufragar os gastos estruturais e permitir esta planificación e renovación.
Retomando o tema do relevo xeracional e considerando a marcada diferenza de idade entre o persoal docente e investigador e o alumnado, cre que existe tamén unha falta de interese por parte dos máis novos, o alumnado, en determinados asuntos como neste caso as eleccións ao reitor?
No caso das eleccións á reitoría precisamente a UDC é tradicionalmente das universidades que ten unha maior porcentaxe de participación do estudantado de todo o Estado español.
Con todo, o máis preocupante dende o meu punto de vista é a participación en xeral noutras eleccións. Por exemplo, nas eleccións do claustro, que se celebraron hai uns meses, con 300 postos, e algúns deles foron porque non houbo candidaturas suficientes.
Isto é un signo de que a participación diminuíu con respecto ao que é habitual nos últimos anos. As últimas eleccións a reitoría foron hai 4 anos, xusto un pouco antes da pandemia...
Consideras que a pandemia é un dos motivos deste desinterese?
Sen dúbida é un. Pero non é o único. Nós precisamente o que cremos é que unha das partes importantes do noso programa é incrementar a participación.
Nestes últimos cinco meses, aproximadamente dende que 'Nova Luce' decidiu que eu sería a persoa candidata nas eleccións á reitoría, unha das cousas nas que estivemos traballando moi a fondo é ter un proceso de escoita longo, con toda a comunidade universitaria, fundamentalmente nos meses de xuño e xullo, unha escoita máis que individual, con reunións con persoas concretas, con reitores anteriores, cos candidatos a reitor anteriores...
Este traballo é clave para que a comunidade se involucre dende o principio, participando nas suxestións e na toma de decisións, e para revitalizar o diálogo e o acordo nos órganos de goberno, especialmente no claustro. A participación activa non só na toma de decisións senón tamén na súa execución é fundamental para fomentar a responsabilidade compartida e o compromiso coas decisións tomadas.
Que diferencia a unha universidade pequena, como é a Universidade da Coruña, doutras máis grandes a nivel galego ou incluso a nivel español, e como podería vostede e o seu equipo potenciar estas diferenzas?
Eu penso que non temos que enfocarnos en que nos diferencien doutras universidades. Obviamente, hai cousas que nos diferencian, pero para min non é o obxectivo. O obxectivo é facer que a Universidade da Coruña sexa a mellor universidade posible.
Temos as nosas circunstancias, as nosas titulacións... Unha grande variedade de titulacións cun grandísimo mercado laboral. Somos tamén unha das unversidades cunha taxa de empregabilidade máis alta dentro do Estado español. Pero realmente non é unha prioridade diferenciarnos doutra universidade. O que queremos é dar un servizo público o mellor posible, que os nosos estudantes estean ben na universidade, que sexan atractivas para eles as titulacións que impartimos...
Iso si, temos titulacións que nos diferencian, como Xestión da Moda, que en Galicia é o único sitio onde a temos, ou Ciencia e Enxeñaría de Datos, que actualmente existe na Facultade de Informática e foi unha titulación pola que apostou a Universidade da Coruña e que está tendo tamén un magnífico rendemento e moi alta demanda dentro das empresas e do sector produtivo.
Porén o caso non é diferenciarse, pero digamos que si que de xeito natural estamos diferenciándonos. E para min esas son cousas máis interesantes que o tamaño, porque non é que o obxectivo sexa seguramente ter unha universidade con 100.000 estudantes, como foi no seu momento a Complutense... Non é o noso obxectivo ese tampouco.
Falaba vostede agora de aspectos como, por exemplo, a alta taxa de empregabilidade que ten a Universidade da Coruña nos seus graos. Aínda que o seu obxectivo non é diferenciar, estes aspectos diferentes pode ser interesante potencialos.
Pois se estamos falando dun aspecto positivo, como é neste caso, temos que tratar de que o sigamos tendo. Temos que tratar de que as titulacións sigan tendo esa taxa de empregabilidade.
Remítome entón á petición que eu facía antes: temos que ter un financiamento que realmente sexa dabondo para cubrir esa parte. Temos que seguir mantendo as cousas que se están facendo ben e os títulos que están tendo tan boa demanda e non perder comba. Non perder o que xa estamos facendo ben.
Outro dos eixos do seu programa é a internacionalización da universidade. Está a UDC preparada para coller máis alumnado estranxeiro?
Si, creo que si e tamén creo que temos que mellorar. Sobre todo se temos éxito e conseguimos ese afán que temos de acadar un maior número de estudantes estranxeiros, teremos que mellorar tamén todos os procesos de acollida. Por exemplo, un tema complicado son sempre os estranxeiros non comunitarios, con todos os aspectos relacionados cos visados, os atrancos de estranxería ou dos seus países de orixe. Estes son atrancos que desbordan por completo á Universidade. Pero este é un problema transversal a todas as universidades, pero temos que melloralo igualmente para facer o proceso o máis sinxelo posible para as persoas interesadas.
De todos os xeitos, temos moitos graos e mestrados nos que estamos tendo moitos estudantes internacionais. Informática para Ciencias da Saúde é un claro exemplo, con catro ou cinco estudantes estranxeiros anualmente, sendo un número moi alto tendo en conta que os mestrados adoitan ter poucas prazas, arredor dunhas 25.
Ás veces ao mellor chegan porque atopan unha formación específica que no seu país de orixe non teñen. Entendo que si, que son títulos atractivos tamén para eles. Moitas veces son estudantes de países de fala hispana, onde o idioma non é unha barreira. Pode ser tamén que a universidade que lle ofreza a súa titulación non seu país sexa privada. Aquí de novo o carácter público da Universidade é algo moi importante.
Na súa candidatura hai unha presenza moi forte de mulleres. De feito está integrada polo doble de mulleres que de homes. Como se pode fomentar a presenza feminina, xa que a teñen tan presente no seu propio equipo?
Pois a presenza feminina na universidade xa é forte. Onde si habería que acompañar os cambios é para que as carreiras docentes e investigadoras das mulleres cheguen tamén ata os mesmos niveis das dos homes.
Hai ámbitos onde xa é moi claro e hai máis mulleres que home, pero se cadra no último eslabón da cadea hai unha pequena desproporción con respecto á entrada. Tamén é certo que estas cousas van mudando co tempo e temos que ter unha actitude proactiva no caso de favorecer aspectos como a conciliación e a igualdade de oportunidades. Esas son cousas que están no noso programa de xeito claro e témolas que facer sendo proactivos e adoptando medidas que favorezan tamén esa igualdade.
Apostamos tamén por ter unha Vicerreitoría con competencias exclusivas en Igualdade e Diversidade, que son ademais dous aspectos que a Lei Orgánica do Sistema Universitario establece como prioritarios.
Sobre o feito de que no equipo teñamos sete mulleres e catro homes eu estou contento de que sexa así. Non é que sexa algo que tivese que ocorrer, pero é positivo. Ademais, o máis importante é que son unhas magníficas investigadoras e docentes e estou seguro de que serían unhas magníficas vicerreitoras e secretarias xerais, se somos nós os elixidos.
A UDC, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca axudas para a investigación en lingua galega. O fomento da nosa lingua tamén entra no seu programa. Que ten que facer a UDC para avanzar en materia de normalización lingüística?
Efectivamente, temos un Servizo de Normalización Lingüística e unha das cousas que levaremos a cabo no noso programa é incentivar as súas accións de divulgación científica, que na nosa universidade son especialmente senlleiras.
Algúns dos nosos divulgadores tiveron tanto éxito que agora mesmo están excedendo o nivel da Universidade porque coa súa labor de divulgación xa non lles dá tempo para dedicarse ás súas funcións habituais de docencia.
A divulgación parécenos que é un ámbito no que o uso do galego está especialmente axeitado. Facer chegar a ciencia, os coñecementos científicos e as investigacións ás persoas que nos rodean e á inmensa maioría da comunidade galega é axeitado facelo na súa lingua propia.
Neste momento hai programas de divulgación na Universidade da Coruña nos que eu participo en centros educativos de toda Galicia. Os profesores utilizan a lingua que eles consideren e o que tratamos nós é de fomentar que utilicen o galego nos programas de divulgación científica, porque estamos divulgando ciencia, non falando con colegas científicos onde ao mellor a lingua máis habitual xa non é nin sequera o castelán, senón directamente o inglés porque son colegas internacionais que están noutras universidades ou son termos técnicos que moitas veces os tes tamén en inglés.
Citando palabras textuais súas desta entrevista e da presentación da súa candidatura o pasado luns, vostede pretende conseguir que a UDC se convirta "na mellor universidade posible". Como é esa universidade?
Pois é unha universidade participativa, unha universidade onde poñamos ás persoas por diante. Unha universidade na que ninguén quede atrás, na que non haxa atrancos que sucedan por falta de axuda, que ninguén quede sen poder ter acceso ao ensino público e de calidade por falta de medios.
Iso non só depende de nós, tamén das políticas de Bolsas das administracións públicas. Alá onde non chegue iso, na Universidade temos que implicarnos. Unha universidade enraizada na cultura e na lingua galegas, pero aberta a todo o mundo. Inclusiva, integradora, solidaria... Coidando das personas. Que as persoas que conformamos a comunidade universitaria esteamos a gusto de estar nela e compartamos as nosas vivencias e o noso traballo.
No Persoal Docente e Investigador, o de Adminstración e Servizos e o estudantado ás veces os intereses non son absolutamente coincidentes, pero neses casos o que temos que face é que co diálogo tratar de facelos compatibles e co esforzo de todos mellorar.
Escribe o teu comentario