A Mesa convoca unha manifestación contra as "agresións galegófobas" e "provocacións" de grupos ultras contra a lingua

Episodios como os de referir á Illa da Toxa como 'La Toja' en TVE ou os nomes equivocados que figuran nos mapas dixitais motivan á plataforma a convocar a protesta. 


|

FztlzWRWYAEN3xu
Foto: A Mesa

 

Sanxenxo, Ourense, A Coruña, A Toxa, Ribadeo...son moitas as localizacións da nosa xeografía que, xa sexa por intereses políticos ou doutra clase, saen escritos de forma distinta á oficial, a que marca a lingua propia do país. Por iso, desde A Mesa pola Normalización Lingüística decidiron non quedar de brazos cruzados e chamar á cidadanía a acudir ás 12 horas a unha protesta este venres 30 de xuño, ante o Obelisco da Coruña, onde se celebrará unha gran concentración en defensa da toponimia de Galicia e do uso dos nomes oficiais. 

 

O último episodio que espertou o malestar da plataforma é a serie de" provocacións protagonizadas os últimos días por parte dun grupo ultra (Hablamos Español) que está a contratar valos publicitarios para deturpar os nomes oficiais de varias localidades galegas".

 

 
"A cidadanía respondeu masiva e inmediatamente a través das redes sociais á colocación destas provocacións nas rúas do país, o que obrigou a retirar algúns dos valos, pero a entidade de defensa da lingua considera necesario mostrar tamén nas rúas a oposición frontal ás agresións galegófobas e defender, unha vez máis, a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 10 establece que 'a única forma oficial dos topónimos é a galega'", inciden desde a organización. 

 

 

GOOGLE, MEDIOS DE COMUNICACIÓN...

Ao tempo, lembran ás autoridades que teñen as ferramentas para actuar conforme á lei, referindo non só este suceso en valos publicitarios, senón tamén en "os medios de comunicación ou mapas dixitais como os de Google". 

 

ACoruna
Foto: A Mesa

 

"Atacar e ocultar a nosa toponimia é facelo tamén coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos", revindica A Mesa, que pide ás administracións públicas que tomen "as accións necesarias" para garantir o cumprimento da lei. De igual maneira, rogan que inicien o diálogo coas "compañías de xeolocalización" para que "empreguen as formas correctas e oficiais dos nomes de lugar e manifestar contra as campañas de odio á lingua galega e á denominación do seu territorio". 
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE