Fernández Prieto ingresa na Real Academia Galega reivindicando "a memoria silenciada" como fonte para a historia

O acto de ingreso celebrouse nunha sesión extraordinaria e pública no teatro Jofre de Ferrol


|

El historiador Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresa este sábado en la Real Academia Galega
O historiador Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresa este sábado na Real Academia Galega / Foto: @EP

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresou este sábado na Real Academia Galega (#RAG), reivindicando o papel da historia e a importancia da memoria "silenciada" na historiografía.

O acto de ingreso celebrouse nunha sesión extraordinaria e pública no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde creceu e estudou o bacharelato, organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dores Sánchez Palomino.

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977 , e Camilo José Cela, senador por designación real.

O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador "un exemplo claro da fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición", e de como "o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo".

"Hai aspectos do pasado que foron escondidos por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permiten construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado", reflexionou.

Para o novo membro da #RAG, a misión da historia "non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, desde a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado, pero tamén o que queremos herdar". Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia "como medio para facer historia, nunca para substituíla", matizou.

O investigador traballa desde os seus comezos no campo da historia agraria e desde 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo.

 

LUZ POZO GARZA

Na súa intervención, Fernández Prieto tamén tivo palabras para Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa desde este sábado. O seu sucesor retratouna como "unha muller doutro mundo en plena ditadura" e subliñou a través dela "o papel feminino" na recuperación da democracia.

Pola súa banda, o director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un "intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura de Galicia".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE