Fillas de Cassandra: "'Acrópole' non pretende ser unha verdade absoluta, pero si é unha verdade histórica das mulleres"

Galiciapress entrevista a Sara Faro e María Pérez, Fillas de Cassandra, as galegas que coa súa mestura de música urbana e melodías populares actuarán en O Son do Camiño e que están a triunfar co seu primeiro disco, 'Acrópole'. 


|

Unha revolución no panorama musical, a voz dunha xeración feminista, o grupo que máis vai soar este verán… Moito -e bo- escribiuse nos últimos meses de María Pérez (1996) e Sara Faro (2001), o dúo que forma o grupo Fillas de Cassandra, que a pesar da súa mocidade logrou coarse no cartel dun festival da magnitude mundial como O Son do Camiño. En concreto, actuarán o venres, unha das dúas xornadas nas que quedan entradas aínda á venda (os abonos esgotáronse antes do cartel  e para o sábado colgouse o cartel de non hai billetes)
 

Fillas de Cassandra atende a Galiciapress na estrada, onde pasarán moitas horas este verán de ruta por Galicia. De extremo a extremo da comunidade, a formación ten un calendario cheo de datas nos próximos meses, cunha parada inmediata este venres na Festa do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela.


A formidable acollida que tivo ‘Acrópole’, o seu primeiro disco, o apoio que están a recibir de toda a escena galega ou os proxectos que aínda non se poden contar -ou si?-, outros asuntos desta conversación con Sara e María SOA. 
 
Fillas de Cassandra espello
Foto: Fillas de Cassandra

 

A Cassandra, bendicida co don da clarividencia pero condenada a que ninguén confiase nos seus vaticinios, non a creron cando predixo a caída de Troia. A súa puido ser unha de tantas voces femininas silenciadas ao longo da historia. Mulleres que, polo mero feito de ser mulleres, foron acaladas e desposuídas da razón, a pesar de que a súa era a única verdade. Pasaron moitos milenios desde o rapto de Helena e os relatos da Ilíada, pero algunhas realidades perduran no tempo e seguen sendo o nexo que une a xeracións e xeracións de invisibles. Realidades que Sara FaroMaría Pérez fan canción, recollendo a testemuña de Cassandra como dignas herdeiras da sacerdotisa grega.

 

As Fillas de Cassandra son o presente e o futuro da música galega. O seu ascenso foi fulgurante e en moi pouco tempo convertéronse nunha formación referencia dentro do panorama musical do país. A velocidade á que se deron a coñecer só é comparable ca inmediata conexión que estableceron Sara e María SOA: un día eran dúas completas descoñecidas, ao seguinte un dúo con moita proxección e hoxe dúas voces indivisibles, capaces de terminar a frase da outra. 


De coincidir nunhas xornadas feministas a encher salas, o seu camiño estivo marcado pola casualidade, pero tamén polo traballo infatigable que as levou a publicar o seu primeiro disco, ‘Acrópole’, co que cultivaron un éxito indiscutible de público e crítica. Dous meses despois da saída ao mercado deste debut, as reaccións do público aínda as emocionan e só les sae unha palabra para definilo: “É impresionante”. 
 

“Desde que publicamos o disco, desde que o estreamos na Sala Capitol, todo foron boas experiencias, boas sensacións…a acollida non puido ser mellor”, explican. Esa euforia percibírona desde o primeiro concerto, cando o disco só tiña sete días de vida “pero todo o público sabía as letras de principio a fin”. 
 

UN SON PROPIO, UNHA ESTÉTICA CARACTERÍSTICA…

Da Capitol pasamos á Festa do Banquete de Conxo, a súa próxima actuación, este mesmo venres 12 en Santiago de Compostela. Alí, ademais de presentar o seu disco, filmarán un novo videoclip xunto a un grupo de nenos e nenas, unha iniciativa da propia organización do evento e á que se animaron as artistas. 

 

 

 

O audiovisual é outro campo no que demostraron moverse con certa soltura, tamén pola vinculación dos seus compoñentes co mundo do teatro. Cunha estética moi coidada e característica, as súas videoclips resultan moi recoñecibles, pero esa mesma identidade acaba permeando ao disco. “Tiñamos unha visión espacial da escena, do que queriamos plasmar nos vídeos, moi clara, polo que nunca tivemos problema”, aclara Sara, aínda que admite que trasladaban as súas ideas ao equipo de produción “cuns debuxos bastante rudimentarios”. 
 

“Concibimos o disco como un vínculo entre a Grecia clásica e a modernidade, polo que pensamos que en todos os vídeos tiña que haber esa conexión cos dous mundos e establecer ese fío de unión. No estilismo e nas escenas está representado, aínda que logo hai unha forma de aterralo na nosa realidade, por iso incorporamos escenas de manifestacións, algo que é totalmente actual, aínda que pasamos de escenas mitolóxicas a cantar nós de cara”, puntualizan. 

 

FEMINISMO A través das ÉPOCAS

Con todo, máis aló do plano compositivo, o que está fóra de toda dúbida é o eixo central do álbum, que é á súa vez un elemento catedralicio na súa experiencia vital: o feminismo. A temática das súas letras está moi marcada por esta corrente, o que as levou a ser inevitablemente referencia e voz de moitas mozas que ven nas súas letras as súas propias vivencias. 
 

“Non tiñamos esa pretensión. Ocórrennos cousas na nosa vida diaria e tiñamos a necesidade de plasmalas”, confesa Sara. María vai máis aló ao apostilar que os seus temas “non pretenden ser unha verdade absoluta, senón desde a nosa propia experiencia, pero as mulleres sentironse identificadas”. O feito de visibilizar a mulleres de distintos ámbitos, idades ou procedencias tamén é unha marca de auga de Fillas de Cassandra.
 

Fillas de Cassandra
Foto: Fillas de Cassandra

 

Aínda sen ser unha verdade absoluta, a súa é unha verdade histórica? “Iso si”, manifestan. “Non queriamos ser a voz de ninguén, pero contamos cousas que existían desde sempre. Fai 2.000 anos hai historias que se asemellan ás cousas que nos pasan aínda, que resoan con cousas de agora”, lamentan. 

 

Esas historias de onte e hoxe están acompañadas de ritmos que se moven entre mundos que poderían parecer antagónicos pero que mesturan dunha forma moi orgánica. Así, podemos atopar un tema que cabalga entre a música tradicional e a electrónica. A inspiración chégalles mesmo na furgoneta, onde comparten tantas horas e onde tecen as ideas iniciais e os conceptos que acaban compoñendo algúns dos seus temas, pero co paso do tempo o seu proceso creativo ha ido “mutando”. 

 

 

“Outras veces é por separado. Mándolle un piano a Sara para ver que lle sae a ela e compor algo máis, pero agora temos unha facilidade creativa que vai crecendo moi rápido”, razoa María. A distancia ás veces é un inconveniente, sobre todo ao vivir en cidades distintas. Con Sara en Porto e María en Vigo, ás veces costa “cadrar horarios” e obrígaas a estar “contra vento e marea”, pero no momento de se reunir “calquera espazo no que nos xuntemos facémolo noso”. 
 

Aínda que no disco poderían rastrexar moitas influencias musicais, Fillas de Cassandra sostén que non buscaron inspirar en ninguén de maneira expresa. “As influencias que temos de toda a vida son as que afectaron o disco, pero non tomamos de referencia nada concreto. Eu viña da música clásica, de escoitar moitos grupos de harmonías vocais, e Sara de grupos tradicionais, das cantareiras e pandereteiras, pero tamén as dúas coa música actual e que escoitamos todos os días”, xustifica María. A pesar de todo, sempre hai lugar para as pequenas diferenzas. Así, mentres que a Sara gústalle particularmente o xénero indie, un aspecto co que María non casa tanto. 

 

VERÁN NA ESTRADA

As pelexas polo que soa ou deixa de soar na radio da furgoneta poden ser a tónica xeral dun verán no que teñen previsto percorrer Galicia polo catro custados. O Son do Camiño, Revenidas, Atlantic Pride, O Castañazo, Galegote Rock, A Revolta do Umia…datas e datas nunha axenda que non deixa de crecer. De entre todos, destacan O Son do Camiño pola oportunidade que lles concede o festival santiagués de compartir cartel con algúns nomes tan importantes como Alt-J, do que María se recoñece admiradora.
 

 

A outra gran cita pola que senten predilección é o Revenidas. O de Vilaxoán é un deses festivais no que deron o salto das tendas de campaña ao escenario principal, algo que para elas é un soño. “Xa iamos como espectadoras, pero agora vai ser unha reunión de amigos e amigas. Imos xuntarnos con Rebeliom do Inframundo, con Arrythmia…estamos moi ilusionadas”.

 

No Monte do Gozo coincidirán con outros artistas de relumbrón tanto internacionais como locais, algúns da talla de Xoel López ou The Rapants. “Se todo se dese dunha maneira marabillosa na que puidésemos cadrar con eles e non tivesen o camerino pechado sería marabilloso”, imaxinan. Con todo, comprenden que “facer piña é moi complicado” nun gran evento como ese, aínda que din estar predispostas a “coñecer xente nova e deixarnos influenciar”.


UNHA ESCENA CHEA DE “COLEGAS”

O hermetismo dalgúns grupos é o contrapunto co que ocorre coa escena galega, onde todos van a unha. Se hai uns días eran Sergio e Alberto, de Galician Army, os que celebraban o “bo rollo” existente na comunidade, agora son Sara e María as que reafirman esas vibras tan sas que conectan a todos os artistas emerxentes. “É outra movida. Todos somos colegas. En canto no coñecemos xa queremos colaborar”, razoan. Como exemplo, está a súa participación en ‘NÓS’, o álbum debut de Galician Army no que remezclan un dos temas de Fillas de Cassandra. 

 

 

Desde o principio atopamos unha escena cos brazos moi abertos. E de todos os estilos musicais, algo que nos sorprendeu moito. Non foron só persoas que viñan do tradi, senón do rap, do rock, do metal…foi unha acollida total de xente moi diversa”, festexan. O seu disco ten o ton de “unha electrónica intensa, escura”, pero non se pechan a facer cousas novas e tocar todos os paus. 

 

No que se resisten é en dar a coñecer os proxectos nos que están a traballar. A ver, resístense, pero non moito, porque elas mesmas defínense entre risas como “Fillas do Spoiler”, xa que é nos seus directos onde algunha que outra vez se van da lingua e avanzan as cousas que están por vir. “Colaboracións haberá seguro, e o bo de facer spoiler nos concertos é que cando sane a xente xa os coñece”, afirman, á vez que si avanzan que pronto verán a luz un par de temas novos.

 

As boas relacións con outros grupos axudan a manter moi viva esta nova onda da música galega, da que elas son un dos seus máximos expoñentes. A boa saúde deste movemento pode ter moitas explicacións, desde a aposta dos grandes festivais por músicos locais até o desterro dos complexos para compor e tocar en galego. 

 

As “Cassandras” subliñan como un elemento fundamental “a confianza que depositaron en nós, non só os festivais, as persoas que a título individual que nos foron coñecendo o ano pasado durante este proceso de composición do disco, e un gran traballo detrás”. O respaldo que recibiron no seu empeño, como neofalantes como se definen, por promocionar o galego na cultura foi outro aspecto que as elevou até onde están, sen marcar nunca como obxectivo a compracencia do público, senón facer o que de verdade as move e motiva. 

 

“Fixemos as cousas sen pensar que fose gustarlle aos demais ou que fose ter éxito. É unha verdade que está nos nosos temas”. Unha verdade tan grande como as de Cassandra, que nunca foi escoitada. Agora ás súas fillas escóitanas todos e, como a súa nai, só din verdades. Isto Cassandra non o viu vir… ou si e nunca o soubemos? 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE