Así é o programa do Culturgal 2022 con máis de 100 expositores e 30 actividades, especialmente para nenos
Como novidade deste ano, hai unha xornada previa, o xoves, organizada só para os profesionais da cultura, que terán un pouco máis de espazo para intercambiar experiencias e facer negocios nunha cita que habitualmente está moi concorrida de público familiar.
As entradas xa se poden comprar en liña, desde tres euros para os nenos de 3 a 12 anos, 4 euros para os adultos e gratis para os menores de tres anos.
Tamén hai descontos familiares para os catro días que dura a gran cita da cultura galega no Pazo de Exposicións de Pontevedra.
Hai unha programación especial para os nenos, que inclúe concertos, cine, videoxogos, talleres, contos e moitas máis actividades. (PDF ao final da noticia)
A décimo quinta edición de Culturgal acaba de dar a coñecer a programación que desenvolverá no Recinto Feiral de Pontevedra do 24 ao 27 de novembro e na que contará con 115 expositores e 30 actividades nas que están implicadas boa parte das asociacións sectoriais e profesionais que operan na cultura galega.
A directora da Culturgal, Eva Alonso, presentou este venres a programación nun acto no que estivo acompañada de Vitoria Alonso, directora de Cultura na Deputación de Pontevedra, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais, e Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.
Eva Alonso destacou que a oferta dirixida a entidades e profesionais terá un espazo físico propio no recinto feiral, no que durante o fin de semana celebraranse faladoiros, mesas redondas, talleres, sesións formativas, foros e presentacións de informes.
O xoves 24, restrinxida a profesionais con invitación, arrinca este programa coa xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia.
Durante a presentación, Anxo Lorenzo, aplaudiu este "reforzo profesional" da Feira, xa que "sen dúbida esta ten que ser a vocación da Culturgal", para que profesionais e entidades coñezan propostas de produción, distribución e outras "máis aló de que siga sendo o gran escaparate da cultura galega para o público xeral", comentou.
Pola súa banda, Vitoria Alonso animou a toda a poboación a acudir a esta Culturgal e explicou que a caseta da Deputación de Pontevedra será "un paraugas para as propostas culturais dos concellos da provincia". Na caseta do Concello de Pontevedra, tal como apuntou Carme Fouces, mostraranse os proxectos culturais máis destacados da cidade e animarase ao público a participar no "banco de voces en galego" destinado aos aparellos electrónicos.
PRESENTACIÓN DE NOVOS LIBROS
O Culturgal reunirá nomes protagonistas da creación literaria en Galicia. Haberá presentacións de novidades, coloquios, encontros coa comunidade lectora e firmas nas casetas das editoriais e librarías. Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Fran P. Lorenzo serán algúns dos protagonistas do Programa Libro, que homenaxeará o sábado 26 a Helena Villar Janeiro polas súas "50 anos de poesía e compromiso".
E no Espazo Arte, instalado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, tentarase sorprender ao público coa peza Multiperspectivas#2 de Paula Quintas, con dúas pases na mañá do domingo. Ademais, haberá talleres creativos orientados á participación do público familiar, de libros de cartón, de collage, de autorretratos, de construción con materiais de refugallo ou, mesmo, de cambio climático.
O evento tamén inclúe multitude de talleres infantís, de videoxogos, as propostas de Magín Blanco, o 'Quero Cantar' da Deputación da Coruña e, o venres 25 de tarde, Baobab Teatro representará no Auditorio a súa peza 'O lobo e a lúa', mentres que o domingo, ás 12,30 horas, Elefante Elegante representará 'CUBO'.
PROXECCIÓN DE PELÍCULAS E CONCERTOS
A programación de cine inclúe a exhibición do filme de Ángeles Huerta 'O corpo aberto', de 'Valentina' de Chelo Loureiro, 'Unicorn Wars', de Alberto Vázquez, 'Eles transportan a morte' de Samuel L. Delgado y Helena Girón, 'A virxe roxa' de Marcos Nine, 'Welcome to ma maison' de Andrés Goteira e 'O gran Camiño', de Alba Prol e Raúl García. O acceso ás películas está incluído na entrada xeral da Feira.
Finalmente, o venres 25 preséntase 'Credo', de Nova Galega de Danza, e Daniel Rodríguez leva a Culturgal o seu proxecto 'A raiz de'. O sábado 26, Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore mostrarán a diversidade da música galega nunha sesión que se denomina CulturgalSon15.
PROGRAMACIÓN INFANTIL DO CULTURGAL 2022:
Escribe o teu comentario