Rescatan ileso un condutor que caeu ao mar co seu vehículo en Rianxo
A propia familia do condutor recolleuno no peirao da localidade coruñesa.
Un particular que se atopaba na zona rescatou na tarde deste sábado ao condutor dun vehículo que caera ao mar en Rianxo e que resultou ileso.
Segundo a información do CIAE 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 19,20 horas deste sábado, cando un particular alertou aos Bombeiros de Boiro de que un vehículo caera ao mar no peirao de Rianxo.
Os propios Bombeiros, que se desprazaron até a zona, informaron de que un particular se tirou á auga para socorrer ao condutor, un octoxenario que resultou ileso, e que a súa familia xa o recolleu.
No lugar tamén se atopaban os axentes da Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rianxo. Os axentes indicaron que o coche estaba mergullado pero que esperarían a que baixase a marea para a súa retirada.
Desde o 112 Galicia informouse dos feitos ao persoal de Salvamento e do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Escribe o teu comentario