A Asociación Galega de Amizade con Israel critica a "violencia" das protestas na Volta
AGAI argumenta que as manifestacións contra o equipo de ciclismo financiado por unha empresa de Israel en realidade son unha mostra de odio contra todo os judios. A única ferida coñecida até agora foi a concelleira do BNG detida na protesta de Monforte. Non hai noticias de axentes das forzas de seguridade lesionados.
O paso da Volta Ciclista a España por estradas galegas viuse envolvido nunha notable polémica, culminando na alteración dunha das súas etapas crave. A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) emitiu un comunicado condenando enerxicamente o que cualifica como "actos de intimidación e violencia" por parte de manifestantes contrarios á presenza do equipo Israel-Premier Tech, mentres que o colectivos prol-palestinos defenden o seu dereito á protesta contra o que consideran, do mesmo xeito que o Goberno de España, un "xenocidio".
Na súa nota de prensa, a asociación expresou a súa máis firme repulsa ás mobilizacións que acompañaron á competición deportiva en Galicia. Segundo AGAI, estas accións ocultan "un nada disimulado odio a todo o relacionado con Israel" baixo o pretexto do apoio ao pobo palestino. A organización pon como exemplo desta hostilidade o uso de lemas como "Desde o río até o mar", que ao seu xuízo, avoga pola "destrución total do estado de Israel", un cántico que, sosteñen, vai máis aló da crítica política lexítima e penétrase no terreo da incitación.
O punto máis álxido da tensión viviuse durante a etapa con final previsto no Alto do Groba, no municipio pontevedrés de Mos. A asociación lamenta no seu comunicado que o "acoso" dos manifestantes obrigase á suspensión do final da etapa no seu tramo definitivo.
Efectivamente, a organización da Volta viuse forzada a neutralizar os últimos quilómetros da subida, tomando os tempos para a clasificación xeral a unha distancia de seguridade da meta ante o bloqueo da estrada por centos de activistas, confirmando así o impacto directo das protestas sobre a competición.
Pola súa banda, os colectivos convocantes, entre os que se atopa a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, enmarcan as súas accións nunha campaña de denuncia contra as políticas do goberno israelí en Gaza. Baixo consignas como "Israel asasina, a Volta patrocina", os manifestantes acusan o equipo ciclista de ser unha ferramenta de "lavado de imaxe" ou sportswashing para normalizar unha situación que cualifican de "xenocidio". O seu obxectivo, aseguran, non é o deporte nin os ciclistas, senón a visibilización do conflito e a presión internacional contra o Estado de Israel.
A Asociación Galega de Amizade con Israel quixo matizar a composición da escuadra ciclista para pór en perspectiva o foco das protestas. No seu comunicado, lembran que no equipo Israel-Premier Tech soamente un dos corredores que compiten na rolda española é de nacionalidade israelí. Con este dato, a asociación suxire que a oposición é indiscriminada contra calquera símbolo que represente ao país, independentemente da nacionalidade dos deportistas implicados.
Fronte á versión de AGAI, os manifestantes argumentan que o nome do equipo e o seu principal patrocinio están directamente vinculados ao Estado israelí, converténdoo nun representante do mesmo no ámbito deportivo internacional. Por iso, consideran que é un obxectivo lexítimo para as súas accións de boicot, desinversión e sancións (BDS), unha campaña global que busca presionar a Israel para que cumpra co dereito internacional.
As mobilizacións en Galicia non foron un feito illado, senón que seguiron a tónica doutras etapas da Volta ao seu paso por diferentes puntos da xeografía española, onde tamén se produciron concentracións e actos de protesta.
No medio deste cruzamento de acusacións, a Asociación Galega de Amizade con Israel concluíu o seu comunicado cun "chamamento aos valores que verdadeiramente unen aos pobos". A organización defende que o deporte debe ser un espazo para a promoción do respecto, a tolerancia e a cooperación entre persoas de diferentes culturas e orixes. Un ámbito, recalcan, que debería manter á marxe dos conflitos políticos.
Escribe o teu comentario